Atranco para a polémica planta de residuos de Toysal na Casalonga. O Concello de Teo vén de remitir á Xunta un informe de compatibilidade urbanística negativo e espera así que a Consellería de Medio Ambiente desbote de vez o proxecto. O alcalde da localidade, Rafael Sisto, advertiu de que a iniciativa empesarial é "incompatible urbanisticamente".
O Concello de Teo vén de remitir á Xunta un informe de compatibilidade urbanística negativo e espera así que a Consellería de Medio Ambiente desbote de vez o proxecto
"Agora é o momento de que a Xunta cumpra e peche a tramitación do expediente de Toysal”, asegurou Sisto. Ademais, a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, cre que o que debe facer agora o Goberno galego é pechar a tramitación da planta coa "mesma premura" que se lle "esixía" á administración local "para a emisión do informe".
O informe do Concello destaca que a planta impulsada por Toysal é incompatible coa normativa urbanística de Teo e, en especial, co seu PXOM. É a opción que ten o municipio, aínda que a empresa podería acollerse á lexislación galega se modifica o proxecto e teimar na iniciativa.
O alcalde e a concelleira, ante membros da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, pediron que a "presión cidadá" continúe e reclamaron "unha batalla conxunta” para evitar o asentamento da planta na zona.
O alcalde pide que a "presión cidadá" continúe e reclama "unha batalla conxunta” para evitar o asentamento da planta na zona
Prevista na parroquia de Calo, no espazo que anteriormente ocupou unha mina a ceo aberto en Casalonga, a planta prevé o tratamento anual dunhas 90.000 toneladas de residuos e situaríase a tan só 400 metros dun núcleo de poboación. Ocuparía uns 135.000 metros cadrados, a menos de dous quilómetros de onde viven 4.000 persoas e a uns seis doutras 50.000.
A planta de 135.000 m2 prevé unha balsa de 7.000 m3, dous gasómetros, un espazo para 20 camións ou unha nave de recepción de residuos
O proxecto, cunha extensión equivalente a uns 14 campos de fútbol, prevé unha balsa de 7.000 metros cúbicos de capacidade para almacenar os residuos, dous gasómetros para 1.000 metros cúbicos cada un, un espazo para o lavado diario de 20 camións que transportarían os residuos orgánicos e lodos á planta ou unha nave de recepción de residuos duns 2.000 metros cadrados.
Tanto a plataforma veciñal como anteriores informes técnicos encargados polo Concello advirten dos riscos e das posibles afectacións sociais, medioambientais e económicas dun proxecto que, coinciden, non elixiu o lugar máis axeitado para situarse ante o achegado da poboación e de varios núcleos.