As Encrobas lembran a Moncho Valcarce no seu 25 cabodano

Imaxe da I Marcha pola Memoria, celebrada o pasado ano © Xosé Castro

As Encrobas (Cerceda) acollerá este sábado a II Marcha pola Memoria, dedicada neste ano a Ramón Valcarce, no 25 aniversario da súa morte. Xa o pasado ano 300 persoas participaron na primeira edición desta iniciativa, que lembra a loita desenvolvida en 1977 por veciños e veciñas contra a ocupación de terras levada a cabo por Unión Fenosa, que finalmente conseguiu perforar o val para convertelo nunha mina de carbón a ceo aberto que debía abastecer á central térmica de Meirama. Nesta ocasión, ademais, farase fincapé no papel deste crego revolucionario, finado no ano 1993 na Coruña, cidade que hai dous meses homenaxeou publicamente a Valcarce, resolvendo o esquecemento institucional ao que durante anos sometera á memoria do Cura das Encrobas.

O traxecto camiñará "por espazos asoballados que gardan mil historias para facer revivir feitos históricos que é necesario lembrar para poder transmitirllos á xente máis nova"

Organizado polos veciños e veciñas das Encrobas, en colaboración coa Irmandade Moncho Valcarce e co Concello de Cerceda, os actos comezarán ás 11 da mañá en Pontoxo, á beira da igrexa das Encrobas, precisamente onde está situado o busto na honra de Moncho Valcarce. A partir deste lugar comezará un roteiro que se prolongará ata as 15 horas e que levará a toda a xente que se anime a asistir a facer un percorrido a pé pola memoria, visitando lugares e revivindo momentos transcendentais para a parroquia. Nesta andaina haberá intervencións musicais en directo, poesía e, sobre todo, moita memoria e a voz de moitas persoas que foron protagonistas da historia das Encrobas. A organización animamos a toda a xente a asistir ·vestida con indumentaria labrega, sachos, fouces, ferramentas de man e/ou paraugas negros" e recomenda, ademais, levar auga e un aperitivo para o camiño.

O obxectivo é "apelar á memoria para chamar á solidariedade con colectivos que seguen a loitar contra novos proxectos que tamén pretenden acaparar as terras e rematar coa vida digna das persoas do rural para cumprir os intereses das grandes multinacionais"

O pasado ano lembráronse especialmente os enfrontamentos do pobo das Encrobas contra a Garda Civil en Pao Rañón para impedir que lles quitaran as terras. Desta volta a Marcha percorrerá unha ruta diferente, pero o traxecto camiñará "por espazos asoballados que gardan mil historias e coa compañía de persoas que rexurdirán das súas cinzas para facer revivir feitos históricos que é necesario lembrar para poder tamén transmitirllos á xente máis nova", destacan dende a organización.

"Así, haberá ocasión para reencontrarse con Moncho Valcarce, con Cesáreo Pena, con Carme de Xende, con Emilio Suárez, co Costiñán, con moitos personaxes que marcaron unha época na historia das loitas galegas na defensa da terra", sinalan, destacando que o obxectivo é tamén "apelar á memoria para chamar á solidariedade con moitos colectivos que hoxe seguen a loitar por todo o país contra novos proxectos que tamén pretenden acaparar as terras e rematar coa vida digna das persoas do rural para cumprir os intereses económicos das grandes multinacionais".

Imaxe da I Marcha pola Memoria, celebrada o pasado ano © Xosé Castro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.