0 Gardados para despois

Greenpeace suspende a política da Xunta en prevención contra incendios

Redacción | @prazapublica

Greenpeace presentou este martes o informe Protexe o bosque, protexe a túa casa, no que analiza as causas da novo modelo de incendios de alta intensidade que se está a dar nos últimos anos e no que denuncia a falta de plans de prevención, emerxencia e autoprotección contra incendios forestais en España. O grupo ecoloxista analiza as políticas públicas de cada comunidade autónoma, outorgándolles unha cualificación de 1 a 10 na que Galicia suspende cunha nota de 3,2. Greenpeace conclúe que "Galicia suspende en planificación malia ser a comunidade que sofre máis incendios forestais" e destaca que "a planificación de incendios en Galicia é particularmente deficiente en tres áreas: prevención, emerxencia e autoprotección". A entidade salienta ademais que a Xunta, a diferenza da meirande parte dos restantes territorios, non respondeu ás súas peticións de información.

Greenpeace destaca que "a planificación de incendios en Galicia é particularmente deficiente en tres áreas: prevención, emerxencia e autoprotección"

Greenpeace lembra que as queimas son a causa principal de incendios en Galicia e recomenda "unha boa xestión das queimas, ofrecer alternativas ao uso do lume, e previr ao máximo adoptando as recomendacións e prohibicións oportunas". Ademais, suxire "emprender campañas de concienciación no medio rural para entender que unha práctica tradicional require dun tratamento distinto nun medio que evolucionou a unha paisaxe altamente inflamable". A entidade subliña que "o modelo actual de xestión de incendios baseado na extinción non resolve o problema. Céntrase nas causas que orixinan o lume, pero non nas que o propagan".

A entidade salienta ademais que a Xunta, a diferenza da meirande parte dos restantes territorios, non respondeu ás súas peticións de información

"O cambio climático e a evolución nos patróns demográficos provocaron que os incendios forestais xa non sexan unha excepción, senón a tendencia coa que a sociedade debe convivir, asumindo o risco e, por tanto, a responsabilidade de poder mitigalo", sinala Mario Rodríguez, director de Greenpeace España. Pola súa banda, Mónica Parrilla, responsable da campaña de Incendios de Greenpeace, engade que "é necesario que a área noroeste, onde se concentra máis da metade dos incendios do Estado, faga un esforzo para adaptarse e mitigar esta nova vaga de incendios. En zonas susceptibles de sufrir terremotos, por exemplo, hai percepción do risco; con todo, en zonas de risco de incendio forestal insírense vivendas sen que a poboación perciba o perigo e polo tanto se prepare para previr incendios e mitigar os seus impactos".

Finalmente, a entidade acompaña o informe cunha ferramenta interactiva online, unha Calculadora de Risco fronte a incendios forestais, que lle permite a cada persoa autoavaliar o potencial risco da súa vivenda fronte ao lume.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O BNG denuncia que a Xunta descarga nos concellos as súas funcións, coma a prevención contra o lume

Os concellos gobernados polo BNG acusan á Xunta de levar a cabo unha "deixación continuada das súas funcións" para descargalas sobre os municipios. A crítica refírese á prevención contra os incendios forestais a través do control das faixas de protección esixidas pola lei, pero tamén a servizos sociais, loita contra a velutina ou benestar animal. Temas para os que os concellos non contan con competencias, nin contan con medios económicos e materiais. "Colaboración si, pero cada administración ten que asumir a responsabilidade que lle toca", subliñan os e as alcaldesas nacionalistas.

Os concellos gobernados polo BNG acusan á Xunta de levar a cabo unha "deixación continuada das súas funcións" para descargalas sobre os municipios

Na rolda de prensa participaron a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o rexedor de Rianxo, Adolfo Muíños; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglesias; e a responsable nacional de Política Municipal da formación, Eva Vilaverde.

“Os municipios gobernados polo BNG non imos asumir a omisión de funcións do Goberno da Xunta”, subliñou Leticia Santos, que xunto co rexedor de Carballo, Evencio Ferrero, representan ao Bloque na comisión executiva da FEGAMP. “Estamos sufrindo un acoso constante cargando en nós responsabilidades e servizos que non nos corresponden, para tapar a súa incapacidade de desenvolver políticas que resolvan os problemas”, recalcou Santos. “A Xunta descarga nos concellos estas competencias por riba nun contexto e que a mal chamada Lei de racionalización de Montoro impide contratar persoal ou adicar recursos a competencias impropias”, afirmou a alcaldesa de Moaña.

Pola súa banda, Evencio Ferrero, argumentou que "non hai peor política que a que non existe, e cando iso pasa mírase para os lados para buscar responsables, recurso que usa a Xunta con moita frecuencia”. No caso das franxas de protección, o alcalde de Carballo considera “absolutamente imposible que a administración local asuma esa responsabilidade” e explicou que a súa localidade conta con dous mil quilómetros de pistas propias.

“Ante unha vaga de lumes tan desgraciada como a do pasado outubro responsabilizase ao concellos, pero cada un ten as súas responsabilidades e a dos municipios chega exclusivamente á da colaboración. Non se pode utilizar nin aos concellos, ni Á FEGAMP como instrumento de lavado de cara da Xunta, que ten que asumir dunha vez que é a responsable da política forestal do país”, concluíu Ferrero.

No caso das franxas de protección, o alcalde de Carballo considera “absolutamente imposible que a administración local asuma esa responsabilidade” e explicou que a súa localidade conta con dous mil quilómetros de pistas propias

“Os concellos estamos dispostos a colaborar na medida das nosas posibilidades, pero o que non estamos é dispostos a asumir responsabilidades que son da Xunta, neste caso, da súa falta de políticas para resolver cuestións tan importantes como a política forestal ou de apoio ao medio rural”, engaden os rexedores e rexedoras do BNG.