Os axentes ambientais e forestais manifestaranse este mércores en Vigo en defensa do patrimonio natural galego e para reclamar un acordo laboral que regule as súas condicións de traballo. A marcha comezará ás 19 horas na Praza de España e rematará a carón da estatua de Xulio Verne, na rúa As Avenidas. O persoal atópase en folga indefinida dende o pasado 1 de agosto, un paro que atopou grandes obstáculos, por mor dos servizos mínimos impostos pola Xunta, do 100% para os traballadores dependentes de Medio Rural e do 20% para os dependentes de Medio Ambiente.
O colectivo fai un chamamento a organizacións ecoloxistas, comunidades de montes, entidades na defensa do medio natural e ao conxunto da cidadanía a participar na mobilización para reivindicar “un rural e un monte vivos, porque o noso medio ambiente pide axuda”, ademais da mellora contractual e salarial para os e as traballadoras dun sector fundamental para o coidado do medio.
Queren reivindicar o traballo de defensa e custodia dos nosos valores naturais que desenvolven no seu día a día, reclamando un servizo público de calidade, así como a dignificación e profesionalización dos axentes ambientais e dos traballadores/as forestais. Os axentes coidan que o problema non é económico: "Vemos inxentes cantidades de diñeiro en drons, cámaras ou para o Exército", din.
Reivindican “un rural e un monte vivos, porque o noso medio ambiente pide axuda”
A manifestación recibiu o apoio da asociación Apropiga (Asociación Profesional de Bombeiros Forestais de Galicia). "Compartimos con eles a defensa por un Servizo Público e Único que garanta a prestación dun servizo esencial de calidade no eido das emerxencias e a prevención e loita contra os incendios forestais en Galicia", destaca a entidade que quere "reivindicar os incumprimentos reiterados do goberno da Xunta de Galicia para co colectivo de traballadores e traballadoras do Spdcif que seguimos a padecer unha precarizacion intolerables".