0 Gardados para despois

A folga do persoal de Xustiza redobra a presión na demanda de melloras laborais

Redacción | @prazapublica

O persoal galego da Administración de Xustiza saíu este xoves ás rúas en demanda de melloras que compensen a discriminación que din sufrir tanto no aspecto salarial coma nos seus dereitos laborais. Reclaman ademais, unha maior dotación de persoal para paliar as situacións de saturación que sofren moitos xulgados. O paro, apoiado por todas as centrais sindicais, SPJ-USO, AXG-CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO, levou a unha importante paralización dos tribunais este xoves en Galicia, coa suspensión dun milleiro de actos. 

Segundo os propios datos do Goberno galego, o 84% dos e das empregadas da Administración de Xustiza non foron traballar

Os sindicatos falan dun seguimento histórico do paro, de ao redor do 95%, que a Xunta rebaixa ata o 42%. Porén, segundo os propios datos do Goberno galego este día o 84% dos e das empregadas da Administración de Xustiza non foron traballar, sumando os e as que exerceron o seu dereito de folga e os que solicitaran non traballar este día.

Máis de dous mil participaron na manifestación que percorreu as rúas de Compostela, que partiu da Alameda e rematou ante a sede do Parlamento, contando co apoio de En Marea, PSdeG-PSOE e BNG. O paro deste xoves únese ao que xa tivo lugar o pasado 1 de decembro e que tamén contou cun gran seguimento.

Denuncian a eliminación de prazas, que calculan en 106 (un 5% do persoal total) desde 2013

O persoal da Xustiza deu por rotas hai cinco días as negociación que mantiña coa Xunta para evitar a folga. Os traballadores queren negociar un incremento do CAT (Complemento Autonómico Transitorio), xa que, segundo explican, desde 2013 os funcionarios perderon sobre un 40% das extras deste CAT, o que supón sobre uns 10.000 euros menos anuais no caso dos médicos forenses, 5.000 no caso dos xestores, preto de 4.000 para os tramitadores e sobre 3.500 para auxiliares. Outro dos problemas que denuncian é a eliminación de prazas, que calculan en 106 (un 5% do persoal total) desde 2013, co aumento de carga de traballo, os problemas á hora de executar sentenzas, a lentitude da xustiza e a falta de medios que iso supón. Ademais, a situación afecta especialmente "aos xulgados máis achegados á cidadanía", como os de familia, os de paz ou contencioso", polo que piden un plan de amortización das prazas eliminadas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.