0 Gardados para despois

A folga na Xustiza suspéndese logo de máis de tres meses de paro

Redacción | @prazapublica

O comité de folga da Xustiza --na que participan arestora catro dos sete sindicatos do sector, que supoñen o 65% da representación-- decidiu "interromper" a folga. Máis de 90 días despois, o paro suspéndese logo de que tres das centrais --SPJ-USO, AX-CUT e STAJ-- votasen a favor desa medida "co fin de buscar novas formas de presión para a resolución do conflito".

A CIG, que aposta polo laudo arbitral, opúxose a unha medida na que os representantes dos traballadores reclaman á Xunta que os convoque "á maior brevidade" para a negociación definitiva que "poña fin a esta situación" que dura máis de tres meses. 

O comité de folga decide por maioría "interromper" a folga "co fin de buscar novas formas de presión para a resolución do conflito"

Nun comunicado, o comité de folga alude ao "sacrificio" que a longa folga supuxo en todo o persoal e ao "enquistamento existente coa Administración" como causas desta interrupción que fan, din, "nun exercicio de responsabilidade". Ademais, tal e como aclararon posteriormente, o paro suspéndese pero non se desconvoca, á espera dos pasos que dea o Goberno galego. 

Dado que os sindicatos que se desvincularon do comité de folga (UGT, CSIF e CCOO) xa hai tempo que apostan por poñer fin á folga, o voto a favor dos outros tres supón esta interrupción do paro. Agora, as centrais aínda presentes no comité piden a estas tres últimas que se unan a este órgano para instar conxuntamente á Xunta a unha xuntanza o antes posible.

O comité pide á Xunta unha reunión axiña e a UGT, CSIF e CCOO que insten ao Goberno a esa "reunión urxente no seo do comité de folga"

"Requirimos a UGT, CSIF e CCOO para que exerzan a súa responsabilidade como integrantes do comité e insten a Xunta a unha reunión urxente a celebrar no seo do comité de folga", din.  

O paro na Xustiza galega contaba xa as súas últimas horas. Nas asembleas abertas celebradas o pasado luns --convocadas polos sindicatos CUT e STAJ--, a maioría do funcionariado optou pola súa "interrupción temporal" ante a necesidade de "coller folgos" e de facilitar unha negociación definitiva que poña fin a un conflito que supera os tres meses. 

Tan só 105 persoas secundaron a folga este martes, segundo os datos da Xunta

Segundo os datos feitos públicos pola Xunta de Galicia, o seguimento da folga na Administración de Xustiza sitouse neste martes no 3,8%, a cifra máis baixa desde que comezara o pasado 7 de febreiro. Foron 105 as persoas que secundaron o paro nunha xornada na que 191 traballadores non acudiron ao traballo por ausencia xustificada e na que 775 participaron nos servizos mínimos dun total de 2.700 funcionarios. 

A dúbida era saber se os sindicatos que participaron este martes na xuntanza en Ourense optaban por unha "interrupción temporal" da folga, que era a opción pola que optaran os traballadores este luns, ou pola desconvocatoria definitiva do paro. Finalmente, é esa suspensión temporal a que deixa agora a pelota outra vez no tellado da Xunta. 

Antes de coñecerse a decisión do comité de folga, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa pedía aos sindicatos que tomasen "nota" do baixo seguimento do paro e que actuasen con "claridade". "Precísase claridade para acabar de vez co conflito, para que os funcionarios se vaian beneficiando da proposta da Xunta, que inclúe subas e outras cuesitóns, pero que non pode ser levada a cabo porque aínda non sabemos o que queren algunhas centrais, onde queren situar a folga e o conflito", dixo. Ademais, respecto de futuras negociacións finais, insistiu en que o importante é que estean "todos". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.