A noite do 23 ao 24 de maio foi longa na parroquia tudense de Paramos. Alí non houbo descanso en toda a madrugada malia ás limitacións impostas para evitar que os equipos de rescate corresen riscos na contorna onde, contra as catro e media da tarde do mércores, estoupaba un almacén pirotécnico que segundo o Concello operaba de maneira "clandestina" e cuxa deflagración matou cando menos dúas persoas, a segunda delas atopada entre os entullos na mañá do xoves. Contra o mediodía do xoves aínda se seguían a buscar posibles vítimas entre os entullos, actuación sinalada polo 112 como prioritaria toda vez que as 37 persoas feridas, seis das cales seguían hospitalizadas, están xa fóra de perigo vital.
Mentres continúan a esclarecerse as circunstancias do acontecido, así como as razóns de que o material pirotécnico estivese almacenado nunha vivenda sen ningunha autorización para facelo, a Xunta anunciaba a través do presidente, Alberto Núñez Feijóo, un acordo coa delegación do Goberno de España en Galicia para que todas as pirotecnias do país sexan revisadas. O Consello do Goberno galego confirmou tamén que a veciñanza afectada terá axudas autonómicas similares ás habilitadas tras a vaga de incendios forestais de outubro, que se activarán nos casos en que os seguros sexan insuficientes.
Na mañá do xoves o balance de persoas feridas ascendía a 37 e seis seguían hospitalizadas
No operativo de emerxencias despregado na zona do sinistro interviñeron 300 persoas e nel participaron tres helicópteros de loita contra os incendios forestais para extinguir os incendios provocados, detalla a Xunta. No dispositivo participaron, ademais da Xunta e do propio Concello de Tui, os efectivos de bombeiros dependentes da Deputación de Pontevedra, os primeiros en chegar ao lugar do estoupido, así como servizos de emerxencia portugueses desprazados desde a veciña Valença, para os que o Goberno galego evidenciou o seu agradecemento.
A veciñanza afectada terá axudas autonómicas similares ás habilitadas tras a vaga de incendios forestais de outubro se os seguros son insuficientes
Aínda que o presidente da Xunta desbota polo momento facer unha valoración global dos danos materiais, si evidencia que hai "un número importante de vivendas absolutamente destrozadas". Sobre a orixe da explosión nun almacén sen permiso, Feijóo avanzou que o Goberno central, do que dependen as autorizacións industriais das pirotecnias, inspeccionará todas as instaladas en Galicia. “O mundo pirotecnia está sometido a unha normativa moi estrita”, dixo, para engadir que “ningunha autoridade pode garantir que o 100% das persoas se salte a lei” e que “nalgúns casos unha minoría minoritaria” así o fai.
En materia urbanística, o presidente derivou as responsabilidades cara aos concellos e, segundo dixo, a Xunta non recibiu ningunha denuncia sobre a instalación que estourou en Tui. Nesa liña, Feijóo pediu a colaboración da cidadanía para que denuncie se ten coñecemento dalgunha instalación similar irregular. O obxectivo, dixo, é “tentar que isto non volva suceder”.