0 Gardados para despois

Queremos Galego agarda un seguimento "masivo" con "festa e reivindicación" na manifestación do Día das Letras

Redacción | @prazapublica

En galego día a día. É o lema baixo o que a Plataforma Queremos Galego agarda volver xuntar milleiros de persoas o vindeiro 17 de maio en Santiago. O colectivo ultima os preparativos dunha mobilización que, din, prevén "masiva" nun ambiente de reivindicación e festa en torno a un idioma que "non só non conta con amparo institucional, senón que recibe desamparo e agresividade sistemática" dende a Xunta, sinalou o colectivo na presentación celebrada este sábado en Santiago.

"En Galiza é o propio goberno galego, co presidente á cabeza, quen actáu como un vulgar delegado do Goberno español, renegando das funcións que lle dá o Estatuto de Autonomía e de alta representación do país", coida o voceiro da plataforma e presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. O que considera un desleixo do Executivo cara ao idioma propio deriva, coida, en que "o galego sexa o único idioma oficial do Estado que diminúe en falantes".

Neste contexto, salientan, Queremos Galego volverá pedir o 17 de maio que "o día a día das persoas que a lingua viva máis", quen a empregan na súa vida cotiá, non teñan que facer "esforzos "adicionais "se quixeren utilizar unha lingua plenamente normal" en todos os ámbitos. Neste sentido, agregou durante a presentación Nieves Rodríguez, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, cómpre reclamar que "as linguas non supoñan ningunha barreira" no seu propio territorio. "Como comunicadora que son non podo máis que defender a miña lingua", afirma.

A actriz Nieves Rodríguez conducirá o acto final da manifestación, na que os estudantes gañadores do Correlingua 2018 cunha composición de hip-hop interpretarán 'Rapea, que a lingua non para'

Alén da propia manifestación, dende as 12 da mañá do día 17 co inicio do percorrido na Alameda compostelá, Queremos Galego avanza tamén algúns dos detalles do acto final, na Praza da Quintana. "Participarán centos de colectivos e entidades de ámbitos moi diversos que teñen en común a defensa da nosa lingua, porque o galego é un elemento que nos une", indican. Nese acto final, conducido por Nieves Rodríguez, será lido o manifesto En galego día a día "por persoas destacadas de diferentes ámbitos, como a Xustiza ou a Administración, onde existen moitas trabas para usar o galego".

A parte musical porana desta volta Franki e os labregos da linguaxe, estudantes do IES Antón Fraguas, de Santiago, gañadoras co seu manifesto do certame do Correlingua 2018. A súa composición Rapea, que a lingua non para, é "un exemplo de que o galego ten futuro", resalta Queremos Galego.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.