0 Gardados para despois

"O PP quere roubarlles o monte veciñal ás comunidades"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O vindeiro domingo 22 de abril está convocada en Santiago de Compostela unha manifestación "pola defensa do monte veciñal como unha titularidade da veciñanza comuneira". A marcha, impulsada pola Organización Galega de comunidades de montes veciñais en man común (ORGACCMM), está apoiada por ADEGA, APDR, Atrifoga, CIG, FRUGA e o SLG e partirá ás 12 horas da estación do tren. Sobre a mesa están as modificacións lexislativas introducidas polo PP o pasado mes de decembro, que facilitan o proceso para entregar a empresas privadas a xestión de montes veciñais, unhas manobras que tamén se apuntan na proposta de modificación do Plan Forestal de Galicia.

A manifestación defenderá as estruturas comunais de xestión e tamén un modelo de monte "vivo" e "multifuncional", fronte a actual aposta pola eucaliptización, a venda de madeiras de crecemento rápido e escaso calor engadido, e a cesión de terreos para actividades extractivas ou a construción de megacentros comerciais e outras instalación "para elites".

Protéstase sobre todo contra recentes modificacións introducidas polo PP (a través da lei de acompañamento dos orzamentos) na Lei de Montes Veciñais en Man Común de 1989. A nova norma, aprobada en solitario polos populares, sinala que "Os montes veciñais en man común serán xestionados cautelarmente pola consellaría cando se extinga ou desapareza a comunidade de veciños titular do monte" ou cando se determine un "estado de grave abandono ou degradación dos montes" e posibilita a súa posterior cesión a unha empresa privada por un período de 50 anos. A convocatoria da marcha denuncia que "o PP quere roubarlles o monte veciñal ás comunidades de montes". "Fica claro que para este grupo o medio rural non ten futuro. Polo tanto, só interesa para a implantación de aproveitamentos agresivos, que non xeran valor engadido. Na revisión do Plano Forestal fica clara esa idea cando apostan por incrementar a superficie de eucalipto", sinala. Falamos con Xosé Alfredo Pereira, presidente da ORGACCMM.

Está en perigo a continuidade dos montes veciñais?

Está en perigo a súa supervivencia como o que é, como unha propiedade xestionada democraticamente polos veciños e veciñas comuneiros. O PP ten un obxectivo moi claro dende hai anos, que é arrincarlle estas propiedades aos seus lexítimos titulares. Primeiro, arrebatándolles a xestión para entregarllas a empresas forestais privadas. E, segundo, quitándolles a titularidade, convertendo os montes veciñais en man común -propiedade xermánica coa que non se pode comerciar- nunha propiedade romana, que pode ser vendida, embargada, etc.

"Medio Rural pode, erixida en xuíz e parte, declarar un monte veciñal en estado de abandono. Pero este estado de abandono non se declara en base a que o monte estea esquilmado ou deteriorado medioambientalmente, senón por argumentos burocráticos"

As últimas modificacións lexislativas impulsadas polo PP avanzan nos procesos de privatización dos montes comunais?

En decembro o PP aprobou en solitario dúas modificacións de dous artigos da Lei de Montes en Man Común. Esta norma leva en vigor dende 1989, unha vixencia que se debe seguramente ao consenso coa que foi aprobada, por unanimidade do Parlamento, nun momento no que había seis grupos na cámara. Estes cambios permítenlle á Consellería de Medio Rural, erixida en xuíz e parte, declarar un monte veciñal en estado de abandono. Pero este estado de abandono, ademais, non se declara en base a que o monte estea esquilmado ou deteriorado medioambientalmente, senón por argumentos burocráticos, de tipo administrativo. Pódese declarar abandonado un monte veciñal porque non se constituíu a súa xunta reitora en tempo e forma, ou porque a comunidade incumpre algún precepto da Lei de Montes. Algo que non se fai, en cambio, cos montes en mans privadas.

