0 Gardados para despois

A aposta do Sergas por estender as consultas vía internet pon en alerta ao persoal

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A denuncia chegou desde o sindicato CESM-Galicia, a pasada semana, cando advertiu de que o acceso a unha primeira consulta de endocrinoloxía desde algúns servizos de Atención Primaria da área sanitaria da Coruña estábase a realizar unicamente vía internet e sen posibilidade dunha atención directa e en persoa do especialista ao paciente. Acompañaban a queixa do correo que a xerencia enviaba aos médicos para instaurar ese sistema de e-consulta desde o pasado 1 de febreiro en tres centros. Pero non son os únicos, este método para unha consulta inicial telemática e non presencial leva implantado xa tempo en numerosos departamentos e áreas sanitarias galegas. 

CESM denuncia que as primeiras consultas de endocrinoloxía nalgúns servizos da Coruña realízanse só por internet e sen posiblidade de atención directa do especialista

"Vaise pilotar para os tres Servizos de Atención Primaria (SAP) de Os Rosales, Carballo-Malpica-Coristanco e SAP Matogrande que as primeiras consultas con endocrinoloxía sexan tan só de xeito non presencial", di o correo enviado pola directora de Procesos Sen Ingreso e Urxencias da área sanitaria da Coruña, que aclara que "nestes tres servizos, a partir do 1 de febreiro", para "acceder á primeira consulta de endocrinoloxía farase tan só a través da e-consulta, non sendo posible a cita presencial". 

Un correo do Sergas aos profesionais aclara que se instaura o sistema para que "as primeiras consultas sexan tan só de xeito non presencial"

O sindicato CESM asegura que estas directrices supoñen "un grave atentado contra o exercicio da medicina e os dereitos do paciente", rexeita o método e reivindica que os profesionais poidan explorar fisicamente ao doente. De feito, aseguran que o sistema "anula a posibilidade de enviar o paciente a ser revisado polo endocrino aínda que o seu médico de cabeceira o crea necesario" e lembran que o proxecto implántase "na primeira cita" e "sen que antes o endocrino tivese visto xamais ese paciente". 

Correo enviado desde a xerencia aos profesionais para a implantaciónd a 'e-consulta' nalgúns centros da área da Coruña

Desde a xerencia sanitaria coruñesa aclárase que a decisión débese á instauración dun programa piloto para axilizar a atención e que é voluntario, xa que calquera dos centros indicatos podería abandonar o programa se así o desexa. No sindicato, pola contra, aseguran que "o correo enviado deixa claro que non ten nada de voluntario" e advirten de que o motivo real deste método é "reducir as listas de espera, evitar empeorar as estatísticas" e, "no fondo, facer que a xente acabe indo á privada ante a falta de atención". "Non sendo posible a cita presencial", lembran que di o e-mail. 

O CHUAC aclara que o proxecto é "voluntario" e que os centros poden abandonalo cando o desexen

Desde o Sergas, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, explica a Praza Pública que esta modalidade asistencial é común desde 2013 nas áreas sanitarias galegas e en diferentes servizos hospitalarios e que está baseado na historia clínica electrónica que comparten médicos de atención primaria e especialistas. Con este sistema, explica, trátase de "reducir os desprazamentos sen valor ningún" que moitos pacientes fan ao hospital cando os médicos de atención primaria, consultando co especialista correspondente, poden resolver o problema a través destas denominadas "interconsultas electrónicas".

"É un traballo entre dous profesionais que, conxuntamente, deciden se o problema se pode resolver xa no médico de cabeceira ou se é necesaria unha consulta ou proba específica co especialista", explica Aboal, que aclara que, ademais, isto "evita que a primeira consulta nunha especialidade sexa só de contacto e permite que esa primeira visita sexa xa resolutiva". 

O Sergas aclara que a 'e-consulta' é un sistema instaurado hai anos e que busca "reducir os desprazamentos sen valor ningún" ao hospital

Segundo datos de Sanidade, neste pasado ano 2017 en Galicia leváronse a cabo máis de 100.000 (unhas 106.000) consultas non presenciais coas que se "evitou o desprazamento do 70% dos pacientes atendidos, aos que se lle resolveu a dúbida ou problema asistencial sen necesidade de que acudisen ao hospital". Ademais, explica Aboal, "alixéiranse as listas de espera, ao reducirse os tempos e as consultas de casos que poden ser resoltos a través dunha interconsulta electrónica nestes primeiros accesos aos especialistas". "A xente está moi satisfeita co modelo", engade. 

Desde o sindicato, pola contra, coinciden en que o proxecto lévase xa tempo aplicando en diferentes servizos das áreas sanitarias galegas pero critican que o que fai o Sergas é primar a e-consulta sobre a consulta presencial e remiten ao correo electrónico que insta a que esas primeiras consultas sexan "só presenciais". "Que agora saia á luz pública non significa que non sexa un modelo desenvolvido desde hai anos noutras consultas; xa o denunciamos ao Sergas pero, como sempre, non fai nada", explican desde CESM. 

Máis de 100.000 persoas foron atendidas de xeito non presencial en Galicia en 2017: "Evitouse o desprazamento do 70% dos pacientes"

O director xeral de Asistencia Sanitaria aclara que o feito de que se vaian enviando comunicacións deste tipo aos profesionais responde a que "se van implantando a e-consulta en diferentes servizos" das diferentes áreas sanitarias. "Agora tocoulle a endocrinoloxía na Coruña, como hai anos tocou en Santiago", di, tras asegurar que xa se terá establecido "un protocolo" e que a partir de agora determinarase, en cada caso, se este "pode ser resolto electronicamente ou debe ser o especialista o que debe actuar". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.