O comité de empresa da CRTVG acusa a dirección da compañía de "rebentar" a folga feminista deste xoves ao estar chamando e convocando traballadores dispoñibles "para substituír as mulleres que están exercendo o seu dereito" ao paro na televisión pública. O caso máis chamativo, e que impediu unha maior visibilización da xornada reivindicativa, foi o da presentadora do informativo Galicia Noticias, que decidiu facer folga e non acudiu ao traballo. Malia que, segundo a lexislación, o posto dunha folguista non pode ser ocupado por outra persoa, un compañeiro foi requirido e acabou presentando o programa.
O posto da presentadora do 'Galicia Noticias' en folga foi ocupado por un compañeiro home
"Os postos de traballo das folguistas non poden ser ocupados", lembran desde o comité, que advirte de que noutras seccións como na de grafismo "se están a mover os homes que viñeron traballar para que ocupen os postos das mulleres que faltan". Ademais, amosan a súa "indignación" pola postura da dirección da CRTVG por "facer moi difícil visibilizar o paro nuns medios públicos onde os servizos mínimos xa son abusivos". "Están repoñendo programas e empregando emisións gravadas, rebentando as posibilidades de folga", insisten.
Algunhas das persoas chamadas para realizar esta substitución foron dispensadas de seguir traballando tras coñecerse a denuncia do comité
Así, desde o comité aseguran que denunciarán a situación ante a actitude dunha dirección que, segundo lles manifesta, entende que a lexislación "é interpretable" nestes casos e que están no seu dereito de substituír os postos que non son ocupados. Ademais, lamentan que mentres en televisións privadas "están a caer emisións" pola incidencia da folga, a TVG mantena "emitindo programas gravados e informativos con novas que nin tan sequera cumpren o papel de esenciais ou de seren incluídas entre os servizos mínimos".
Apenas dúas horas despois de que transcendese a denuncia pública do comité, algunhas das persoas chamadas para realizar esta substitución foron dispensadas de seguir traballando, segundo afirman fontes da compañía consultadas por Praza.gal