0 Gardados para despois

As manifestacións pola sanidade multiplicáronse por seis en Galicia o pasado ano

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Galicia rexistrou 3.525 manifestacións durante o ano 2017, segundo os datos do Ministerio do Interior. Son 400 menos das que houbo no ano 2016 (3.935), mais a cifra é semellante á do 2015 (3.524). No conxunto de España, en cambio, o número incrementouse o pasado ano (29.091 fronte ás 27.880 de 2016), despois de catro anos consecutivos de descensos na conflitividade social, dende o máximo acadado en 2012. O que máis chama a atención é o importante crecemento das manifestacións relacionadas con cuestións sanitarias, que pasaron de 45 a 271 no último ano. Galicia foi, de feito, a comunidade autónoma con máis marchas convocadas por este tema, máis dun terzo do total das realizadas en España.

Pontevedra volveu ser un ano máis a provincia galega con máis manifestacións

Por territorios, Pontevedra volveu ser un ano máis a provincia galega con máis manifestacións (1.937, máis da metade do total), seguida a gran distancia pola Coruña (922) e Lugo (498). Ourense pecha esta lista con apenas 168. En Galicia houbo, ademais, 153 manifestacións prohibidas, menos da metade das que se prohibiran en 2016 (309). Iso si, Galicia foi a segunda comunidade na que se prohibiron máis protestas (só por detrás de Andalucía, con moita máis poboación) e Pontevedra foi a provincia do Estado con máis marchas vetadas.

En canto ao tipo de convocatorias, volven ser maioría as promovidas por "asociacións cidadás" (1.787), que superan ás impulsadas por sindicatos (1.314). No 2017 creceron as manifestacións convocadas directamente por grupos de traballadores ou comités de empresa (251, fronte ás 70 de 2016). En cambio, seguen descendendo as lideradas por estudantes, grupos independentistas e, sobre todo, por partidos políticos, que pasaron de superar a centena ata o 2014 para ficar apenas en 36 o pasado ano.

O pasado ano Galicia levou a cabo o 40% das protestas sanitarias de todo o Estado

Finalmente, o que máis chama a atención dos datos publicados polo Ministerio do Interior é o importante crecemento das manifestacións relacionadas con cuestións sanitarias. Se no 2016 foran 45, no 2017 multiplicáronse por seis ata as 271, a cifra máis alta dende o ano 2012, cando menos. No conxunto de España houbo un total de 695 protestas deste tipo, o que quere dicir que Galicia levou a cabo o 40% das protestas sanitarias de todo o Estado. Andalucía (150), Castela-León (53) e Madrid (51) son as seguintes comunidades con máis manifestacións por temas relacionados coa sanidade. Cómpre lembrar que nesta estatística non se inclúen os datos de Cataluña ou Euskadi.

Destacaron as mobilizacións (na Mariña, no Salnés, en Monforte...) contra a supresión das áreas sanitarias, unhas manifestacións contra a nova Lei de Saúde que continuaron neste 2018 e que levaron a milleiros de persoas a Compostela o pasado mes de febreiro. Estas e outras protestas (por exemplo as que se están a producir pola falta de pediatras) poden facer que neste 2018 se superen os rexistros do pasado ano.

En todo caso, as manifestacións máis frecuentes en Galicia seguiron sendo en 2017 as relacionadas con temáticas laborais (1.261) e veciñais (1.187). O pasado ano incrementáronse as protestas contra a violencia de xénero (un total de 61 en toda Galicia) e descenderon as relacionadas co ensino ou o medio ambiente.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.