A CIG ve ratificado que a Xunta "inchou" as oposicións de educación tras ficar descubertas case o 20% das prazas

Aula dun instituto galego Dominio Público IES da Cañiza

"Debe deixar a propanda". O pasado 20 de xullo concluíron as oposicións de educación en Galicia, un proceso que o Goberno galego cualificara de "histórico" polo gran número de prazas ofertadas, 2.050 entre quenda libre e promoción interna. No entanto, case o 20% delas quedaron sen cubrir, "fundamentalmente as de promoción interna e certas especialidades de Secundaria e FP", o que para a CIG-Ensino certifica que a Consellería de Educación "inchou artificialmente" a convocatoria para "poder falar de cifras totais superiores a 2.000 prazas, o que se demostrou como unha falacia".

A xuízo do secretario xeral da central sindical maioritaria no eido do ensino en Galicia a cerna do problema estivo na convocatoria para mudanza de corpo dende o A2 ao A1. A Consellería, advirte, saber que "apenas se presentan aspirantes" por esta vía pero aplicou a "artimaña de ofertar 262 prazas" das que finalmente quedaron desertas o 92%. A estes, subliña Suso Bermello, engádense outros casos que "destacan especialmente". Refírese ás 18 prazas non cubertas en Francés dentro do corpo de mestres, 10 en Produtos Ortoprotésicos de Formación Profesional, 12 en Procesos Sanitarios ou 7 en Servizos de Restauración, tamén en FP. En ESO e Bacharelato, di Bermello, "destacan" 9 prazas desertas en Matemáticas e e 4 en Física e Química.

"As cifras non enganan", coida Bermello. Ben ao contrario, a central sindical ve reflectidas nelas as "queixas" das que estivo "inzado" todo o proceso. É por iso que, ao seu xuízo, a Xunta debera "tomar medidas efectivas para que se cumpra a normativa e se garanta a transparencia en vindeiras convocatorias", especialmente no que atinxe "ao nomeamento, á carga de traballo e aos criterios de avaliación empregados polos tribunais".

Bermello, secretario xeral da CIG-Ensino, lembra que o proceso estivo "inzado de queixas" e coida que a "ausencia dun verdadeiro concurso-oposición" impide que "a maioría de aspirantes poida demostrar a súa capacidade pedagóxica nas probas relacionadas co labor docente"

A estas circunstancias engádese, segundo a CIG-Ensino, outra eiva: a "ausencia dun verdadeiro concurso-oposición" que segue a "causar indignación entre o profesorado interino e substituto". "Non se trata de incumprimento da norma, senón do respecto ás regras do xogo e ao criterio de ingreso na docencia, fundamentado historicamente no valor do concurso ao par da oposición" e isto "non se está a garantir en Galiza".

"Unha das causas que explica que aproben tan poucas persoas na fase de oposición" é que na primeira proba -un exame práctico e outro teórico no que deben acadar unha media ponderada de 5- "se produce unha criba", ilustra o sindicato. Así, "a maioría dos aspirantes non poden demostrar a súa capacidade pedagóxica nas probas propiamente relacionadas co labor docente", a presentación dunha programación e dunha unidade didáctica". Dende o punto de vista de Bermello "neste caso a responsabilidade recae case en exclusiva nas mans da Consellería", que "se negou a atender algunhas das nosas propostas na negociación da convocatoria" en ámbitos como a redución da ratio de aspirantes por tribunal", entre outros.

'Plantón' do conselleiro á ministra

Xuntanza da Conferencia Sectorial de Educación que abordou a reversión dos recortes de 2012 / Ministerio de Educación

O Goberno central proxecta medidas como "derrogar o incremento da ratio de alumnos por aula" ou volver aos "dez días de prazo de substitución do profesorado"

Mentres a CIG-Ensino facía balance das oposicións docentes en Galicia, en Madrid o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, encabezaba o 'plantón' dos gobernos autonómicos do PP á nova ministra con competencias en materia educativa, Isabel Celaá. O Goberno de Pedro Sánchez convocara a Conferencia Sectorial de educación para lles expoñer ás autonomías o xeito en que prevé reverter os recortes aprobados en 2012 polo gabinete de Mariano Rajoy, cunha lei que "contempla derrogar o incremento da ratio de alumnos por aula, o aumento da parte lectiva do persoal docente e os 10 días de prazo de substitución" do profesorado, resume o Ministerio.

Segundo declarou o conselleiro galego á prensa, os gobernos do PP marcharon da xuntanza porque aínda que non rexeitan as medidas, si o fan coas "formas" en que lles foron presentadas. O Ministerio, acusan, formulou unha convocatoria "trapalleira" que "revela falta de diálogo" e "chegamos sen información". Ademais, acusan a Celaá de pretender que "as comunidades autónomas teñan que aplicar axustes orzamentarios sen apoio económico por parte do Estado", o cal está bloqueado polo rexeitamento no Congreso do novo teito de gasto, tombado cos votos en contra de, entre outros, o propio PP. Esta oposición dos gobernos do PP non impide, así e todo, que o proxecto siga adiante.

Bermello, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA CIG Ensino

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.