"Levabamos mesese traballando para evitar a situación que vimos este mércores". A concelleira responsable da área de Seguridade do Concello da Coruña, Rocío Fraga, saíu este xoves ao paso das críticas recibidas tras os incidentes nas protestas polo desaloxo da antiga Comandancia de Obras, que viña funcionando como centro social ocupado baixo o nome de 'A insumisa'. O goberno local, afirma Fraga, "lamenta profundamente a existencia de persoas feridas", en torno a media decena, por mor das cargas policiais que, salienta, o Concello non ordenou. Os membros do centro social desaloxado, mentres, apelan á mobilización polo sucedido.
En comparecencia ante os medios xunto aos edís de Rexeneración Urbana e Participación, Xiao Varela e Claudia Delso, Fraga fixo fincapé en que os enfrontamentos se produciron horas despois de que, contra as sete e cuarto da mañá, a Policía Local "acudise ao inmoble" para "comprobar o seu estado e levantar acta unnha vez vencido o prazo" ás persoas ocupantes "para o seu abandono voluntario", sinala, mentres que dende 'A insumisa' afirman que ese prazo aínda non expirara. "Tras constatar que se atopaba baleiro, decidiuse recuperar a posesión do mesmo por tratarse dun ben de dominio público e custodialo até a sinatura da acta de replanteo" co Ministerio de Fomento e "o inicio das obras de rehabilitación" para tornalo en "equipamento público destinado á mocidade".
Rocío Fraga: "Lamentamos profundamente a existencia de persoas feridas, pero quero reiterar que ocorreu moito máis do que se pode ver nun vídeo de 40 segundos"
Estes, lembra o Concello, foron os feitos dos que a propia Fraga deu conta contra as 10 da mañá do propio mércores, unhas dúas horas antes do enfrontamento coa Policía Local no que cando menos dúas persoas resultaron feridas. Ese dispositivo, di a edil, tiña como "único" cometido a devandita "custodia" do edificio. "Estas foron as instrucións que recibiron os axentes", que "nin sequera levaban cascos, proteccións ou calquera tipo de equipamento para un enfrontamento ou carga". O goberno local, agrega, vai "analizar con calma toda a situación vivida", se ben considera que o acontecido no caso dos axentes municipais non foi unha carga, senón unha "resposta" ao intento dos manifestantes de volver ocupar o edificio.
"Aínda que foi un día especialmente duro e tendo en conta que lamentamos profundamente a existencia de persoas feridas -conclúe Rocío Fraga- quero reiterar que durante toda a xornada ocorreu moito máis do que se pode ver nun vídeo de 40 segundos", di en referencia ás imaxes captadas por Radio Coruña. Cando si existiron cargas, coida o goberno local coruñés, foi na actuación da Policía Nacional durante a manifestación do serán. O Concello, matiza, "pediu a colaboración" do corpo estatal para a custodia do recinto, "como ocorre de forma habitual", pero non propiciou a carga, subliña.
Comunicado dende 'A Insumisa'
O colectivo impulsor do centro ocupado acusa o Concello de "saltar a legalidade e as máis mínimas garantías democráticas" no desaloxo
As explicacións do Concello non convenceron os membros de 'A insumisa', que sinala a Marea Atlántica como "directamente responsable da represión e a violencia, máis aínda que os lacaios que empuñaban as porras que eles ordearon desenfundar", afirma o colectivo a través dun comunicado. "Algún día -auguran- terán que responder por esta infamia", din nun contexto no que acusan o Concello de "saltar a legalidade e as máis mínimas garantías democráticas" a través dunha "forza" que "non foi a mínima imprescindible", senón aplicada "con sadismo e crueldade".
'A insumisa' ve "patético" que o goberno coruñés resalte o seu proxecto de "recuperar" as vellas naves da Comandancia de Obras como espazo "público". "Que hai máis público que un centro social aberto no qeu todas poidan decidir de xeito igualitario por medio dunha asemblea libre e desxerarquizada?", pregúntanse. A xuízo do colectivo, "o tempo poñerá a cadaquén no seu lugar" porque "ao pobo consciente non se lle engana tan facilmente". "Nós -advirten- seguiremos resistindo" e "abrindo espazos de liberdade e autoxestión para defendelos tras dos seus muros e nas rúas do autoritarismo e a represión". Neste sentido, chaman a unha manifestación o vindeiro sábado no serán.