0 Gardados para despois

A Fiscalía pide 66 anos de cárcere para o líder dos Miguelianos, que a Igrexa apoiou durante anos antes de consideralos seita

Redacción | @prazapublica

66 anos de cárcere para Miguel Rosendo pola comisión de 21 delitos, entre eles contra a liberdade sexual, e dous anos de cárcere para seis dos seus colaboradores por asociación ilícita. Esas son as penas que solicita a Fiscalía para os responsables da denominada Asociación San Miguel Arcángel, tamén coñecida como os Miguelianos, que actuou durante anos amparada polo Bispado de Tui-Vigo (para o que se reclama responsabilidade subsidiaria no pago de indemnizacións) ata que en 2014, uns días despois da detención do seu líder, decretou a súa supresión polos seus “comportamentos sectarios”.

Miguel Rosendo, que instalou a sede do grupo nunha casa de Oia, é acusado de asociación ilícita, 12 delitos contra a integridade moral, 5 de coaccións e 3 contra a liberdade sexual

O relato que fai a Fiscalía no seu escrito de acusación, de máis de trinta páxinas, é o da progresiva construción por parte de Rosendo dunha entidade coa que delinquir e coa que “someter a vontade” doutras persoas no seu beneficio persoal a partir da herboristería coa que comezou a traballar en Vigo ata a “casa madre” na que estableceu a súa sede en Oia, pasando polo convento de Vilariño, en Nigrán, que lle cedeu a Igrexa.

Segundo o escrito fiscal, “a captación e selección dos membros levábaa a cabo o acusado aproveitando as crenzas relixiosas e situacións de debilidade circunstancial ou persoal que unen, nun primeiro momento, a clientes e achegados nos locais de negocio nos que desenvolvía a súa actividade comercial, onde aproveitaba para levar a cabo prácticas e rituais místicos e, posteriormente, aos asistentes das actividades, que pivotarán en torno á relixión católica, baixo o paraugas da Igrexa, e con epicentro en 'casa madre'".

“Estas fraquezas”, engade a Fiscalía, “son aproveitadas polo fundador para conseguir a rendición á figura dun líder que se presenta como un personaxe espiritual, único capacitado para entender esa relixiosidade” como “portador do carisma, que recibira de Deus” e que “era trasladado a un regulamento que debía ser escrupulosamente cumprido polos seus membros baixo pena de reprobación e que conlevarán unha vida común disciplinada, á que só quedaba exento o acusado”. Con este proceder, Rosendo valeuse da súa posición dominante para cometer diversos abusos sexuais e “executar actos de beneficio persoal ou lucrativo”.

“O acusado, co apoio na relixión católica, atopa o amparo do aparato oficial da Igrexa Católica no Bispado de Tui-Vigo a través da colaboración do seu grupo” en actividades eclesiásticas de todo tipo, di a Fiscalía

O fiscal salienta que cando o grupo se afianza de xeito estable, “o acusado, co apoio na relixión católica, atopa o amparo do aparato oficial da Igrexa Católica no Bispado de Tui-Vigo a través da colaboración do seu grupo” en actividades eclesiásticas de todo tipo, mesmo cun papel activo na Catedral de Santiago no Ano Santo do Xacobeo 2010 e a visita que daquela fixo o Papa a Santiago. Grazas a esa axuda progresiva do seu grupo á Igrexa, o acusado, di o escrito “consegue o soporte e referendo do bispado”, que en 2003 o recoñece como asociación privada de fieis e en 2007 aproba os seus estatutos como orde relixiosa.

Porén, cando en 2012 comezan a aparecer denuncias e sospeitas sobre o funcionamento da asociación, o Bispado encarga unha investigación interna, cuxo responsable, o párroco de Baiona, “concluirá o seu informe resaltando condutas sectarias no seno do grupo, así como comportamentos e prácticas de sometemento e anulación da consciencia e vontade dos seus membros”, di a Fiscalía. O que remata coa decisión do bispo de Tui-Vigo, tomada o 22 de decembro de 2014, dez días despois da detención de Rosendo, de suprimir a asociación polos seus "comportamentos sectarios".

A Fiscalía reclama, en concepto de responsabilidade civil, indemnizacións para as vítimas por preto de cen mil euros, das que pide que se estableza a responsabilidade subsidiaria do Bispado de Tui-Vigo

Por estes feitos, Miguel Rosendo é acusado de 21 delitos: asociación ilícita, 12 delitos contra a integridade moral, 5 de coaccións e tres contra a liberdade sexual (dous de abuso sexual continuado con penetración e un de agresión sexual continuada tamén con penetración). Por eles, a Fiscalía pide penas que suman 66 anos de cárcere. Igualmente, a Fiscalía reclama, en concepto de responsabilidade civil, indemnizacións para as vítimas que suman preto de cen mil euros, das que pide que se estableza a responsabilidade subsidiaria do Bispado de Tui-Vigo. Outras seis persoas, consideradas colaboradoras de Rosendo, son acusadas doutros tantos delitos de asociación ilícita, polos que o fiscal pide para cada unha dous anos de prisión e multas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.