0 Gardados para despois

UGT Galicia di adeus ao 'compañeiro Suso'

Redacción | @prazapublica

Jesús Mosquera Sueiro foi practicamente un sinónimo da UGT-Galicia durante a maior parte do actual período democrático. No verán de 1980, en pleno período preautonómico, Suso Mosquera, o 'compañeiro Suso', chegou á secretaría xeral do sindicato ao que se afiliara procedente da Unión Sindical Obrera, organización que se fusionara apenas tres anos antes coa Unión General de Trabajadores, sindicato que este martes, 13 de febreiro, lamenta o seu falecemento na Coruña aos 74 anos de idade.

O "compromiso coa clase traballadora" levou a Díaz a participar en organizacións obreiras de raíz cristiá durante os anos de "loita contra a ditadura" nos que, subliña a UGT, "foise familiarizando coas ideas socialistas". Nos primeiros anos do seu mandato tivo a responsabilidade de despregar a estrutura autonómica desta central sindical en Galicia, a segunda en se constituír tras a de Catalunya. En pouco tempo, lembran, logrou "converter a UGT na primeira forza sindical" do país.

O impulso de Unións Agrarias foi outro dos seus primeiros traballos nun período no que Mosquera se implicou tamén directamente no PSdeG, primeiro como militante e despois, tamén como membro das súas listas electorais ao Parlamento galego, ao que chegaría tras as eleccións de 1985. O impulso da creación do Consello Galego de Relacións Laborais foi unha das súas principais achegas ao lexislativo galego, no que non remataría aquela convulsa lexislatura.

Mosquera despregou a estrutura galega do sindicato, que liderou nos intensos anos da reconversión

A folga xeral do histórico 14 de decembro de 1988 levouno a dimitir do escano como mostra de desacordo co rumbo do Goberno central de Felipe González no eido laboral. A reconversión naval e outras loitas marcarían o seu traballo sindical no remate dos 80 e nos primeiros anos 90, período nos que serían convocadas outras dúas folgas xerais.

Cartaz do primeiro congreso da UGT Galicia, en 1979 / Fundación Luis Tilve

A ese período corresponde tamén a creación da Fundación Luís Tilve, ligada á historia do socialismo en Galicia tanto no ámbito partidario como sindical. Esta entidade centrou os seus esforzos como presidente dende 2005, cando deixou a secretaría xeral do sindicato. UGT Galicia subliña, tras o seu pasamento, que "co falecemento do compañeiro Suso marcha un dos máis preclaros referentes do sindicalismo e do movemento socialista en Galicia". "A súa inquedanza para acadar unha sociedade máis xusta e a defensa da clase obreira acompañarán sempre a UGT, subliñan.

Os restos mortais de Suso Mosquera foron trasladados ao tanatorio Servisa da Coruña, onde serán incinerados este 14 de febreiro.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.