A plataforma contra a mina de Touro advirte de que a empresa "minimiza e oculta" os perigos

Cartel contra a mina na zona que sería afectada © Mina Touro-O Pino Non

O proxecto megamineiro que a empresa Cobre San Rafael prevé levantar nun enorme espazo que abrangue os concellos de Touro e O Pino acumula o rexeitamento de boa parte da cidadanía, numerosos colectivos sociais e ecoloxistas, concellos da cunca do ría Ulla e da ría de Arousa, entidades científicas, mariñeiros... Todos contra unha mina a ceo aberto dunha extensión total prevista de case 700 hectáreas, das que se denuncian graves afectacións medioambientais e económicas, tal e como recollen as múltiples alegacións presentadas, e que eliminaría unhas 350 hectáreas de masa forestal e 150 de cultivos, ademais de supor unha actividade con varias voaduras diarias con explosivos a menos dun quilómetro de varios núcleos de poboación. 

A plataforma veciñal contra a mina pídelle á Xunta que non lle dea visto e prace ao polémico proxecto

A oposición ao proxecto, liderada arredor da plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, reclámalle á Xunta que non lle dea o visto e prace e teña en conta toda a documentación contraria e as alegacións presentadas para emitir un informe negativo, pero dubida. O colectivo cidadán critica desde hai tempo o desleixo e silencio da Administración galega e mantén a presión cunha gran manifestación-tractorada que o vindeiro domingo 25 de febreiro sairá da antiga balsa de Angumil ata chegar ao Concello de Touro

Unha manifestación-tractorada percorrerá Touro o vindeiro domingo 25

Ademais, nun novo comunicado, intenta deitar luz sobre algúns aspectos da mina que cren que provocan confusión. Así, censuran que desde un principio se fala de "reapertura" ou "reactivación" da antiga mina de Touro, "un termo errado", di, de ter en conta que os terreos aos que afectaría o proxecto ocuparían 689 hectáreas, das que 492 "son, a día de hoxe, masa forestal e terreo agrario e tan só 197 pertencerían á antiga explotación". 

Así, a plataforma lembra que a maioría desas 500 hectáreas son "base produtiva de moitas explotacións" e aluden ao plano do proxecto no que se diferencian ben os pastos e montes das zonas de anterior actividade mineira. "O uso errado na linguaxe, neste caso, non é outro que o de minimizar e ocultar as verdadeiras dimensións do proxecto", din. Entre elas, vertidos contaminantes. 

"Falar de reapertura ou reactivación da antiga mina é errado: das 700 hectáreas do proxecto, só 200 pertencen á antiga explotación"

Varios deles foron os que alarmaron de novo á veciñanza a pasada semana. O colectivo Aldea Viva volveu denunciar vertidos procedentes da drenaxe ácida dos terreos de Cobre San Rafael e da planta de tratamento e residuos que opera na zona. "Ningunha das empresas nin Augas de Galicia ofreceron hoxe explicación ningunha", advirten. 

Ademais, a plataforma veciñal contesta ás declaracións que San Rafael fixo en La Voz de Galicia esta fin de semana e na que asegura que "nin os minerais extraídos nin os produtos utilizados no seu procesado conteñen substancias tóxicas nin perigosas". Mina Touro-O Pino Non responde aludindo ao completo informe da SGHN, no que advirte do emprego de diversos compostos químicos ou produtos tóxicos e perigosos para a saúde, pero tamén ao propio documento do proxecto, onde a empresa tamén recoñece o uso destas substancias. Tamén critican que a compañía obvie as concentracións elevadas de metais e metaloides daniños. 

Cobre San Rafael tamén se defende advertindo que "non construirá a balsa de almacenamento de estériles que tanto preocupa aos colectivos, senón un depósito estanco que traballará en circuíto pechado e que garante ao 100% a ausencia de calquera saída ao exterior". No informe da SGHN xa se aclara que ese suposto depósito é, "en realidade, unha balsa de lodos permanente" cunha superficie de máis de 125 hectáreas e un muro de máis de 3 quilómetros de lonxitude e ata 81 de altura. Tamén advirte doutro gran depósito de estériles, que se indican no propio proxecto, estarían situado a 200 metros das vivendas do núcleo de Arinteiro e neles "quedarían almacenados para sempre as enormes cantidades de material potencialmente xenerador de drenaxe áceda de mina, os restos non degradados dos compostos químicos empregados para a separación do cobre nomeados con anterioridade e que son recoñecidos pola súa toxicidade".

Os informes da SGHN e da FEG son os únicos dos solicitados pola Xunta feitos públicos e ambos foron negativos coa mina

"O termo 'temporal' fai referencia únicamente a que o uso do mesmo non se faría durante toda a vida da explotación, malia que o material almacenado no depósito permaneza alí. Para sempre, converténdoo así na "balsa de lodos permanente" tal e como denomina a SGHN", indica, tras advertir dos riscos de rotura e as graves consecuencias que iso provocaría. 

Como lembra a plataforma, o informe da SGHN é un dos quince que encargou a Xunta de Galicia e que, xunto co da Federación Ecoloxista Galega (FEG), é o único que viu a luz pública. Ambos, como advirten, "son negativos". 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.