O barco de Open Arms traslada a España 59 persoas rescatadas no Mediterráneo, con Ana Miranda a bordo

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, con dous dos tripulantes do Open Arms Dominio Público Praza Pública

O barco da ONG española Open Arms rescatou este sábado 59 persoas no Mediterráneo, nas proximidades da costa de Libia. A embarcación diríxese agora a costas españolas, onde espera poder trasladar a terra estes refuxiados e refuxiadas. O ministro do Interior italiano, o ultradereitista Matteo Salvini, xa anunciou que non permitirá que a embarcación atraque nun porto do país transalpino. Tampouco Malta permite o desembarco.

No barco viaxa tamén a eurodeputada do BNG Ana Miranda, que foi testemuña do rescate e que o foi relatando a través da súa conta de Twitter. Mirando está a bordo dende o pasado mércores, xunto con outros eurodeputados e eurodeputadas (Miguel Urbán, Javier López e Eleonora Forenza), como unha forma de apoiar a actividade da entidade e como unha forma de “facer un recoñecemento público a súa tarefa de salvar vidas”.

Miranda cualificou de “escandalosas” as palabras do Primeiro Ministro italiano Matteo Salvini, que rexeitou permitir o atraque dos barcos de Open Arms nos portos do seu país. “É un escándalo o que fai Italia e outros países da Unión Europea, ao non acoller inmigrantes nin deixando atracar aos barcos e deberían esixírselle responsabilidades pola morte de centos de persoas”, subliñou a eurodeputada.

O rescate produciuse despois de que este venres 100 persoas, entre elas tres bebés, morreran afogadas tralo naufraxio da súa patera. O único barco especializado na zona, o Open Arms, foi ignorado polas autoridades libias e italianas nos labores de salvamento. Trátase do primeiro rescate que a organización leva a cabo nesta misión, na que as trabas de Italia e Malta ao seu labor foron cada vez maiores. 

“Estamos diante dunha emerxencia humanitaria terrible coa que se está convertendo o Mediterráneo nun inmenso cemiterio. Os europeos e europeas deberiamos sentir unha inmensa vergoña polo que está acontecendo ás portas da nosa casa”, dixo a eurodeputada do BNG. Miranda quere facer un recoñecemento explícito ao traballo que fai todo o persoal das ONG’s que prestan os labores de axuda humanitaria, neste caso de xeito especial Proactiva Open Arms. “Salvar vidas non pode ser delito”, defende.

“Temos que ter claro que mentres non se solucionen os problemas nos países de orixe seguirá habendo xente que se xogue a súa vida e a dos seus fillos no Mediterráneo, polo que as decisións deberán ser conxuntas”, explica Miranda, quen considera “pouco realista” pretender que a xente non se expoña a morrer no mar mentres nos seus países se mantén a guerra e a miseria económica. Para a eurodeputada do BNG, a Unión Europea debería “preocuparse menos por reunións descafeinadas nas que se chega a acordos puntuais moi discutibles e tomar en serio a catástrofe humanitaria que deixa morrer a xente tanto en terra como en mar”.

Algunhas das 59 persoas rescatadas polo Open Arms © El Diario
Algunhas das 59 persoas rescatadas polo Open Arms © El Diario
O barco 'Astral' de Open Arms © Ana Miranda
O barco 'Astral' de Open Arms © Ana Miranda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.