Nacen as 'Brigadas Deseucaliptizadoras' para organizar voluntariado para o coidado do monte

Traballos no monte Froxán, en Lousame CC-BY-SA ColunaSanfins

"Faite brigadista!". O vindeiro sábado 21 de abril botará a andar o proxecto das Brigadas deseucaliptizadoras, unha iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización no país. Promovida por Verdegaia, o obxectivo é organizar localmente todaas as persoas que en toda Galicia queren realizar accións de coidado do monte, a restauración de espazos queimados e a prevención de incendios forestais.

O proxecto está tamén pensado para que calquera colectivo (comunidades de montes veciñais, asociacións veciñais, grupos de sendeirismo...) poida implicarse na organización dunha brigada local

O proxecto está tamén pensado para que calquera colectivo (comunidades de montes veciñais, asociacións veciñais, grupos de sendeirismo...) poida implicarse na organización dunha brigada local. Así, aqueles colectivos locais ou titulares de parcelas forestais que queiran establecer unha Brigada no seu territorio, poden anotarse por medio da web no formulario de incorporación de parcelas. Verdegaia explica que se priorizarán "aqueles terreos que estean en zonas máis susceptibles de sufrir incendios, e as que alberguen hábitats naturais ou especies ameazadas, ás que alberguen habitats naturais ou comunidades de especies vulnerábeis ou ameazadas e ás que, polas súas características se adecúen mellor ás funcións protectoras como cortalumes verdes e corredores de biodiversidade".

A primeira acción destas brigadas terá lugar na Área Conservada pola Comunidade Veciñal de Froxán, en Lousame. Ao longo de toda a xornada traballarase en varios hábitats de interese comunitario e interese prioritario, colaborando coas iniciativas de restauración de hábitats degradados promovidas pola Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán e a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins. O proxecto de recuperación da contorna e de substitución do eucalipto por especies autóctonas que se desenvolve neste lugar foi premiada hai uns días no certame internacional de accións medioambientais da European Outdoor Conservation Association. 

As persoas interesadas en participar deben estar en Froxán ás 10 da mañá, para iniciar os traballos sobre as 11:30. Non é preciso traer luvas nin ferramenta, pois serán proporcionadas pola propia organización. Ao finalizar a xornada de traballo, compartirase un xantar de albaroque. Aquelas persoas que queiran participar nesta xornada deben anotarse na páxina web das Brigadas deseucaliptizadoras. A data límite para anotarse nesta primeira Brigada é o 16 de abril.

"As accións das Brigadas, cun non menos importante sentido de convivio e comunidade, artículanse por volta dos conceptos tradicionais de roga (chamada ao traballo en común) e albaroque (xantar comunal ofrecido ás voluntarias)"

A través de Verdegaia as Brigadas dispoñen dun fondo que permite a adquisición de ferramenta e outros materiais de loxística, así como avituallamento (comida e bebidas) para as voluntarias. Destacan que "as accións das Brigadas, cun non menos importante sentido de convivio e comunidade, artículanse normalmente por volta dos conceptos tradicionais de roga (chamada ao traballo en común) e albaroque (xantar comunal ofrecido ás voluntarias)". O fondo tamén fai posible a adquisición de plantas forestal para accións de reforestación con frondosas autóctonas e a cobertura coas correspondentes seguros de responsabilidade civil para persoas adultas e menores de idade.

 

Imaxe das 'Brigadas Deseucaliptizadoras' © Verdegaia
Traballos de recuperación do monte © Verdegaia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.