É Miguel Rosendo, fundador da presunta seita Orde e Mandato, un bruxo e un abusador, ou todo é unha basta montaxe? Esta é a tese que defenden tres relixiosas da extinta congregación, investigadas na trama que desde hai tres anos mantén en prisión provisional a Rosendo, e que este venres convocaron unha rolda de prensa para deixar clara a súa verdade.
"O caso miguelianos non existe, é todo unha montaxe. Miguel é un pai de familia inocente que leva tres anos e tres meses en prisión. É unha situación de inxustiza inhumana", subliñou Marta Paz, a man dereita de Rosendo, quen asegurou que "xamais abusaron de min sexualmente".
As tres mulleres que compareceron ante a prensa culpan outro relixioso de artellar unha montaxe para "destruír a asociación" e "conseguir poder"
"Son virxe, nunca mantiven relacións sexuais", afirmou a relixiosa, quen denunciou como "fun presentada como unha das maiores vítimas duns abusos que xamais sucederon". Para demostralo, apuntou que se tivo que someter "a unha peritaxe psicólóxica e a outra xinecolóxica". "Aí si que sentín violada na miña dignidade de muller".
Ao tempo, Marta Paz acusa o sacerdote e asistente eclesiástico da Orde, Isaac de Vega, de estar por tras destas acusacións que, na súa opinión, buscaban "destruír a asociación" e "conseguir poder".
Tanto para Paz como para Ivana Lima e Iria Quiñones "están a manipular" os seus pais e "a usar a súa condición de sacerdote para difundir toda esta montaxe". "Enganaron ás nosas familias", aseguraron as consagradas. As tres apareceron acompañadas doutros tres sacerdotes que apoian a súa versión, e que desde hai anos veñen loitando contra o que consideran unha inxustiza contra Rosendo.
A Audiencia de Pontevedra rexeitou a apelación de seis dos afectados polo auto de procesamento ditado polos xulgados de Tui e 17 persoas serán xulgadas
Miguel Rosendo foi detido en decembro de 2014 en Madrid, onde se desprazou despois de ser expulsado polas autoridades eclesiásticas, que reaccionaron tras coñecer o demoledor informe dun despacho de detectives. O dossier, realizado tras a saída do grupo dunha das súas vítimas, detallaba os supostos abusos sexuais, físicos e psicolóxicos que exercía o gurú sobre os seus seguidores.
"A algunhas das mulleres coas que mantiña relacións ordenáballes tomar todos os días unha pastilla, sen desvelar a súa composición nin finalidade", relata o informe, que detalla que aínda que Rosendo cometía os presuntos abusos con persoas de ambos os sexos, as súas vítimas favoritas eran unhas falsas monxas ás que denominaba bastóns, e que manipulaba e supostamente drogaba para que accedesen a ter relacións sexuais e orxías.
O Bispado de Tui-Vigo é considerado responsable civil subsidiario no proceso; é acusado de dar amparo ao colectivo investigado
A finalidade da falsa orde era tamén o proveito económico de Rosendo e os seus. Xa o informe dos detectives revelaba a existencia de "unha armazón de estafa e tráfico de influencias adaptado ao seu lucro persoal", amparado nunha suposta idea de acción social e familia cristiá. A existencia de polo menos outros nove imputados polos supostos delitos contra a Facenda Pública e de asociación ilícita apoia esta sospeita.
Nas próximas semanas, comezará o xuízo no que, finalmente, serán 17 persoas as que sentarán no banco dos acusados. A Audiencia Provincial de Pontevedra rexeitou a apelación de seis dos afectados polo auto de procesamento ditado polos xulgados de Tui. Tamén rexeita a solicitude de deixar sen efecto a consideración do Bispado de Tui-Vigo como responsable civil subsidiario, ao considerar que deu amparo á Orde e Mandato de San Miguel.