Greenpeace alerta da chegada a Galicia de madeira con orixe no asasinato de nove 'sen terra' no Brasil

A entidade denuncia que Galicia é unha das principais vías de entrada de madeira ilegal a Europa © Greenpeace

O 20 de abril do pasado ano nove campesiños sen terra foron asasinados en Colniza, un asentamento na Amazonía brasileira, no Estado de Mato Grosso. Do masacre responsabilizouse a grupos paramilitares ao servizo de terratenentes, que dispararon de forma indiscriminada contra a poboación alí asentada, deixando ademais un gran número de persoas feridas, e no que foi unhas das maiores matanzas dende o Massacre de Eldorado do Carajás, en 1996. O principal sospeitoso de ordenar este ataque, que busca estender as zonas de corta de madeira, é o empresario Valdelir João de Souza, actualmente fuxido da xustiza. Valdelir João de Souza é o copropietario de Madeiras Cedroarana, que foi multada en varias ocasións pola máxima autoridade ambiental de Brasil, o IBAMA, por comerciar con madeira ilegal.

Greenpeace detectou que a finais de 2017 cando menos un barco cargou en Paranagua (Brasil) madeira procedente de talas ilegais de Cedroarana na zona da matanza con destino ao porto de Vigo. A entidade ecoloxista puxo esta información en coñecemento da Xunta e esíxelle ao Goberno galego que investigue a entrada de "madeira de sangue" e que estableza controis, lembrando que o 30% da madeira que se comercializa no mundo procede de talas ilegais e que "Galicia está sendo unha das vías de entrada na Unión Europea". Greenpeace denuncia que a Xunta non está facendo "nada" por "investigar o caso e deter este comercio ilícito". "A Xunta ten a responsabilidade legal de controlar que as empresas importadoras que operan no seu territorio cumpran os requirimentos para evitar este comercio perseguido pola lei. Pero o certo é que iso non está a pasar", reitera.

Segundo fontes de Greenpeace, o axente internacional que realizou a operación comercial con destino ao porto de Vigo é a empresa Global Gold Forest Lda (GWP), representada en España por Atlantic Timber Agency -membro da Asociación Española de Industria e Comercio da Madeira (AEIM)-, ambas con sede no mesmo enderezo postal de Marín. 

Nunha nota de prensa a Autoridade Portuaria de Vigo negou que o porto recibira madeira ao longo do pasado ano e afirma que "hai moito tempo que os peiraos olívicos non importan esta mercadoría". A entidade esíxelle a Greenpeace "que se retracte de maneira inmediata nas súas declaracións que, por outro lado, son totalmente condenables por carecer de base e ser falsas". A organización ecoloxista, nun sucesivo comunicado reiterou a súa denuncia, difundindo unha copia do permiso de embarque dun contedor de madeira dende o porto de Paranagua (Brasil) con destino o porto de Vigo.

Un recente informe de Greenpeace denunciaba a inacción e desidia das administracións españolas á hora de aplicar a regulación europea de comercio de madeira, o que contribuíu a que reine a impunidade no sector de importadores de produtos forestais.

Porto de Vigo © marportactivities.com
O masacre tivo lugar o pasado ano na zona norte do Estado de Mato Grosso © Carta Capital
O MST denunciou nos últimos anos numerosos asasinatos de campesiños a mans dos terratenentes © brasildefato.com.br

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.