0 Gardados para despois

A Xunta négase a achegar posturas co persoal de Xustiza en folga

Redacción | @prazapublica

Este luns terá lugar en Compostela unha nova xornada de negociación entre sindicatos e Xunta para buscar un acordo que poña fin á folga que xa dura máis de mes e medio. Ese día, ademais, o Comité de Folga, que integran Alternativas da Xustiza-CUT, CIG, UGT, CCOO, CSIF, STAJ e USO, convocou unha concentración ás 10.30 ante o edificio administrativo de San Caetano para amosar o seu apoio ás reivindicacións que o persoal leva 45 días reclamando.

"Se a intención do Comité de Folga é que exista unha nova proposta por parte da Xunta, esta non se produciría, polo que a nosa comparecencia non tería obxecto", di o director xeral de Xustiza

As posicións do Goberno galego e do persoal semellan aínda moi afastadas. A pesar de que esta semana os traballadores e traballadoras en folga aprobaron en referendo rebaixar as esixencias dun incremento salarial de 190 euros mensuais, a Xunta mantense inmóbil e rexeita negociar nada que non sexa a oferta que presentou o pasado 19 de marzo, unha proposta de suba non lineal e que suporía 135 euros máis ao mes para os forenses, 133 para os xestores, 108 para os tramitadores e 105 para os corpos de auxilio.

A petición de reunión lanzada polo Comité de Folga este xoves foi respondida este venres polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez. Na comunicación, o representante do Goberno galego limítase a reiterar a proposta xa rexeitada polo persoal, rexeitando continuar as negociacións, e afirma que "se a intención do Comité de Folga é que exista unha nova proposta por parte da Xunta de Galicia, esta non se produciría, polo que a nosa comparecencia non tería obxecto". Juan José Martín Álvarez chega a terxiversar o significado da consulta realizada polo persoal en folga, que el interpreta como unha vitoria para a posición do Goberno galego: “Logo de que a postura mantida polo Comité de Folga na última xuntanza coa Xunta de Galicia perdera validez, pola propia decisión dos funcionarios da Administración de Xustiza, reitérolle esta proposta". Alberto Núñez Feijoo realizou este xoves unhas declaracións no mesmo senso.

Pablo Valeiras Ríos, responsable de Alternativas na Xustiza-CUT, contestou este sábado á carta enviada polo director xeral de Xustiza e ás palabras do presidente da Xunta, sinalando que existen ainda grandes diferenzas entre a suba de 190 euros mensuais demandada polo persoal e a mellor oferta do Goberno galego. "Dende os 190€ aos 105€ que pon a Xunta enriba da Mesa hai moito bacalao que cortar como para que todo un Presidente afirme que os traballadores da Xustiza Galega están dispostos a asinar o documento da Xunta de Galicia. A ignorancia é atrevida", afirma Valeiras.

"A Xunta debería recapacitar a súa forma de 'negociar' e poñer todos os medios para rematar co conflito, sobre todo coas repercusións que este ten nos cidadáns"

Valeiras afirma que na última reunión, "a Xunta unha vez máis tirou da chantaxe máis mezquina posible. Negouse a explicar en que consistía a súa oferta, chantaxeando aos
Sindicatos ao afirmar que, para explicar o acordo, tiñamos que asumilo". "A Xunta de Galicia debería recapacitar a súa forma de “negociar” e poñer todos os medios para rematar co conflito, e, sobre todo coas repercusións que este ten nos cidadáns", di. "Algún cidadán pode asumir que unha loita interna pola sucesión do Presidente da Xunta de Galicia, entre o Sr. Rueda e outros Conselleiros, poda provocar a suspensión de máis de 16.000 xuízos e que moitos deles se celebren nos anos 2019 e 2020, xusto cando finalizarían os prazos para cobrar o 100% do posible acordo?", remata Valeiras.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.