0 Gardados para despois

Unha parroquia de Valdeorras queda sen acceso por estrada pola acción dunha canteira

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


San Vicente de Leira é unha parroquia de Vilamartín de Valdeorras na que viven 101 persoas (segundo os datos de 2014, cun rápido descenso dende os 155 cos que contaba en 2004). A estrada pola que se accede á vila (a OU-0807) leva 15 anos pechada ao tráfico por mor do seu mal estado, provocado pola actividade dunha canteira de lousa na parte inferior da montaña pola que transita. A seca dos últimos meses e posteriormente a intensidade das chuvias caídas empeorou aínda máis a situación, provocando desprendementos e deixando a vía ao borde da derruba.

As protestas veciñais (repetidas varias veces nos últimos anos) redobráronse a pasada semana, iniciando un peche indefinido na Casa do Concello o alcalde de Vilamartín, o socialista Enrique Álvarez. Estamos ante un novo exemplo de abandono do rural galego, un proceso de falta de investimentos e de recortes nos servizos públicos que afecta especialmente ás infraestruturas máis básicas, como neste caso, e tamén á sanidade e ao ensino.

A resposta da Deputación de Ourense foi pechar o acceso á estrada cun quitamedos "por razóns estritamente de seguridade, para velar pola integridade física dos veciños", deixando practicamente incomunicados os seus habitantes, que agora se ven obrigados a empregar o outro acceso á vila, cun percorrido moito máis longo e igualmente en moi mal estado.

Enrique Álvarez esíxelle á Deputación un “compromiso serio” que permita "poñer fin a unha situación rocambolesca e perigosa que afecta a máis dun cento de veciños, mentres primeiro Baltar pai e agora Manuel Baltar, pasan olimpicamente deles". A pesar de que a estrada presenta fendas importantes dende hai moitos anos, neste tempo nada se fixo para mellorar o seu estado.

O proxecto de reforma elaborado pola Deputación determinou que son precisos 13 millóns de euros para devolver a estabilidade á vía. "Mais pasan os anos e a institución non fai absolutamente nada", sinala o PSdeG-PSOE. O peche do rexedor na Casa do Concello foi apoiado polo portavoz na Deputación, Francisco Fraga; polo deputado provincial e alcalde de Petín, Miguel Bautista; polo presidente da Fegamp e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García e polo alcalde da Rúa, Luis Álvarez, entre outros cargos socialistas e representantes veciñais.

Os representantes socialistas na Deputación levaron a cabo igualmente unha protesta no propio edificio do Goberno provincial. “Estamos a falar do principal acceso para máis un cento de veciños e veciñas que poñen en risco as súas vidas para facer algo tan cotiá como chegar a súas casas”, sinalou Francisco Fraga. “A Deputación debe velar polo benestar de toda a provincia e parece que a comarca de Valdeorras, para o goberno de Baltar, non forma parte de Ourense”, denunciou.

A veciñanza acusa o Goberno provincial de "desidia" e de deixar que se complete o derrubamento da estrada, o que "lles permitirá ás empresas a explotación de pizarra ata chegar á propia vila". No ano 2016 o PSdeG-PSOE presentou no Pleno da Deputación unha proposta de modificación de crédito de 1,5 millóns de euros para levar a cabo unha serie de actuacións na vía. A proposta foi rexeitada pola maioría absoluta do PP, que presentou unha emenda de substitución coa que simplemente se comprometeu a executar todas as obras necesarias para garantir un acceso digno a San Vicente cando "se determine tecnicamente el proxecto axeitados e se reciba o informe ambiental pertinente que aprobe a actuación definitiva". O resultado foi que non se realizou obra ningunha.

Francisco Fraga (portavoz do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense): "Hai que darlle aos veciños unha alternativa. Non se pode pechar a estrada e que os veciños non teñan por onde saír. Levan moitos anos con dificultades para acceder ás súas casas"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.