Xunta e numerosos concellos galegos ofrécense a acoller as persoas refuxiadas do 'Aquarius'

Ducias de migrantes a bordo do 'Aquarius' © MSF

A Xunta de Galicia está disposta a acoller parte das persoas que viaxan no buque Aquarius, que navega con máis de 600 inmigrantes e refuxiados rescatados no mar Mediterráneo tras a negativa de Malta e Italia a que atracase nos seus portos. A mesma disposición amosaron tamén todos os concellos gobernados polo BNG, ademais doutros municipios como A Coruña ou Compostela, dentro da vaga solidaria doutras moitas localidades no Estado. 

A Xunta, todos os concellos gobernados polo BNG e A Coruña ou Compostela amosaron a súa "disposición" a acoller as persoas refuxiadas

Foi o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, quen anunciou que o presidente Núñez Feijóo activara "a primeirísima hora da mañá" os mecanismos de coordinación do Goberno central para a acollida e puxera xa a disposición os medios galegos necesarios. "Estamos a falar dunha cuestión humanitaria e, nestas cuestións, temos que demostrar que estamos todos unidos ao redor das persoas", engadiu tras aclarar que o país dispoñíase a "acoller aquelas persoas rescatadas que lle fosen asignadas" dentro dos acordos establecidos. 

Os mecanismos que agora se porán en marcha son os que xa se empregaron para o reasentamento de refuxiados polo conflito en Siria. "Temos todos os medios sempre a disposición cando xorden situacións coma esta. Galicia está preparada para acoller este tipo de situacións que a todos nos inquietan porque hai persoas a bordo do buque que teñen que ser protexidas de maneira urxente", destacou Rey Varela. 

O conselleiro apuntou, ademais, que nestes "temas humanitarios", que afectan "dereitos fundamentais das persoas", é necesario "estar todos unidos". "Na sociedade avanzada en que vivimos hai mecanismos de coordinación", apuntou o conselleiro, que, neste caso "concreto" "fallaron" a nivel europeo para dar protección aos refuxiados e inmigrantes rescatados do Mediterráneo.

Ferrero, alcalde de Carballo, anunciou que os concellos gobernados polo BNG están dispostos a "recibir, axudar, protexer e amparar estas persoas"

Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, adiantou tamén que os concellos gobernados polo BNG trasladaron á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), da que o rexedor é vicepresidente, a disposición para "recibir, axudar, protexer e amparar estas persoas".  "Non podemos nin queremos mirar cara a outro lado", aclarou respecto do "drama humano das persoas refuxiadas que foxen do seu país de orixe escapando da pobreza, a violencia, a persecución e mesmo a morte", pois "chaman ás portas buscando unha vida mellor".

"Temos as nosas portas abertas para darlles acollida e para pór o noso modesto grao de area, porque queremos que os nosos concellos sexan un reflexo dos seus veciños, que saben moi ben o que é saír para buscarse o sustento fóra dos nosos fogares", engadiu Ferrero. 

Ademais, todos os grupos da oposición no Parlamento galego pediran á Xunta que estivese "á altura das circunstancias" ante a "crise humanitaria" no buque Aquarius e pediron a "colaboración" en todo o posible do Goberno galego co Executivo central, mentres que o PP pediu "valorar" o xesto. Tanto En Marea, como PSdeG e BNG enviaron a súa solidariedade cos refuxiados, a tripulación e as ONG. Ademais, Olalla Rodil lembrou que o fotoxornalista galego Óscar Corral é un dos membros da tripulación do buque. 

Desde a Eurocámara, a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, advertiu que ese Parlamento "está cheo de xenófobos e racistas que non teñen humanidade". "Cómpre xa actuar para salvar as 600 persoas do Aquarius, para devolver a Europa un mínimo de dignidade", pediu. 

629 persoas: 7 mulleres embarazadas e 123 menores non acompañados

Por outra banda, nunha entrevista na Cadena SER, a concelleira de Economía de Compostela, María Rozas, lembrou que "Santiago é cidade refuxio" e que, por iso, o Concello pon os seus "recursos e capacidade para acollida de persoas refuxiadas no que sexa necesario". No mesmo sentido se manifestou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. 

"Esperamos que a resposta co Aquarius supoña unha mudanza real nas políticas migratorias do Estado. Non só na acollida de refuxiadas, tamén con temas como a verxa de Melilla. Hai unha unha demanda social e unha obriga legal e moral", dixo María Rozas.

Os concellos da Coruña e Compostela ofreceron tamén os seus recursos para acoller varias das persoas do 'Aquarius'

Pouco despois, o Concello de Sasntiago anunciou que se poñía "a disposición da FEMP para colaborar na acollida" e "colaborar de forma activa na solución da gran crise humanitaria que está a padecer a UE". Tamén o fixo o da Coruña, que ademais pediu ao Goberno do Estado "rectificar as políticas do anterior Executivo" e que lembrou que a cidade "leva tempo poñendo recursos propios" para acoller persoas que solicitan protección internacional. 

No ámbito estatal, o PP cre que a acollida do Aquarius pode lanzar a mensaxe de que España é "un coladero para a inmigración ilegal". Así o dixo o coordinador xeral do partido, Martínez-Maíllo, que asegurou que o problema "é da UE" e que debe solucionarse "entre todos e non cunha iniciativa dun único país". 

O Aquarius, logo do rexeitamento sufrido en Italia e Malta e tras o ofrecemento de España a que atraque en Valencia, recibiu instrucións para distribuír os rescatados en barcos da Mariña italiana e poñer rumbo ao peirao español. Uns 400 migrantes e refuxiados comezaron a ser transferidos a barcos da Garda Costeira italiana e da propia Armada durante a tarde deste martes, tal e como indicou Médicos Sen Fronteiras (MSF), que advertiu de que, "curiosamente, 400 deles foran transferidos ao Aquarius por buques da mesma Mariña a fin de semana pasada". 

O 'Aquarius' leva 629 persoas rescatadas o pasado sábado, entre elas 11 nenos pequenos e 123 menores non acompañados

O Aquarius é un buque de busca e rescate que MSF opera en asociación con SOS Mediterranée e que navegaba en augas internacionais entre Malta e as costas de Sicilia á espera dun plan viable e seguro para desembarcar as 629 persoas rescatadas o pasado sábado, entre elas 11 nenos pequenos, 123 menores non acompañados e máis de 80 mulleres, sete delas embarazadas. Xunto aos migrantes viaxa tamén unha xornalista de RNE e outra de El País, xunto ao fotoxornalista galego Óscar Corral. 

A negativa do Goberno italiano creou unha fonda polémica en toda Europa, máis aínda logo das palabras do ministro do Interior e líder da ultradereitista Liga, Matteo Salvini, que proclamou "vitoria" ao consegir o seu "primeiro obxectivo": evitar que o barco atracase nun porto do seu país. 

Segundo a ONG, as persoas a bordo do Aquarius "están contentas de poder dirixirse finalmente a un porto seguro tras ser rescatadas no Mediterráneo, pero sobre todo de non regresar a Libia". Desde Defensa, a ministra Margarita Robles ofreceu xa o apoio da Armada para axudar a embarcación, asegurando que os buques españois están preparados para acompañar o barco de salavamento que transporta os migrantes e prestar apoio en augas xurisdicionais españolas e que chegará nuns tres días a Valencia. 

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.