0 Gardados para despois

O persoal de Xustiza recrúa a súa folga mentres xuíces e fiscais ultiman mobilizacións de seu

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O conflito na Xustiza en Galicia acentúase. A folga do persoal cumprirá o vindeiro sábado dous meses, batendo marcas de mobilización no sector público e sen trazas dunha pronta solución. Con máis de 20.000 xuízos suspendidos segundo os sindicatos --arredor de 12.000 recoñece a Xunta-- e uns 50.000 trámites aprazados, as protestas recrúan e o seguimento do paro mantense en cifras semellantes ás do inicio dun conflito ao que agora se unen tamén xuíces e fiscais. 

A folga do persoal de Administración de Xustiza en Galicia cumprirá o sábado dous meses

Ambos colectivos iniciaron este xoves as mobilizacións impulsadas por unha protesta que xorde a nivel estatal. Reivindican melloras laborais e de independencia no poder xudicial, máis medios, reversión dos recortes e recuperación do seu poder adquisitivo e denuncian as promesas e expectativas incumpridas. En nome das catro asociacións de maxistrados e as tres de fiscais, nesta mañá celebráronse concentracións nas sedes xudiciais de todo o Estado, tamén en Galicia, onde se leu un comunicado. Ao tempo, advertiron dun calendario de mobilizacións que, de non ter como resultado o cumprimento das súas esixencias, rematará tamén cunha folga desde o próximo 22 de maio. 

Sería outro paro nun sector practicamente paralizado desde o pasado 7 de febreiro pola folga indefinida dos traballadores da Administración de Xustiza, que retomaron nestes últimos días as protestas, acudindo a actos nos que participa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ou o vicepresidente e máximo responsable no ámbito xudicial, Alfonso Rueda, e mesmo manifestándose contra medios de comunicación aos que acusan de "terxiversar e manipular" as informacións sobre o conflito. 

O funcionariado de Xustiza volve ás mobilizacións durante un paro que mantén cifras de seguimento semellantes ás do inicio da protesta

Neste xoves, persoal de Xustiza de Vigo levou a cabo unha viaxe reivindicativa desde a cidade ata Cangas por mar para xuntarse na protesta cos seus compañeiros na sede xudicial no Morrazo. Antes, amosaron o seu malestar ante o edificio administrativo da Administración galega na urbe viguesa. Na Coruña, pola súa banda, unna mobilización percorreu as rúas da cidade desde os xulgados até a praza de Pontevedra. En en Ourense o funcionariado ocupou a ponte do Milenio para amosar o seu descontento. Ademais, houbo mobilizacións no resto de cidades. Foi na 58ª xornada de paro indefinido e cun seguimento que a Xunta cifra en arredor do 30% e os sindicatos entre o 75% e o 85%. Sexa como for, o Goberno galego recoñece que 830 persoas non acudiron este xoves ao traballo. 

Ademais, o vicepresidente Rueda insistiu en que non entrará "nunha poxa pública" co comité polas reivindicacións salariais e advertiulles de que se abrirán "expedientes disciplinarios" a aqueles que non cumpran os servizos mínimos como corresponde. Desde os sindicatos, tal e como aclara Pablo Valeiras, de AX-CUT, aclaran tamén que o persoal "segue en folga" e que non hai iniciativa ningunha para levar a cabo "unha folga de brazos caídos" incorporándose ao traballo pero facendo o mínimo esixible legalmente. "Se iso existe, serán actitudes individuais que os representantes dos traballadores non valoramos; nós seguimos en folga", insistiu. 

Ao tempo, xuíces e fiscais mobilizábanse nas diferentes sedes xudiciais. En Santiago, foron José Alvariño, xuíz decano; o presidente da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, Ángel Pantín; e o fiscal xefe de área, Mario Piñeiro, os que leron o comunicado coas reivindicacións de ambos colectivos, advertindo de que secundarán as mobilizacións que se convoquen nos vindeiros días. 

Xuíces e fiscais reclaman máis independencia, modernización da Xustiza e mellora das condicións profesionais

Xuíces e fiscais lembran que no mes de xuño de 2017 as catro asociacións subscribiron un documento con 14 propostas para a mellora da Xustiza ao que logo se adheriron máis de 3.500 maxistrados e os tres colecivos de fiscais. Buscaban lograr "unha Xustiza mellor, máis áxil, máis eficaz e de maior calidade", reclamando desde "o reforzamento da independencia xudicial ata a modernización da Administraición de Xustiza, pasando pola mellor adas condicións profesionais dos membros de carreira". Ademais, os fiscais piden a "derrogación do sistema de prazos máximo de instrución, a paralización da implantación da xustiza dixital, a atribución á Fiscalía Xeral do Estado da fomción dos fiscais, a fixación das cargas de traballo e a independencia do Ministerio Fiscal ou a súa autonomía orzamentaria". 

Dez meses despois, denuncian, "o balance non pode ser máis decepcionante". Advirten de que "non parece haber unha maioría clara" no Parlamento para reformar o órgano de goberno da xudicatura que "o dote de maior credibilidade", nin un proxecto "de independencia do Ministerio Fiscal", nin compromiso ningún dos grupos por un "pacto de Estado pola Xustiza". Por iso, insisten na "racionalización da planta xudicial e fiscal", evitando "a precarización das últimas promocións", e denuncian a ratio inferior de xuíces e fiscais con respecto á media europea ou o desigual avance na dixitalización. 

Maxistrados e fiscais piden recuperar os recortes e o nivel salarial perdido en 2010

"Tampouco se convocou a mesa de retribucións que por lei debe reunirse cada cinco anos, que permita recuperar os recortes dos últimos oito anos e o nivel salarial perdido en 2010 ou poñer fin ao pagamento irrisorio do sistema de gardas de xuíces e fiscais", denuncian, tras advertir de que o Consello Xeral do Poder Xudicial tampouco atendeu a súa proposta sobre nomeamentos xudicais para que foxen máis igualitarias e transparentes ou que non cumpre coa obriga de fixar as cargas de traballo. 

Por todo isto, xuíces e fiscais acordaron un calendario de mobilizacións para "evidenciar o malestar e a decepción polo reiterado incumprimento das promesas e os compromisos adquiridos para a mellora da Xustiza". De non conseguir o reclamado, tomarán "medidas de maior entidade" e xa advirten dunha folga a partir do 22 de maio. 

O comité de folga do persoal de Xustiza lembra que xuíces e fiscais "teñen problemas moi parecidos" aos que eles denuncian

Desde o comité de folga do persoal de Xustiza en Galicia, un dos seus voceiros, Manuel Díaz, cre que xuíces e fiscais "teñen problemas moi parecidos" aos que eles denuncian porque "a falta de investimento na Administración de Xustiza vén de lonxe e ningún goberno, autonómico nin estatal, a tomou en serio, como un verdadeiro servizo público que é". 

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos

Viaxe reivindicativa do persoal da xustiza en folga entre Vigo e Cangas, camiño da mobilización nos xulgados cangueses

AX-CUT

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.