0 Gardados para despois

A Xunta insiste en non negociar e en que non fará ningunha proposta nova ao persoal da Xustiza

Redacción | @prazapublica

Mentres os catro sindicatos que configuraron unha "nova maioría sindical" --tras a unión de SPJ-USO aos tres que rexeitaron o acordo coa Xunta-- traballan nunha postura común sobre a que retomar as conversas co Goberno galego, o seu vicepresidente, Alfonso Rueda, insiste na última oferta como a derradeira e en non sentar a negociar. Malia que a maioría do persoal que participou na consulta da pasada semana rexeitou o pacto que catro centrais alcanzaran coa Administración e a pesar de que as que agora se uniron superan o 60% da representación, o Executivo insiste en que a votación "non se celebrou en liberdade" e que non haberá proposición ningunha máis. 

Rueda insiste en que a postura da Xunta "non mudou" e que non haberá proposta alternativa á xa pactada con catro sindicatos

Así o volveu deixar claro Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que aclara que a posición do Goberno "non mudou" e na que acusou a "algúns sindicatos" de "ter un problema" por "prometer cousas que en ningun momento a Xunta dixo que fora factible conceder". Refírese o vicepresidente, segundo aclara, á "esixencia dunha garantía para que os funcionarios da Xustiza en Galicia sexan sempre os cuartos mellor pagados de España" e a que os traballadores que fixeron folga "recuperen o 100% daquilo que se lles recurtou durante o paro". "Non é posible legalmente nin o entendería a cidadanía nin o admitiremos", explicou. 

O vicepresidente da Xunta asegura que a última oferta economica xa é "aceptada" por todos os sindicatos

Segundo Rueda, a última oferta económica é xa "aceptada" por todos os sindicatos (140 euros máis para os médicos forenses, 135 euros para os xestores, 127 para tramitadores e 122 para os auxilios, a aplicar en tres anualidades) e só os dous puntos anteriores impedirían o acordo. Para o vicepresidente da Xunta, "a última proposta acordada con catro sindicatos cumpría a práctica totalidade do que se pedía ao inicio da folga". "Os mesmos sindicatos aos que a oferta económica lles parecía inaceptable, agora din que si o é", acusou, tras asegurar que "o comité de folga, como se coñecía, non existe ao non estar os sete sindicatos" e advertir de que este órgano "vai polo terceiro presidente tras dúas renuncias non suficientemente aclaradas". 

Respecto da negativa do PP a que compareza no Parlamento, tal e como pediron En Marea e BNG, Rueda aclarou que xa o fixo antes, dubidou dos intereses reais da oposición e pediulles que se posicionen "sobre os altercados do venres pasado, onde se coaccionou o dereito a unha votación en liberdade". 

"Hai unha proposta de acordo enriba da mesa e está na man dos sindicatos acabar co conflito. Sabemos que a oferta económica lles parece ben, pero as outras dúas peticións non van ser posibles", reiterou Rueda, que cre, no entanto, que o devandito conflito está chegando ao final. 

USO-SPJ, CUT, CIG e STAJ buscan acordar unha postura común para negociar coa Xunta e insisten en deter a folga se hai vontade de negociar

Mentres, USO-SPJ, Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ buscan acordar unha postura e un novo documento sobre o que negociar coa Xunta, malia a negativa desta. Ademais, insístenlle ao Executivo que "se senta, suspenderán o paro mentres haxa negociación". 

O novo presidente do comité de folga, Julio Bouza (SPJ-USO), explicou que traballan nunha postura "o máis consensuada posible" que sirva para negociar coa Xunta e tente "dar saída" ao conflito "canto antes" por "responsabilidade e coherencia cos traballadores e a cidadanía". "Este conflito leva unha auténtica barbaridade", sentenciou, tras reclamar do Goberno que se "digne" en convocar as organizacións sindicais. "Se senta a negociar o máis rápido posible e o fai con vontade de chegar a un acordo digno", o comité de folga comprométese "a suspender a folga" mentres se estea negociando. 

Os catro sindicatos agora unidos na busca dunha solución buscan que UGT, CCOO e CSIF se unan a eles

Estes catro sindicatos convidan os outros tres (UGT, CCOO e CSIF) a sumarse á posta en común dun documento "que ten que aceptar negociar a Xunta", unha nova proposta que tería como base a que "por unanimidade" defendeu o comité de folga o pasado 18 de abril e antes de que rachase a unidade sindical.  Mentres, CCOO mantense fóra do comité, UGT pide ao resto de sindicatos que se "desculpen" e acepten as maiorías nas votacións para poder voltar e o CSIF mantense nun debate interno. 

Ao tempo, a folga vai camiño dos tres meses cun descenso de seguimento segundo os datos da Xunta. O paro foi secundado neste xoves por 407 persoas segundo o Executivo, con 193 funcionarios que non acudiron ao traballo por ausencia xustificada e 775 que participaron nos servizos mínimos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.