Milleiros de persoas reclaman a fin dos atrancos para a "liberdade de vivir en galego"

Vista da Praza da Quintana ao comezo do acto final da manifestación CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Un "sobreesforzo". É ao que se enfrontan cada día nais e pais, editoriais, medios de comunicación, empresas ou entidades que queren exercer a "liberdade de vivir en galego" e facelo "día a día" con normalidade. "A sociedade esta soa" e malia iso, a lingua galega "ten todo por gañar". Son algunhas das reivindicacións que este 17 de maio volveron ecoar nas rúas do centro de Santiago no marco da manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego, secundada unha vez máis por milleiros de persoas.

Un grupo de nenas e nenos formando as palabras "en galego" encabezaron unha comitiva, animada desta volta polo sol, que xunto á reivindicación de apoio por parte das institucións públicas pretendeu ser tamén homenaxe ás persoas e organizacións que "manteñen o galego vivo". Esta marcha é tamén a do "orgullo" de lograr que o idioma perviva, dixo o voceiro de Queremos Galego e presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, no acto final da quintana.

A actriz e presentadora Nieves Rodríguez, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, conduciu un acto final na que os maiores aplausos non foron desta volta para os discursos lidos ou improvisados, senón para o hip-hop da rapazada do instituto Antón Fraguas de Santiago. Tras gañaren o certame de manifestos do Correlingua 2018 os membros do grupo Franki e os labregos da linguaxe, formado por estudantes deste centro educativo, interpretaron a súa composición Rapea, que a lingua non para, recibida con sorrisos e aplausos entre o público asistente.

Nenas e nenos na cabeceira da manifestación / CC BY-SA Galiza Contrainfo

O voceiro de En Marea, Luís Villares, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e mais a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, amosaron xunto a diversos membros de cadansúas forzas políticas o apoio da oposición parlamentaria a unha reivindicación que segue a ter un dos seus focos no ensino. A lingua propia de Galicia, lembrou Maceira, segue vetado nas materias científicas e técnicas que, no entanto, si poden ser impartidas en castelán ou inglés. "Onde está a Lei de Normalización Lingüística, onde está a oficialidade, onde están os acordos unánimes?", preguntouse o voceiro da plataforma.

Participantes na mobilización de Queremos Galego / Praza.gal

A xuízo do colectivo, a "única política lingüística" exercida dende o Executivo galego nos últimos anos foi a "propaganda". Por iso, dixo, "o galego está na administración, na xustiza, na rede ou nos medios de comunicación só cando actuamos para que estea". Ese é o motivo, agrega, que leva a Queremos Galego a afirmar que "todos e todas facemos máis falta que nunca, todos e todas somos o sostén do noso idioma".

Participantes na lectura do manifesto final, durante a manifestación CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.