Un recorte nas axudas da Xunta deixa no aire dez prazas de atención a persoas con síndrome de Down

Intervención de Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, no Parlamento © Down Galicia

176.670 euros. É a cantidade que Down Galicia e as súas entidades asociadas deixarán de recibir da Xunta este ano, tras coñecerse a resolución das subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro. Unha redución moi importante que segundo sinala o presidente da asociación, Delmiro Prieto, moi probablemente obrigará a prescidir de dez prazas de profesionais que viñan prestando servizos de inserción laboral, inclusión escolar, formación prelaboral, atención temperá ou de fomento da vida independente. "Todo un abano de servizos que prestamos ao longo do ano e que vimos ofrecendo de forma regular e crecente dende hai moitos anos ás persoas usuarias coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, así como ás súas familias", di.

"Queda gravemente comprometida a calidade destes servizos ao contar con menos persoal para proporcionar ás persoas usuarias a atención que necesitan"

"De momento aínda estamos estudando os efectos desta redución que, a verdade, colleunos bastante de sorpresa", sinala, pero advirte de que "queda gravemente comprometida a calidade destes servizos ao contar con menos persoal para proporcionar ás persoas usuarias a atención que necesitan". "Todas as entidades contan con orzamentos moi axustado e o dano vai ser claro. Aos usuarios que atendían dúas veces por semana, van poder atendelas unha nada mais, os programas sufrirán retrasos, e os obxectivos serán máis difíciles de cumprir", di.

"Non era que saíramos da crise? Unha cousa é que os orzamentos non aumenten, pero vimos de sufrir un recorte moi importante"

Prieto insta á Secretaría Xeral de Emprego a “axilizar a nova convocatoria de fomento do emprego para poder incorporar ao equipo de traballo de Down Galicia e das súas entidades membro novos profesionais que poidan contribuír a dar un servizo de calidade ás persoas usuarias”. E subliña que non atopan explicación a esta redución na concesión da subvención para a contratación de traballadores de Programas de Cooperación, “xa que os servizos da Federación seguen na mesma liña que outros anos e a orde, o orzamento e os criterios de valoración son, aparentemente, os mesmos”. "Non era que saíramos da crise? Unha cousa é que os orzamentos non aumenten, pero vimos de sufrir un recorte moi importante", subliña.

En total, serán 658 persoas usuarias das entidades Down de Galicia as que vexan "resentida" a calidade do servizo recibido e "posiblemente dilatarán no tempo o seu proceso de inclusión social e laboral", sinala Delmiro Prieto que critica, ademais, o procedemento seguido: "Fíxose moi mal, son convocatorias que teñen que estar resoltas en setembro. En cambio, isto presentouse a final de ano, e déuselles ás organizacións apenas unhas semanas para formalizar as contratacións ligadas a estas subvencións. Houbo entidades que non chegaron a tempo e tiveron que renunciar a algún dos postos".

 

Educación e emprego

"Fíxose moi mal, son convocatorias que teñen que estar resoltas en setembro. En cambio, isto presentouse a final de ano, e déuselles ás organizacións apenas unhas semanas para formalizar as contratacións"

En canto ás demandas educativas, Prieto destaca a importancia de “continuar avanzando cara unha escola inclusiva, que se apoie na convicción de que todos os alumnos e alumnas poden aprender cando se lles outorgan as oportunidades e condicións de aprendizaxe axeitadas, educando en valores que unicamente se aprenden en contextos de diversidade”. Neste punto, o presidente de Down Galicia amosouse especialmente crítico coa LOMCE, á que cualifica de “anticuada, segregadora e baseada unicamente en resultados”. En relación ás demandas referidas ao ámbito laboral, desde Down Galicia ven imprescindible que a Administración autonómica "cambie a súa tendencia regresiva na inversión en apoios ao emprego inclusivo", facendo así "unha aposta clara pola promoción de políticas de emprego de inclusión laboral na empresa ordinaria".

O recorte afecta a 650 persoas usuarias das entidades de Down Galicia © Down Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.