0 Gardados para despois

O masivo seguimento da folga na Xustiza obriga a suspender 700 xuízos en Galicia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A folga indefinida do persoal da Administración da Xustiza comezou este mércores cun seguimento masivo -do 90% dos traballadores secundaron o paro, segundo os sindicatos-, o que obrigou á suspensión duns 700 xuízos, así como de milleiros de trámites e procedementos xurídicos en todo o país. Malia os servizos mínimos, foron moitas as dependencias xudiciais que amenceron baleiras ou con escasos traballadores, unha situación que se repetirá este xoves.  

A falta de acordo entre a Xunta e os representantes do persoal abocou a unha folga indefinida á que están chamados uns 2.700 funcionarios xudiciais que demandan melloras que compensen a "discriminación" que din sufrir, tanto no aspecto salarial coma nos seus dereitos laborais, con respecto aos traballadores do resto do Estado ou que non dependen do Goberno galego.

Por cidades, segundo datos sindicais, o seguimento foi dun 85% na Coruña, outro 85% en Ferrol, un 93% en Santiago, 93,7% en Ourense, 94,4% en Vigo, 94% en Pontevedra e 85% en Lugo. Ademais, noutras localidades como A Estrada ou Marín mesmo se chegou ao 100% do seguimento, mentres que en Cambados ou Lalín alcanzaron o 98%. Ademais, chegouse ao 93% en Caldas de Reis, o 90% en Vilagarcía ou o 70% en Carballo e Corcubión. 

No entanto, a Xunta reduciu o seguimento da folga a un 38,7%, aínda que se contabilizar ausencias xustificadas e servizos mínimos. Nese caso, asume máis dun 70%, unha cifra "importante", segundo o director xeral de Xustiza, Juan José Martín. Nun comunicado, o Executivo dixo "manter a súa disposición a dialogar e a súa oferta de ata 900 euros anuais por traballador, que coloca a Galicia por riba da media do conxunto das comunidades autónomas". 

Feijóo ofreceuse a "seguir falando" pero aclara que a suba salarial en 2018 "sería ilegal"

Con todo, e a pesar da ausencia de reunións ou convocatoria de xuntanza ningunha, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofreceuse a "seguir falando" e retomar o diálogo, pero insiste en que subir o salario este ano, unha das reivindicacións dos funcionarios, "sería ilegal". Ademais, asegurou na sesión de control no Parlamento que "aceptar a proposta que está enriba da mesa" suporía un incremento de retribucións para todos os traballadores públicos da Xunta e un gasto extra "de 600 millóns de euros".  

O xefe do Executivo galego dixo querer "solucionar" o conflito, insistiu en que a oferta da Xunta era dunha suba de entre 600 e 900 euros anuais -algo que negan os traballadores, que din que sería a repartir en tres anos- e que esta proposta "poría Galicia por riba da media das comunidades autónomas". Ademais, salientou os "investimentos en infraestruturas" xudiciais e preguntoulle ao portavoz de En Marea, Luís Villares, se quere "solucionar o problema da Xustiza ou incendialo"

"O persoal está indignado, enfadado e vai aguantar todo o posible", asegura o comité de folga

Desde o comité de folga, o seu portavoz, Miguel Tejada, destacou que o persoal da Administración de Xustiza "está indignado e enfadado e vai aguantar todo o posible". Nas concentracións que se levaron a cabo en todas as sedes xudiciais berrouse contra o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e, ademais dos funcionarios dependentes da Xunta, tamén houbo presenza de xuíces que apoiaron as demandas dos seus compañeiros. 

Así, a plataforma unitaria sindical advirte que só admitirán "un interlocutor no conflito, que é a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza" porque, segundo din, "os problemas son sectoriais e de persoas e non de números". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.