O almacén de Paramos non era o único no que o propietario da clausurada pirotecnia La Gallega almacenaba material explosivo de maneira irregular. Os Equipos de Desactivación de Explosivos da Garda Civil (EDEX) acharon o pasado domingo en Baldráns, parroquia onde a empresa operara legalmente no pasado, un total de 1.150 quilos de "materia prima para a confección de produtos pirotécnicos" e "varios artefactos pirotécnicos en bo estado" con 11 quilos de pólvora. O achado deu lugar a unha nova detención do empresario, que este martes foi enviado a prisión provisional, comunicada e sen fianza por orde da titular do xulgado número 1 de Tui.
O estoupido que a pasada semana matou dúas persoas e arrasou a parroquia tudense de Paramos deu lugar a unha investigación que xa levara os axentes o pasado sábado a un galpón no que, grazas a un veciño que xa denunciara anteriormente a Francisco G.L., atoparon outros 474 quilos de pólvora e case un cento doutros produtos para elaborar pirotecnia. Os efectos da explosión, produto do almacenamento irregular deste tipo de material, e os almacéns clandestinos atopados posteriormente levan a xuíza a investigalo -antiga imputación- por delitos de risco catastrófico, homicidio imprudente, danos imprudentes, lesións imprudentes e tenza ilícita de explosivos.
En apenas dous días a Garda Civil atopou uns 1.500 quilos de explosivos almacenados irregularmente polo propietario da pirotecnia 'La gallega'
Aínda que inicialmente o deixara en liberdade, a xuíza coida agora que "tras a aparición dos depósitos" que nin sequera "mencionou" na súa declaración inicial, "as circunstancias variaron" e recomendan ingresalo no cárcere, informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Para a titular do xulgado resulta obvio que "existen riscos de alteración de fontes de proba" e, por extensión, de "reiteración delitiva". Ademais, argumenta, os novos achados da Garda Civil abren a posibilidade de que a condena que finalmente recaia sobre o acusado "sexa maior", polo que "aumentou o risco de fuga".
O sinistro matou dúas persoas e, segundo o balance municipal, afectou a case 700 veciños, destruíu unha trintena de casas e danou case un cento
Mentres o empresario -que estivo a piques de ser agredido nas inmedacións dos xulgados de Tui por un dos afectados que, segundo dixo, o denunciara en varias ocasións- é enviado á cadea, en Tui a veciñanza que quedou sen casa ou viu as súas vivendas profundamente afectadas polo estoupido continúa á expectativa e a agardar por axudas. Cun balance provisional de case 700 persoas afectadas, unha trintena de casas destruídas e case un cento danadas -segundo cifras do Concello de Tui-, os dous fillos do matrimonio que morreu na explosión seguen aínda hospitalizados xunto a dúas persoas máis. Tanto o consistorio como a Deputación de Pontevedra e a Xunta resaltan que están a activar os procedementos de axuda o máis rápido posible.
Ao tempo, na vila tudense o alcalde, Carlos Vázquez Padín, sae ao paso das informacións que resaltan o feito de que o goberno local contratou os fogos artificiais das últimas festas de San Telmo coa empresa La Gallega. Padín, que na tarde deste xoves comparece ante a prensa, avanzou nunha entrevista na Televisión de Galicia que a empresa "afirmaba" na documentación achegada ao Concello para formalizar o subministro que "contaba con outros almacéns legais", nomeadamente na Cañiza, polo que "entendiamos que o material que se estaba mercando" viña de instalacións con todos os permisos en regra. O motivo de elixir esta empresa foi, como no caso dos anteriores gobernos locais, precisou, que se trataba dunha "pirotecnia local", da propia vila de Tui.