0 Gardados para despois

Os axentes forestais denuncian "deixamento de funcións" da Xunta na loita contra os incendios

Redacción | @prazapublica

CIG e UGT veñen de difundir un comunicado conxunto no que enumeran varias eivas no dispositivo de loita contra o lume. Os dous sindicatos son moi críticos coas condicións laborais do colectivo de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia e denuncian que a Xunta os obriga a traballar en quendas de 12 horas. O colectivo rexeitou as condicións laborais propostas pola Administración, porque consideran a oferta que recibiron “miserable e cicateira".

As organizacións sindicais denuncian que a Xunta "malgastou máis de 5 millóns de euros de diñeiro público de todos os galegos nos últimos 10 anos", en referencia ás  intervencións da Unidade Militar de Emerxencias

Ambos os dous sindicatos explican que "tras anos de espera" en novembro de 2017 iniciáronse unhas negociacións coa Xunta, fixándose o 1 de decembro de 2017 como límite para renovar un acordo de condicións de traballo que data do ano 2004 "e está caduco dende o 2007". Porén, as centrais denuncian que "no lugar de presentar un novo acordo que se axuste os novos lumes que se están a producir debido o cambio climático e o abandono do rural, o Director Xeral de Función Pública presentou un texto para o acordo inasumible, posto que aumenta a máis de 2.000 horas anuais a realizar mentres un funcionario de corpos xerais realiza 1.700".

As organizacións sindicais denuncian que a Xunta "malgastou máis de 5 millóns de euros de diñeiro público de todos os galegos nos últimos 10 anos", en referencia ás  intervencións da Unidade Militar de Emerxencias, "diñeiro que quedou demostrado que non é eficaz pois no lugar onde estiveron despregados, os lumes continuaron e non se constatou unha redución dos mesmos". "Este diñeiro serviría para desbrozar moitos quilómetros de pistas forestais e poder atallar os lumes con máis axilidade", engaden

Os sindicatos denuncian igualmente que "a Policía Medioambiental de Galicia está sen vehículos; os directores de extinción do 99% dos lumes de Galicia, sen cobrar unhas gardas dignas; os mellores investigadores deses lumes seguen sen un horario axeitado que permita a conciliación da vida laboral e familiar e sen as prazas nas RPT que o presidente da Xunta prometeu crear".

Denuncian "o deixamento de funcións do actual Goberno e a incapacidade de redactar un novo acordo laboral que permite apagar e dirixir os lumes de nova xeración"

Os dous sindicatos conclúen que "o actual acordo non sirve para atallar os grandes lumes que se se están a producir en Galicia" alertan de que "ano tras ano a Xunta de Galicia non fai os seus deberes e espera a que se produza unha fin de semana negra como foi a 15 de outubro do ano pasado". Denuncian, finalmente, "o deixamento de funcións do actual Goberno e a incapacidade de redactar un novo acordo laboral que permite apagar e dirixir os lumes de nova xeración" e todo isto cando "falta menos de un mes para que comece a campaña de alto risco".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.