O Supremo recoñece o dereito dun xuíz a gozar dun permiso de maternidade por ser a súa parella avogada por conta propia

Nenas e nenos dunha escola infantil CC-BY-NC-SA CIG

En maio de 2016 o maxistrado Xermán Varela tivo unha filla coa súa parella. Naquel momento Varela era xuíz en activo e a nai da nena exercía de avogada por conta propia. O Estatuto dos Traballadores establece que no caso de que a nai non tivese dereito a suspender a súa actividade profesional con dereito a prestacións de acordo coas normas que regulen esa actividade, o outro proxenitor terá dereito a suspender o seu contrato de traballo polo período que correspondese á nai, na actualidade 16 semanas. Esa foi a petición que naquel momento fixo Varela.

O Estatuto dos Traballadores establece que no caso de que a nai non tivese dereito a suspender a súa actividade profesional, o outro proxenitor terá dereito a suspender o seu contrato de traballo polo período que correspondese á nai

No entanto, o Consello Xeral do Poder Xudicial só lle recoñeceu o aproveitamento de 10 semanas de baixa por paternidade, por entender que a nai "si tiña dereito a maternidade con prestacións", neste caso un pagamento único por parto/lactación. Previamente, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lle denegara unha licenza por maternidade "por ausencia de previsión legal e regulamentaria que amparase tal dereito".

Porén, o Tribunal Supremo vén de estimar o recurso presentado por Varela, recoñecendo o seu dereito a gozar do permiso de paternidade cunha duración de 16 semanas, ao considerar que o pagamento único por parto/lactación que recibiu a nai non é equiparable a un pagamento por prestacións, e que, ademais, "non lle permitiu suspender a súa actividade profesional". A sentenza do Tribunal Supremo subliña que o pagamento único a percibir pola nai non é equiparable ao pagamento por prestacións porque "só protexe a recuperación biolóxica" e desatende as demais funcións esenciais que ten asignada a licenza por parto.

"Resulta obvio que o permiso parental ten unha significación moi distinta á do simple percibo dunha cantidade que resarza de gastos de maternidade e lactación", di a sentenza

O ditame destaca que "como a nai non suspendeu actividade nin iniciou período de descanso ningún, nada se opón, senón que aconsella, a que os mesmos sexan gozados polo pai en beneficio da menor". Así mesmo, subliña que non existe "dobre pagamento ou duplicación de prestacións", pois "resulta obvio que o permiso parental ten unha significación moi distinta á do simple percibo dunha cantidade que resarza de gastos de maternidade e lactación".

Esta sentenza chega en pleno debate sobre a reforma dos permisos de paternidade e maternidade. A pasada semana o Congreso aprobou por unanimidade equiparar os permisos de maternidade e paternidade; todos os grupos apoiaron a proposición de lei de Unidos Podemos, que implica que ambos os dous proxenitores poderán gozar dun permiso de 16 semanas que non poderá ser transferido, dúas semanas inmediatamente despois do parto e o resto durante o primeiro ano. O pasado ano nesta entrevista Carmen Castro salientaba que "os permisos por nacemento intransferibles funcionan como acelerador dun cambio cultural".

 

Xermán Varela, nunha imaxe de arquivo © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.