Familias péchanse no IES de Brión para esixiren máis profesorado e "un ensino decente"

Nais, pais e alumnos do IES Brión protestan pola escaseza de docentes © ANPA Pedra Viada

"Queremos máis docentes para un ensino decente". Así reza unha das pancartas que acompaña o peche que desde a tarde deste pasado xoves manteñen nais, pais e algún alumno no IES de Brión. Protestan pola que consideran escaseza de profesorado no centro e polos "recortes" que veñen sufrindo desde hai anos no instituto, o que provocou tamén o mércores a dimisión do equipo diretivo.

Nais e pais protestan pola falta de profesores, que provocou tamén a dimisión do equipo directivo do centro

"É imposible cadrar horarios agás que se desmantele o centro", advirte a dirección, que agarda a coñecer na mañá deste venres se a Consellería acepta ou non a súa dimisión logo da reunión que manterán coa Inspección Educativa. Mentres, e tras a asemblea impulsada pola Asociación de Nais e Pais (ANPA) Pedra Viada, o peche por quendas "continuará ata que haxa unha solución". "Seguiremos a fin de semana e non temos previsto que os rapaces comecen as clases a vindeira semana", que é cando está establecido o inicio de curso.

O peche continuará "ata que haxa unha solución" e as familias non prevén que os rapaces comecen as clases este luns

Así o explica Tito Souto, presidente da ANPA, que asegura que as demandas de máis medios "veñen xa de atrás". O que "reborda o vaso" é a situación que se atoparon neste inicio de curso. O instituto conta con 31 estudantes máis que no anterior, superando os 380 matriculados. O centro solicitou dez docentes máis pero desde Educación tan só ofreceron sete. Ao publicarse as listas definitivas de adxudicación do profesorado, o equipo directivo dimitiu e as nais e pais decidiron afondar nas protestas iniciando o peche. 

O centro conta con 31 alumnos máis que o curso pasado e solicitou dez docentes pero Educación tan só facilitou sete

"Non se incrementou o profesorado porque aínda que se incrementaron as matrículas non se incremetaron grupos", xustifica a Consellería de Educación. Desde a ANPA aseguran que as contas "sáenlle" á Xunta porque "se aumentaron a catro os grupos en 1º da ESO a costa de concentrar en só dous 61 alumnos de 4º". Segundo as nais e pais e a dirección do centro, a ausencia de máis profesorado impedirá facer o desdobramento necesario neses grupos 4º de Secundaria para diferentes especialidades. Ademais, denuncian que "tampouco se poderán poñer en marcha grupos de reforzos en 3º, dificilmente se poderán cubrir as gardas --algo que xa foi complicado con 31 alumnos menos-- e que mesmo a biblioteca terá que quedar sen persoal moito tempo". 

A Xunta di que hai máis alumnos pero non máis grupos; no centro aclaran que os grupos son máis grandes e que a falta de profesorado impide desdobramentos ou grupos de reforzo e baixa a calidade do ensino

Desde a ANPA, Tito Souto advirte de que a escaseza de docentes "afectará a calidade do ensino" e insiste en que no centro xa se funcionou "baixo mínimos" durante os últimos anos. Ademais, a asociación lembra que noutros instititutos da contorna si se permitiu a formación de grupos con menos alumnaso, "algo que redunda na mellor calidade da ensinanza". A propia dirección, lembran, achegou datos sobre a mellora dos resultados no curso pasado en 4º de ESO cando foi posible dividir en tres grupos a 57 alumnos.

Durante a xuntanza deste venres do equipo directivo e das nais e pais coa inspectora de Educación da Xunta, esta última insistiulles en que o número de profesores era suficiente profes e non aceptou a dimisión da dirección. Ademais, recomendoulle ás familias que marchasen para a casa. Na noite estaba prevista unha asemblea informativa convocada pola ANPA para analizar as próximas medidas a tomar, aínda que a idea da xente que secundou o peche e continuar con el ata que lles acheguen unha solución. 

Peche no IES de Brión © ANPA Pedra Viada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.