A Xunta di que a súa oferta na folga da Xustiza “non vai variar” malia que as dúas partes xa rebaixaron as propostas iniciais

Aspecto este martes dos xulgados de Ponteareas, onde non foi festivo Dominio Público @alternativaxus

Sen avances na negociación entre Xunta e sindicatos no quinto día de folga na Xustiza vivido este martes, o Goberno galego mantén a súa estratexia de amosarse inflexible fronte ás reclamacións dos traballadores. Malia que neste tempo tanto a Xunta como o comité de folga rebaixaron as súas respectivas posturas iniciais, este martes o vicepresidente, Alfonso Rueda, asegurou que a postura do Goberno galego “non vai variar por moito que pasen os días”.

“Isto non é ningún pulso”, asegura o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, na quinta xornada de paro, condicionada este martes polo festivo en media Galicia

Este luns o Goberno galego ofreceu aos traballadores unha suba salarial de entre 816 e 1.080 euros ao ano, coa que mellorou a súa anterior proposta de incrementar o complemento autonómico transitorio entre 660 e 900 euros ao ano. Pola súa banda, os sindicatos rebaixaron as súas peticións iniciais nun 18% e propuxeron unha suba progresiva para todos os corpos que chegaría en 2020 aos 225 euros máis ao mes, o que suporía 2.700 euros máis ao ano.

Malia esas variacións a respecto das respectivas posturas iniciais, que tamén se produciron noutros aspectos das negociacións, Rueda asegurou este martes que “isto non é ningún pulso, ningún toma e daca”, e insistiu no discurso do Goberno galego de que ten que administrar os recursos públicos con responsabilidade e que non podería ofrecer unha suba similar ao resto de empregados autonómicos.

Pola súa banda, o comité de folga emitiu unha nota de prensa na que critica que o Goberno galego, ao que segue reprochando que envíe a negociar a directores xerais e non a responsables de maior nivel, aínda non garantiu as melloras en materia de reforzos e substitucións prometidas. Os sindicatos tamén salientaron que se mantén o alto nivel de seguimento da folga, este martes nas localidades nas que non é festivo local polo entroido.

Comunicado divulgado polos sindicatos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.