Debe ser Galicia o primeiro país civilizado, que din que somos, no que a infracción dun precepto legal deste tipo implica non só unha sanción (o que é comprensible), senón sanción máis roubo de terras. O PP quere roubarlles o monte veciñal ás comunidades de montes. Unha vez declarado este estado de abandono, a Xunta pode entregarllo a unha empresa privada de xestión forestal por un período de 50 anos.

Pódese considerar temporal unha cesión de 50 anos? 

50 anos implica unha privatización de feito do monte veciñal, porque neste tempo a memoria do monte pérdese, pasan varias xeracións. De acordo coa nova lei pode suceder, ademais, que nun momento dado non haxa ningunha persoa na parroquia que se queira facer cargo das responsabilidades da Xunta Reitora do monte, polo que a Xunta o declara en abandono e lle cede a xestión a a unha empresa privada. Pero se un ano máis tarde resulta que si, que hai veciños e veciñas que deciden que queren xestionar o seu monte, pois xa non o poderán facer e terán de que agardar 50 anos a que remate o contrato desta empresa.

"Eu non son pesimista, hai solucións políticas. Se hai unha política acaida para o rural, non ten por que pasar iso"

O outro día Xosé Carlos Morgade amosábase nesta entrevista preocupado sobre todo polo futuro das comunidades máis envellecidas e das zonas menos poboadas... Son as que están máis ameazadas?

Eu non son pesimista, hai solucións políticas. Se hai unha política acaida para o rural, non ten por que pasar iso. Nos montes abandonados a Xunta e a Comunidade de Montes terán que traballar conxuntamente para solucionar as causas que motivaron ese abandono. É certo que a Xunta vai tentar comezar polo máis fácil, polas comunidades que estean menos organizadas, pero a Xunta vaille dar á industria da madeira as terras que esta necesite. Así que tamén o vai tentar facer cos montes veciñais das zonas poboadas.

"A Xunta decidiu que tiña que nos quitar o monte para cumprir as necesidades da industria da madeira, pero non dunha madeira de calidade, senón de madeira mala. E tamén para darlles terras baratas a aproveitamentos agresivos social e medioambientalmente"

Ten en conta que un monte comunal pode ser declarado en abandono cando o Banco de Terras (mira ti que función lle foron dar a este instrumento) diga que un monte que pode ser forestado complemente non o está ao 100%. Ti imaxina que unha comunidade decide que o 25% do monte vai para madeira, o 25% para pastos, o 25% para froitos do bosque e o restante 25% para pasear. Iso é un monte abandonado? Non, pero a Xunta pode expropialo se decide que tiña que ser dedicado un 100% a madeira.

Na manifestación vanse contrapoñer dous modelos de monte: o monte multifuncional fronte ao unicamente forestal e extractivista?

O Goberno galego decidiu que tiña que nos quitar o monte para cumprir as necesidades da industria da madeira, pero non dunha industria de madeira de calidade, que iso podería ser debatible, senón de madeira mala. E tamén para darlles terras baratas a aproveitamentos agresivos social e medioambientalmente, como minas, ou a proxectos para elites, como campos de golf ou megacentros comerciais. O caso paradigmático é o da cidade deportiva do Celta de Vigo, para o que expropiaron un monte veciñal valéndose dunha modificación lexislativa. Como ves, o perigo é para calquera monte comunal, tamén nas zonas máis poboadas e mesmo para os máis organizados.

"Os montes veciñais teñen propiedade, pero deben ser espazos abertos"

Na manifestación animades a participar non só a comuneiros e comuneiras, senón a todas as persoas preocupadas polo futuro do monte. A sociedade é consciente da importancia do monte veciñal e dos servizos que presta?

Facemos un chamamento non só ás persoas que ostentan a condición de comuneiro ou comuneira. A xente ten que ser consciente de que o monte veciñal dá servizos gratuítos a todas as persoas: pulmóns verdes para as cidades, espazos para o lecer, para pasear, para andar en bicicleta. Todo iso desaparecerá se desaparece o monte comunal. Se o monte é privado xa non se poderá usar de forma aberta. Os montes veciñais teñen propiedade, pero deben ser espazos abertos.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.