A Xunta di que "hai que convivir" coa velutina, mentres segue desoíndo moitas das recomendacións dos expertos

Avespas asiáticas nun niño © AGA

"Esta especie veu para quedar, polo tanto hai que convivir con ela". A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, afirmou este luns en Lugo que a sociedade galega terá que afacerse á presenza da avespa velutina e asegurou que a Xunta non conta con competencias para declarar este insecto como "praga". Vázquez foi crítica, ademais, coa xestión desenvolvida a este respecto por unha serie de localidades, que non especificou: "Hai concellos colaboradores e outros non e hai una media guerra, entre aspas, coa que temos que convivir".

"A Xunta segue botando balóns fora e non recoñece que estamos ante unha praga de grandes dimensións”, denuncia Xosé Luís Rivas

En resposta, o portavoz de Agricultura, Gandería e Montes do BNG, Xosé Luís Rivas, acusou ás concellerías de Medio e Rural e Medio Ambiente de “evadir as súas responsabilidades na praga da velutina”. "A Xunta segue botando balóns fora e non recoñece que estamos ante unha praga de grandes dimensións”, sinalou o deputado, que engadiu que a velutina é “un problema moi grave". Rivas denunciou que son os propios agricultores os que deben utilizar trampas de maneira artesanal e criticou que a Xunta non ofreceu a información necesaria para loitar contra o insecto. 

“Non hai unha aposta política clara á altura do problema”, concluíu, demandando tamén unha mellor coordinación entre as distintas administracións, sinalando que a comisión de seguimento "non está a ofrecer datos nin solucións" e que a comisión de agricultura no Parlamento galego "non engloba as asociación de apicultores e afectados".

 

Cambios no comportamento da velutina este ano

O deputado do BNG compareceu en rolda de prensa xunto co portavoz da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Xesús Asorey. Asorey explicou que -seguramente debido aos meses chuviosos do inverno e a primavera- este ano o insecto mostra un comportamento moi diferente a respecto doutros, nos que adoitaba fabricar niños moi grandes ao longo de vales, regatos e ríos. As condicións meteorolóxicas levaron á velutina a optar por construír moitos niños pequenos e máis próximos ás casas e hortas, buscando o abrigo nestes lugares. Isto diminuíu os efectos negativos sobre as colmeas e as abellas, pero incrementou o perigo para as persoas que fan traballos nas hortas e leiras próximas ás casas, sobre todo para aquelas que son alérxicas.

A AGA alerta de que -debido ás chuvias desta primavera- a avespa mudou o seu comportamento, construíndo niños máis pequenos pero máis próximos a casas e hortas, con maior perigo para quen traballa nestas zonas

A Asociación de Médicos Interinos de Galicia (Asmig) demandoulle ao SERGAS o envío aos centros de saúde de "kits de adrenalina" para tratar as picaduras de avespas. Este ano producíronse xa tres mortes por esta causa, unha delas por causa da avespa asiática e as outras dúas pola acción de avespas autóctonas, igualmente perigosas para as persoas alérxicas. 

Asorey pediu tratar a praga dende "unha perspectiva medioambiental" porque, na súa opinión, “a praga está descontrolada” e os apicultores e agricultores fican “indefensos” ante os seus efectos. A AGA iniciou en colaboración coa Universidade de Vigo unha investigación para mellores métodos para acabar coa vespa asiática sen danar outros insectos autóctonos, ademais de capturar máis raíñas. Tamén a Deputación da Coruña iniciou, xunto coa Universidade de Santiago, un proxecto multidisciplinar semellante para estudar estratexias baseadas na "loita biolóxica" contra a velutina. A investigación busca parasitos de avespas e abellas galegas que afecten a velutina sen prexudicar insectos autóctonos. "A praga da velutina vai nun bólido e as institucións van detrás nun carro de vacas", denunciaba o pasado ano o propio Xesús Asorey, voceiro de Asociación Galega de Apicultura (AGA).

 

A expansión da velutina

En xullo houbo 1.216 avisos ao 112 e en 13 días de agosto son xa 1.377, non lonxe dos máximos do pasado ano

Nos últimos 12 meses o 112 recibiu case 25 mil avisos pola presenza de vespas velutinas en Galicia. O número de incidencias disparouse no verán e no outono de 2017, superando as catro mil chamadas en xullo e agosto, ou as tres mil en setembro, novembro e decembro. Posteriormente, a chegada do inverno e das chuvias fixo diminuír os avisos, pero en xullo foron un total de 1.216 e en tan só 13 días de agosto son xa 1.377, non lonxe dos máximos do pasado ano. No que levamos de 2018 foron detectados niños en boa parte do país, principalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra, sobre todo nas zonas costeiras. En Ames, Santa Comba, Pontevedra, Oleiros e Cambre localizáronse máis de 100 niños só no que levamos de 2018. Noutras 40 localidades atopáronse entre 26 e 100 niños desta avespa, nomeadamente Ferrolterra, as comarcas da Coruña e Compostela, Muros-Noia e Barbanza, as comarcas de Pontevedra e Vigo e o Baixo Miño.

 

As demandas de apicultores e labregos e outros expertos

Os partidos da oposición e entidades de apicultores e labregos (agrupados na Plataforma Stop Velutinaveñen reclamándolle á Xunta que incremente as accións para frear a extensión desta avespa, mediante a posta en marcha de trampeos masivos e dunha decidida aposta pola investigación e a colaboración coas universidades e outras administracións. O obxectivo deste trampeo masivo, consistente na colocación dunhas 50.000 trampas, era busca capturar futuras raíñas fundadoras durante o inverno e evitar así a aparición dos enormes niños secundarios no verán.

Plataforma Stop Velutina demandou a posta en marcha de trampeos masivos e dunha decidida aposta pola investigación e a colaboración coas universidades e outras administracións

A Plataforma reclamaba igualmente que a Xunta asine convenios de colaboración coas universidades galegas para levar a cabo investigacións sobre a velutina de cara a atopar ferramentas de control biolóxico que permitan controlar a expansión a longo prazo. Así mesmo, a Plataforma demandaba un sistema de axudas directas mediante convocatoria, para compensar aqueles labregos e apicultores que sofren perdas nas súas froiteiras e colmeas por mor da vespa invasora. "Os apicultores e apicultoras experimentan entre un 20-30% máis de custos asociados á velutina, e isto sen contar a perda de abellas e a perda correlativa nas colleitas de mel", denunciaban. Outra das eivas que a Plataforma sinalaba na acción da Xunta nesta cuestión referíase a cuestións organizativas e de xestión. A entidade solicita a presenza dos sectores afectados nos organismos da administración que están a tratar o problema, por exemplo a chamada Comisión de seguimento.

Porén, estas demandas foron rexeitadas polo Goberno galego, que tumbou no Parlamento as propostas presentadas por En Marea, PSdeG e BNG a este respecto. Varias destas medidas figuraban no propio Protocolo de vixilancia e control fronte a avespa asiática aprobado pola Xunta en xullo de 2016. "No debate o PP demostrou que non ten coñecemento ningún a respecto da especie", denunciou Laura García, voceira da Asociación Galega de Apicultura (AGA).

 

Avisos pola presenza de velutinas rexistrados no 112 Dominio Público Praza Pública
Concellos con maior concentración de niños de velutina detectados (17 de xullo de 2018) © Xunta
Representantes da plataforma Stop Velutina © AGA
Xosé Luís Rivas e Xesús Asorey © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.