A APDR destaca que a actividade de Elnosa en Lourizán a partir deste domingo é "contraria á lei"

Cadea humana contra a continuidade de Elnosa na ría © APDR

Este domingo 29 de xullo finaliza a concesión de Electroquímica del Noroeste (Elnosa) para operar nos terreos de dominio público de Lourizán. Dende hai unhas semanas dábase por feito que a factoría finalizaría a súa actividade nesa data. Porén, este venres a subdelegada del Gobierno en Pontevedra, Maica Larriba, afirmou que a planta non pechará ata que se resolva o expediente de caducidade da súa concesión, algo que se podería chegar no outono. O Consello de Estado ten ata outubro para emitir un informe preceptivo, sobre o que a Dirección Xeral de Costas debe emitir o seu ditame final.

A APDR respondeu ás palabras de Larriba, lembrando que "a fin da actividade da fábrica de ELNOSA prodúcese, por Lei, este 29 de xullo, data na que finaliza a súa concesión en terreos de dominio público"

Case de inmediato a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) respondeu ás palabras de Larriba, lembrando que "a fin da actividade da fábrica de ELNOSA prodúcese, por Lei, este 29 de xullo, data na que finaliza a súa concesión en terreos de dominio público". "Desde esa data ELNOSA carecerá do imprescindíbel título habilitante, situación que nada ten que ver coa tramitación ou non do aludido expediente de caducidade e que lle impide manter a actividade", sinala a entidade.

A APDR concorda en que "existe un expediente de caducidade aberto como consecuencia do cumprimento dunha denuncia xudicial que obrigou ao Estado a iniciar tal expediente; e é certo tamén que os expedientes de caducidade teñen 18 meses para a súa resolución, prazo que -no caso do que nos ocupa- vence o 27 de outubro próximo". Porén, conclúe que "non se pode entender que razón pode levar a afirmar que a empresa poderá seguir traballando en Lourizán ata que se resolva o expediente, sinxelamente porque tal situación é contraria á Lei".

A entidade convoca un acto este domingo para celebrar que "se inicia a fin" do complexo ENCE-ELNOSA

A asociación convocou para este domingo un acto na Praza da Peregrina de Pontevedra ás 19 horas para colocar lazos verdes nas principais rúas da cidade, celebrando que "se inicia a fin" do complexo ENCE-ELNOSA "e comeza un futuro verde, de progreso social, ambiental e económico na nosa comarca, un futuro que só poderá ser certo coa desaparición definitiva do complexo", engade a entidade. Posteriormente, ás 20.30 terá lugar unha festa na Salla Karma.

 

Instalacións de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.