Homenaxes, roteiros e unha manifestación, entre os actos galegos ao redor do 14 de abril

Presentación dos actos organizados en Ourense pola Asociación de Amigas e Amigos da República © Asociación de Amigas e Amigos da República

Cidades e vilas de toda Galicia acollen esta semana actividades ao redor do 14 de abril, 87 aniversario da proclamación da Segunda República, en 1931. Os actos principais terán lugar o mesmo día 14 (sábado), pero xa dende este martes veñen realizándose homenaxes, conferencias e outros actos en cidades como Ourense ou A Coruña. Unha manifestación en Vigo e un roteiro en Compostela completan a axenda de eventos.

 

Na Coruña, homenaxe a Xosé Miñones

Na Coruña, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) nomeou a José Miñones como Republicano de Honra 2018. Deputado durante a Segunda República pola Coruña, foi asasinado no 36 no Campo da Rata. Na presentación dos actos de homenaxe Fernando Souto (presidente da CRMH) destacou a súa "traxectoria, moi intensa, de gran potencial, aínda que moi curta, xa que tiña só trinta e seis anos cando foi asasinado". Ademais, explicou que foi "un gran divulgador cultural e empresario, con grandes ideas que tratou de levar a cabo". Neste senso, para Souto "o gran pecado de Pepe Miñones foi levar a cabo grandes empresas como Electra Popular Coruñesa". A súa intervención finalizou coa lectura dunha carta de Blanco Amor, na que describía como era Pepe Miñones: "Soñaba cunha Galicia culta, farta e rica, segura e dona de si".

Nos actos participará Pilar Miñones, filla do homenaxeado, que declara sentirse "moi agradecida a todas as persoas que traballaron para facer recordar a persoa de meu pai". En rolda de prensa explicou o xeito en que se produciu a súa execución: "Retorna de Madrid o 18 de xullo e incorpórase á súa vivenda que tiña en Eléctrica Popular Coruñesa. Cando saíu de Madrid foi a despedilo Eduardo Blanco Amor e o catedrático Emilio López. Avisárono de que non voltase que todo ía rebentar. Aos tres días xa o foron buscar. Foi detido e houbo un xuízo que foi unha farsa. Luis Lamela conta que houbo tres intentos de condenalo, sen éxito, pero finalmente houbo testemuñas que o acusaban de alta traizón, de non ser leal ao golpe de estado. Multárono cun millón de pesetas, foi espoliada a súa fortuna e o capital que tiña a familia. Finalmente foi fusilado"

Este martes tivo lugar unha homenaxe pública na rúa que leva o seu nome, coa presenza do alcalde da cidade, Xulio Ferreiro. Porén, os actos continuarán ao longo de toda a semana, con recepcións oficiais no Concello, da Deputación da Coruña, na UDC e na sede da Real Academia Galega. Finalmente, o venres 13 ás 19 horas está convocada unha ofrenda floral e homenaxe ás vítimas do franquismo no Memorial existente na Avenida de Navarra.

 

En Ourense, o esquecido papel das mulleres na loita antifranquista

En Ourense, a Asociación de Amigas e Amigos da República decidiu dedicar os actos que todos os anos organiza ao redor do 14 de abril a "resaltar a importancia da muller" na loita contra a ditadura, salientando "o silenciamento da mesma ao longo deste período histórico e que na actualidade segue sendo imprescindible para defender e acadar a igualdade real". Este martes Aurora Marco ofreceu a charla “Na procura da liberdade e da xustiza: as resistentes antifranquistas".

Marco salientou que na bibliografía existente sobre a guerrilla antifranquista galega as mulleres eran as grandes esquecidas até hai pouco tempo. “Exceptuando algúns casos illados como o de Enriqueta Otero Blanco, Manuela Sánchez, Consuelo Rodríguez López, non había, como no caso dos guerrilleiros, monografías, traballos específicos sobre elas, por ese exercicio de ocultamento, ben coñecido, que excluíu as mulleres da historia. O baleiro informativo era case total”, dixo. A autora falou das guerrilleiras da chaira (enlaces) e do monte (as que estaban na clandestinidade), das diferentes misións que levaron a cabo dentro das dúas organizacións que operaron en Galicia na década dos 40, e da vaga represora desatada contra elas, especialmente cruel polas dimensións e a ferocidade dos métodos utilizados

Este mércores Carmen Blanco e Claudio Rodriguez Fer ofrererán a charla-recital “Vivas en nós. Represión e Muller na II República”. E o venres terá lugar a presentación do libro El médico que no quería morir (Vida y muerte de Lodario Gavela Yáñez) coa presenza do autor e investigador Alejandro Álvarez López que recolle a historia da vida comprometida dun médico fusilado no 1947 e lembrado como símbolo da loita pola liberdade, dun home que loitou na fronte republicano en Asturias e posteriormente foi obrigado a loitar dentro do bando nacional. Finalmente o domingo 15 de abril celebrarase coma todos os anos ás 12 horas a homenaxe no cemiterio de San Francisco ás republicanas e republicanos represaliados.

