0 Gardados para despois

O Courel volve quedar cun só médico para dous centros de saúde

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Volveu suceder. A veciñanza de Folgoso do Courel leva varios días cun só médico, que se ten que repartir entre os dous centros de saúde deste extenso, disperso e mal comunicado concello. A situación é idéntica á que xa tivera lugar noutras ocasións. Un dos dous profesionais destinados alí colleu uns días de vacacións e a súa baixa non foi cuberta pola Consellería de Sanidade, polo que o outro facultativo ten que pasar consulta tres horas en Folgoso, desprazarse despois (media hora en coche) ata o centro de saúde de Seoane e traballar alí outras tres horas.

"O conselleiro Almuíña díxonos que o problema era que época estival non había substitutos suficientes nas listas para cubrir a praza. Pois ben, estamos en xaneiro e de novo a praza quedou sen cubrir"

A cousa complícase aínda máis se ten que atender un doente no seu domicilio. Nunha comarca cunha elevada dispersión poboacional, a falta de atención no centro de saúde pode alongarse durante horas, xa que hai aldeas que están a media hora ou case unha hora en coche dos núcleos máis importantes. 

Óscar Carrete, concelleiro de Caurel Vivo, denuncia novamente a situación, facendo fincapé en que unha vez máis o Goberno galego non puxo solucións sobre a mesa: "O pasado verán, cando xa pasou isto, denunciamos o sucedido e o conselleiro Almuíña díxonos que o problema era que época estival non había substitutos suficientes nas listas para cubrir a praza. Pois ben, estamos en xaneiro e de novo a praza quedou sen cubrir". "Persoal teñen, pero non queren cubrir esas prazas do rural. Con contratos de curta duración malamente a poden cubrir, obrigando a unha persoa a vir de Compostela, Coruña ou Vigo para traballar uns días". di.

"Din que coa nova Lei de Saúde queren achegar a sanidade ao paciente. Pois xa se ve como a están achegando, sen médicos", sinala Óscar Carrete. "Achégana, si, pero á privatización", engade. Carrete denuncia a progresiva precarización do servizo de saúde emprestado no Courel. "O único médico que queda ten que comprimir en tres horas as citas de todas as persoas que debe atender ese día. Pensa ti que tipo de atención se pode prestar así. Non hai un servizo sanitario de calidade no Courel", conclúe.

"Din que coa nova Lei de Saúde queren achegar a sanidade ao paciente. Pois xa se ve como a están achegando, sen médicos. Achégana, si, pero á privatización"

Hai uns meses recolléronse centos de sinaturas en Folgoso do Courel para protestar ante esta situación, que foron entregadas na Consellería de Sanidade. Dende os partidos da oposición tamén se anima á veciñanza a enviar queixas ao SERGAS a través do deu servizo de atención ao paciente. "Xa non se nos ocorre que facer" -recoñece Carrete- "Só nos queda ir ata San Caetano a manifestarnos, na sede da Xunta". Este domingo 4 de febreiro unha manifestación protestará en Compostela contra a política sanitaria do Goberno galego e en especial contra a súa intención de modificar a Lei de Saúde.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.