Ferrol volve acoller este xoves os actos de entrega do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, que chega á súa 14ª edición. A xornalista monfortina Julia Otero foi a escollida este ano, vendo recoñecida unha longa e sólida traxectoria na televisión e sobre todo na radio.
Julia Otero avogou pola "educación, a formación, e as mobilizacións que fan que se removan as cousas" para combater o recorte de dereitos
Otero participou esta tarde nunha recepción institucional no Concello de Ferrol, antes de asistir á tradicional ofrenda floral na estatua Ás Ceibes, do escultor Manuel Patinha, onde a xornalista Marta Corral foi a encargada de ler un texto. A premiada destacou que o galardón ten "prestixio nacional e internacional" e que significa unha "responsabilidade, polo nome que ten e polo compromiso moral que leva consigo". Ademais, a xornalista declarou sentirse "emocionada", por unha mensaxe da irmá de José Couso que lle dicía que a súa nai estaba feliz por saber que o premio ía para ela.
A preguntas dos xornalistas, Otero recoñeceuse "moderadamente optimista" fronte á "cuarta vaga do feminismo" que estamos a vivir, e confiou en que sirva para ver máis mulleres en postos de responsabilidade nos medios. En canto á liberdade de prensa, mostrou menos confianza, ao afirmar que "non estamos nun bo momento, o mundo avanza nun sentido preocupante, vaise en contra das liberdades". Fronte a isto, avogou pola "educación, a formación, e as mobilizacións que fan que se removan as cousas" para combater o recorte de dereitos.
O manifesto do Colexio de Xornalistas, redactado por Xosé María Palmeiro, o seu primeiro decano, reivindica o oficio de "informar e servir á cidadanía"
A partir das sete da tarde, o Teatro Jofre acolle o acto de entrega do galardón, conducido pola xornalista Almudena Marcos. No acto vai darse lectura ao manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, redactado polo primeiro decano do Colexio, Xosé María García Palmeiro, que reivindica o oficio de "informar e servir á cidadanía, titular e depositaria dos dereitos e das liberdades imprescindibles para o cabal funcionamento dunha sociedade libre e democrática" fronte ás incertezas dunha "profesión case sempre marcada pola urxencia e tamén, xaora, pola precariedade".