Milleiros contra a desigualdade e pola folga do 8-M nunha enorme marcha feminista en Vigo

Manifestación feminista en Vigo CC-BY-NC-SA GzContrainfo

Milleiros de persoas, 15.000 segundo os convocantes e na súa maioría mulleres, secundaron este domingo en Vigo a manifestación unitaria do feminismo galego convocada pola Asemblea Galegas 8M, conformada por numerosos colectivos de Galicia, para clamar pola igualdade e chamar á folga histórica que terá lugar o vindeiro xoves. A protesta marchou tras unha pancarta co lema Para transformar a vida das mulleres, o mesmo que se reivindica no paro. 

A multitudinaria mobilización, dunhas 15.000 persoas, supuxo "unha demostración de forza das mulleres galegas"

A multitudinaria mobilización --a máis importante que se lembra do feminismo en Galicia-- comezou pasadas as 12 do mediocía no cruzamento de Vía Norte con Urzáiz para chegar a cabeceira da marcha sobre as 14 horas á praza do Berbés, onde durante a tarde se celebran diferentes actos. Foi  "unha demostración de forza das mulleres galegas" previa á folga que terá lugar este 8 de marzo, en contra da desigualdade e a discriminación das mulleres, dúas reivindicacións berradas con insistencia nunha mobilización que clamou tamén contra o patriarcado e contra o PP. 

A mobilización estivo secundada polos líderes políticos dos partidos da oposición como Luís Villares, de En Marea; Gonzalo Caballero, do PSdeG, e Ana Pontón, do BNG. Durante todo o percorrido, foron constantes os chamados a secundar a folga do vindeiro xoves.

En Marea, PSdeG e BNG apoiaron a marcha coa presenza dos seus portavoces

Desde En Marea, a súa portavoz de Feminismos, Ana Seijas, chamou a participar na folga do xoves para protestar contra a fenda salarial, visibilizar a desigualdade e reclamar un orzamento que dote de políticas de Estado contra a discriminación laboral e social. A portavoz do Bloque, pola súa banda, reivindicou unha lei pola igualdade salarial e propuxo sancionar as empresas que pagan menos ás traballadoras por seren mulleres. Ademais, denunciou que o sexo feminino segue a ser o "sostén" dos recortes e fixo un chamamento a todas as mulleres e homes comprometidos a secundar o paro do 8 de marzo para mudar "unha situación inxusta e antidemocrática". 

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou os avances nos deritos das mulleres que "levan o ADN dos socialistas" e avogou tamén por unha lei de igualdade salarial. 

Ademais, a Asemblea Galegas 8M reivindicou que coa mobilización deste domingo e a folga prevista do 8 de marzo iníciase unha "nova senda, facendo unha folga de coidados, laboral e de consumo" que se "repetirá" ata que as mulleres "paren o mundo" e o mundo sexa tamén das mulleres. Para as convocantes, a marcha foi "un punto de inflexión nos feminismos galegos" e destacouse como "un movemento imparable" que será referendado o vindeiro 8 de marzo, ,un día que fará "tremer a terra" para "construír un futuro de dignidade para todas".

A asemblea convocante cre que a marcha supón "un punto de inflexión nos feminismos galegos" e "un día de loita desde a riqueza da diversidade"

No manifesto lido ao final da marcha, Galegas 8M clamou contra a fenda salarial, o teito de cristal, a violencia machista, a explotación sexual, a divsión de traballo por xéneros os "privilexios" dos homes. Ademais, defenderon este domingo como "un día de loita", "desde a unidade de acción e desde a riqueza da diversidade". "A revolución será feminista ou non será; hoxe e sempre, abaixo o patriarcado capitalista e colonial", insistiron. 

"Queremos vidas dignas de ser vividas e libres de todo tipo de violencias", reclamou Galegas 8M, que instou a unha xornada de olga o xoves "para paralo todo, para mudalo todo". "Para que as nosas vidas se coloquen no centro da axenda e das prioridades, proque só así seremos capaces de construír un mundo, unha Galicia e unhas vidas xustas, igualitarias e libres", dixeron. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.