0 Gardados para despois

"O vertedoiro de Grixoa é un problema de toda a comarca de Santiago e de todo o país"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A seis quilómetros do centro de Santiago, no espazo deixado pola antiga canteira de Miramontes, existe un complexo de tratamento de residuos formado por un vertedoiro (dende 2008) e unha planta de elaboración de solos artificiais, tamén coñecidos como tecnosolos (dende 2015). A iniciativa foi presentada como un plan para a recuperación medioambiental da antiga canteira, enchendo o seu oco con cascallos da construción e restos da propia canteira, para lograr recuperar o solo da explotación con terra vexetal.

Porén, nos últimos dous anos os veciños e veciñas que viven nas proximidades do vertedoiro (con casas e algunha explotación gandeira a 400 metros) comezaron a sufrir os efectos negativos do complexo, cun funcionamento moi distinto ao inicialmente prometido, como denuncia a plataforma STOP vertedoiro Santiago, que vén de publicar un documental (realizado por Lentes Diverxentes) no que explica a problemática que sofren e as irregularidades existentes. Sinalan que o inspector técnico de medio ambiente do Concello de Santiago elaborou dous informes que desaconsellaban a instalación dunha industria deste tipo nesta localización.

No vertedoiro entran todo tipo de residuos industriais, en teoría non perigosos, procedentes de calquera parte de Galicia, e mesmo de fóra: pinturas, tintas, deterxentes, residuos sanitarios e veterinarios, alcatráns e, dende o 2013, amianto. "Tamén entran residuos domésticos que chegan como “rexeites” doutras plantas; é dicir, o que outras plantas de tratamento de residuos non son quen de xestionar, mándano ao vertedoiro de Miramontes, e non se recicla", explican dende a plataforma. Ademais, para a planta de elaboración de tecnosolos chegan todo tipo de residuos "cheirentos", pois esta terra artificial elabórase mesturando residuos orgánicos con outros residuos coma escouras de incineración ou lodos de depuradoras e das rías.

Neste senso, a plataforma denuncia que se están depositando aquí os lodos extraídos da Ría de Noia: "Estase limpando a ría de Noia polo perigo que supoñen os lodos contaminados, e tráenos a Miramontes para a recuperación da canteira. Estes lodos son depositados ao carón das casas, das leiras e do regato de Oufín, que desemboca no Tambre". E advirten: "os contaminantes dos lodos poderían volver á ría a través do Tambre; que por certo, é o río do que bebe Santiago e outras moitas poboacións", chamando a atención sobre o feito de que este non é só un problema do lugar de Miramontes ou da parroquia de Grixoa, senón de toda Compostela e a súa comarca.

A veciñanza máis directamente afectada denuncia  "os cheiros moi molestos" procedentes da canteira, que se poden sentir mesmo a varios quilómetros de distancia. Tamén o continuo tráfico de camións

A veciñanza máis directamente afectada denuncia en primeiro lugar "os cheiros moi molestos" procedentes da canteira, que se poden sentir mesmo a varios quilómetros de distancia. Tamén o continuo tráfico de camións (máis de cen un día normal) que se achegan ata este lugar para depositar os residuos no vertedoiro e que en ocasións van deixando ciscados polos camiños próximos. Neste senso, chaman a atención sobre o carácter irregular deste tránsito. A única vía de acceso á canteira de Miramontes é unha vía rural á que se accede dende a estrada DP-7804 (Val do Dubra - Santiago). Este camiño rural, chamado Camiño de Gandarón, é unha vía de titularidade municipal, de 4,5 metros de anchura e ten unha prohibición de paso para vehículos de máis de 5,5 toneladas (agás os que conten cun permiso especial). O Concello de Santiago confirmou a través dun escrito que a única empresa que ten autorización de paso para vehículos de máis de 5,5 toneladas é Áridos CNC, non a que empresa que explota o vertedoiro.

"Hai filtracións de lixiviados, da auga que escorrega dos lodos, que van directamente ao terreo. Hai un risco claro de contaminación do medio", advirte Serafín González

Igualmente, alertan das filtracións de líquidos ao solo e ao subsolo, acuíferos e regatos que se poden estar producindo, debido á mala execución do complexo de produción de tecnosolos. Como explica Serafín González (presidente da SGHN e experto no tratamento de solos) no vídeo, a idea dos tecnosolos -fabricar solos de forma artificial para utilizalos na recuperación de zonas degradadas- "é moi boa", pero o problema en Grixoa "é que a execución da idea é moi mala, pésima, é unha perversión deste sistema". "Non pode ser que entre un 70% e un 90% das mostras incumpran as características que debería ter este tecnosolo". González denuncia numerosos incumprimentos das normas medioambientais, pois "os lodos déitanse directamente sobre o solo da canteira, cando deberían estar sobre unha superficie impermeabilizada e baixo cuberta". "Hai filtracións de lixiviados, da auga que escorrega dos lodos, e que van directamente ao terreo. Hai un risco claro de contaminación do medio", advirte. En realidade, sinalan dende a Plataforma, "non se lles pode chamar tecnosolos, nunca deixaron de ser residuos porque nunca se elaboraron correctamente".

 

"Un problema de todo o país"

"Queremos que se retiren os residuos que foron deitados alí para supostamente conformar tecnosolos, queremos que restauren a dona danada e sobre todo queremos que non se volva facer isto a 400 metros dunha aldea"

A Plataforma esixe que se paralice a actividade do complexo e que se analice o que hai dentro do vertedoiro. “Non sabemos o que hai dentro do vertedoiro, porque ninguén leva un rexistro do que entra. Isto é importante polos efectos que isto pode ter no medio ambiente nas vindeiras décadas", di David Martínez. "Queremos que a xente entenda que o sitio no que está situada esta industria é nefasto para nós, pero sobre todo para as xeracións vindeiras", sinala. "Queremos que se retiren os residuos que foron deitados alí para supostamente conformar tecnosolos, queremos que restauren a dona danada e sobre todo queremos que non se volva facer isto a 400 metros dunha aldea", engade.

"A xente está completamente deprimida. Ti sabes o que é non poder abrir as fiestras da casa en dous anos ou sacar a roupa a tender? Que os vellos que levan aquí toda a súa vida estean valorando marchar á cidade cos seus fillos?", explica Martínez. "Mentres unha empresa gaña cartos, os veciños e a natureza perden saúde. Non nos podemos permitir parar de loitar", engade. "A cousa vai lenta, todo é un proceso moi longo e en dous anos a empresa vai colmatar este vertedoiro. Se a burocracia e a investigación vai tan lenta que cando se resolva algo eles xa remataron, xa perdemos a loita", advirte.

"Mentres unha empresa gaña cartos, os veciños e a natureza perden saúde. Non nos podemos permitir parar de loitar"

"Este non é só un problema noso, dos veciños e veciñas desta parroquia. Pensamos que é un problema de país. Aquí estanse facendo moi mal as cousas e estase permitindo facer mal as cousas. Outro método de xestión medioambiental é posible. Que non esqueza a veciñanza de Santiago que o aire é imparable, e que a auga se filtra aos solos e aos acuíferos, podendo chegar ao río Tambre. É un problema de toda Galicia", conclúen dende a Plataforma.

Grixoa: Vivir ao pé do lixo

Lentes Diverxentes

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.