0 Gardados para despois

Rueda só negociará co persoal da Xustiza se suspende a folga, que segue adiante

Redacción | @prazapublica

Xusto cando se cumpren tres semanas da folga do persoal da Administración de Xustiza en Galicia, o vicepresidente do Goberno galego e máximo responsable do sector, Alfonso Rueda, lanzou un órdago aos traballadores: sentará na mesa de negociación, tal e como lle reclama o persoal desde o inicio do conflito, pero só se o paro indefinido se suspende. A oferta chegou tras un acto do número dous do Executivo galego este mércores polo 8-M e a resposta non tardou: o comité de folga mantén a protesta e asegura que non parará agora "por cumprirse o que levamos pedindo desde o inicio". Di non aceptar o que considera "unha chantaxe". 

Rueda di que sentará na mesa de negociación pero só "de suspenderse a folga" e "se os cidadáns deixan de ser tomados como reféns"

Así, Rueda apelou a negociar "sen escusas" e anunciou a súa intención de sumarse á mesa de diálogo xunto co resto de representantes --tamén o director xeral de Función Pública, José María Barreiro, de quen os sindicatos reclaman a súa marcha-- sempre que "se suspenda a folga e os cidadáns deixen de estar prexudicados e de ser tomados como reféns". 

"Intentaremos chegar a un acordo, pero débense de deixar de producir prexuízos e os cidadáns deben volver recibir os servizos", dixo Rueda, que insistiu en que, de ser así, estará "na mesa de negociación". Ademais, asegura que a súa proposta "non é unha condición", senón "unha proposta lóxica"

Ademais, e preguntado sobre se a súa hipotética incorporación ás negociacións implicaba unha nova oferta de suba salarial para os traballadores, non o descartou e limitouse a asegurar que a volta ás conversas terían como obxectivo acadar "un acordo". 

"Logo de máis de vinte días, non imos parar agora porque se cumpra o que levamos pedindo desde o primeiro momento"

Con todo, a resposta do comité de folga foi rotunda. "Logo de máis de vinte días, non imos parar agora porque se cumpra o que levamos pedindo desde o primeiro momento", asegurou Pablo Valeiras,  un dos portavoces, que asegurou que a folga "é imparable" e que mantén un seguimento diario "de máis do 80%" do persoal en toda Galicia. "O Goberno autonómico non comprendeu a realidade da situación", engadiu tras advertirlle a rueda de que a pretensión dos traballadores é que "sente a negociar" para logo "falar", pero "non esixindo deter o paro". "O persoal non quere parar, senón escenificar que está moi enfadado", rematou. 

Neste mércores, a folga cumpre tres semanas e quince días efectivos, con entre 8.000 e 9.000 xuízos suspendidos en todo o país, milleiros de procedementos adiados e unha perda de arredor de 1 millón de euros en soldos para os funcionarios que a secundan, aos que se incorporaron nesta semana os forenses do Imelga. 

O seguimento da folga por parte dos traballadores é constante e sen case variacións desde o primeiro día de paro

O seguimento do paro continúa en cifras semellantes ás do inicio naquel 7 de febreiro. Mentres os sindicatos cifran entre o 80% e o 90% a porcentaxe de traballadores que secunda o paro cada día, a Xunta sitúao entre o 37% e o 40%, incluíndo nos cálculos o persoal que non acode a traballar por baixa xustificada nin os máis de 700 traballadores que cada día cumpren cos servizos mínimos. 

De feito, e tal e como se pode comprobar no gráfico anterior, os datos oficiais que proporciona a Xunta sobre o número de funcionarios de Xustiza que secundan a folga, as cifras do pasado martes son case idénticas (unha persoa máis) que os do primeiro día, manténdose o seguimento en cifras moi semellantes desde que se iniciase o paro. 

Desde o PPdeG, o seu secretario xeral, Miguel Tellado, cre que os sindicatos "veñen de confirmar que prefiren bloquear a Xustiza que sentarse a negociar”. Así, asegura que parten de "posicionamentos inasumibles" porque "non teñen ganas de pactar senón intención de converter os galegos en reféns das súas demandas". “Querer gañar 3.000 euros máis non é unha escusa razoable e defendible ante o pobo de Galicia para paralizar os xulgados de toda a comunidade autónoma”, insiste. 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reprocha a Rueda que "prefira chantaxear" os traballadores antes que "amosar vontade de negociación" e urxe unha “solución” para unha folga que dura xa máis de dúas semanas". Luís Villares, portavoz de En Marea, tamén apoia o funcionariado e insiste en censurar o intento de "chantaxe" por parte do vicepresidente da Xunta. 

“É absolutamente condenable a actitude da Xunta e a posición chantaxista que expresa, día si día tamén, o vicepresidente Alfonso Rueda, que en vez de esmerarse en ser unha solución demostra que é unha parte do problema. Nunha democracia é inadmisible que un Goberno pretenda chantaxear aos traballadores e traballadoras cando están exercendo o seu lexítimo dereito á folga”, dixo, ademais, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.