Tamén en Ourense, a agrupación provincial do PSdeG-PSOE organiza este xoves ás 20 horas un acto na lembranza e homenaxe de Secundino Couto, alcalde do antigo Concello de Canedo, hoxe coñecido como o barrio da Ponte. No evento presentarase o libro Lembranza a Secundino Couto Solla. Alcalde republicano-socialista do Concello de Canedo, editado pola Agrupación Provincial Socialista e a Fundación Luís Tilve co obxectivo de divulgar e rescatar do esquecemento a figura deste político ourensán. Tralo golpe de estado de xullo de 1936, Couto sufriu presidio nos mosteiros de Celanova e Oseira; asemade, foi xulgado polo Tribunal de Represión da Masonería e o Comunismo e sufriu unha importante merma do seu patrimonio por mor das múltiples sancións e incautacións aplicadas contra el.

 

Roteiro pola Compostela republicana

Compostela acollerá o vindeiro sábado 14 de abril unha visita guiada polos lugares máis sinalados do Santiago republicano. O evento está organizado polo Concello, en colaboración co grupo Hispona da USC, e foi presentado pola concelleira María Rozas. Na rolda tamén estivo o profesor e historiador Alfonso Iglesias. O percorrido, que terá unha duración aproximada dunha hora, terá dúas orientacións, "a da historia e a da memoria", segundo explicou Iglesias. "Faremos lembranza do que foi a Compostela dos anos 30 a través do que quedou e do que se destruíu tras o golpe de estado, pero desligando a idea triste dos momentos finais da República", indicou. 

O roteiro comezará nun lugar simbólico, como é a estatua das Marías e rematará na praza do Obradoiro, "centro da vida política e lugar onde se proclamou a República en Compostela", apuntou o historiador. Partindo da unidade didáctica na que se basea o roteiro, as persoas que participen lembrarán a vida cotiá da época, pasando polos lugares que formaron parte da historia da cidade; a vida cultural en torno a figura do último alcalde republicano e fundador da editorial Nós, Ánxel Casal, ou a educación e a política. "A segunda República -lembrou Alfonso Iglesias- foi unha época de moitos logros a nivel sanitario, educativo e cultural". Percorreranse lugares simbólicos como Porta Faxeira, punto de defensa durante o golpe de Estado; a Porta da Mámoa, onde se situaba o sanatorio do doutor Villar, ou a praza da Universidade, emblemática por acoller a Facultade de Historia, mais tamén a Radio Galicia, e lugar de reflexión e xuntanzas para o que sería con posterioridade o Estatuto de Autonomía de Galicia.

 

Manifestación en Vigo

En Vigo está convocada o sábado 14 a xa tradicional manifestación organizada pola Asamblea Republicana de Vigo, unha marcha que se realizará por 15º ano consecutivo. A manifestación partirá da Farola de Urzaiz ás 12 horas e chegará ata a Porta do Sol. Na esquina sa rúa II República Xosé Manuel Beiras será o encargado de ler un manifesto. Ademais, a Asamblea Republicana anima a cidadanía a pendurar das fachadas das súas casas bandeiras republicanas, á venda nas librarías Andel e Versus “para que resulte visible a máxima oposición ao réxime monárquico que padecemos”.

 

Outros actos en Lousame, Ribeira, Marín, Tui ou Narón

Ademais dos xa comentados actos convocados na Coruña, Ourense, Vigo ou Compostela, outras cidades e vilas de Galicia acollen actividades ao abeiro do 14 de abril. En Narón o mesmo sábado 14 haberá homenaxes as vítimas do franquismo no monumento existente no Val, no cemiterio de San Mateo e no Pazo da Cultura da localidade. Tamén en Tui o sábado haberá unha ofrenda floral na Alameda da vila e mais unha conferencia sobre o clero católico que permaneceu fiel á república e se enfrontou ao réxime golpista.

De igual xeito, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza levará a cabo o sábado 14 unha ofrenda floral no Confurco (Lousame) en memoria das persoas represaliadas pola ditadura. A seguir, en Ribeira haberá unha mesa redonda sobre "Arte e represión", na que participarán Quico Cadaval, Mónica Caamaño, Mero e Paula Gómez del Valle. Tamén en Marín a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica organiza varios actos con motivo do 14 de abril; ás 13 horas do sábado terá lugar o acto central na Pedra da Liberdade (a carón do Concello).

 

Aurora Marco e David Simón, esta semana en Ourense © Amigas e Amigos de República
Homenaxe a José Miñones, Republicano de Honra 2018 © Concello da Coruña
Pilar Miñones e Fernando Souto © CRMH
Cartel do roteiro organizado en Compostela este sábado © Concello de Santiago
Actos organizados en Lousame e Ribeira © Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.