0 Gardados para despois

88 concelleiros da provincia da Coruña foron asasinados pola represión posterior ao golpe de 1936

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


“Na medida en que o  novo réxime quixo castigar os responsables das políticas desenvolvidas no período republicano ou ás persoas que participaron na organización da resistencia ao golpe militar, as corporacións municipais foron un dos principais obxectivos da represión”. Este venres presentouse o resultado completo da investigación Xeración Perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña, impulsado pola Deputación e levado a cabo polo grupo HISPONA (USC) baixo a dirección do profesor Emilio Grandío. O pasado ano o proxecto deu a coñecer as súas conclusións preliminares sobre a represión sufrida en 1936 polos alcaldes e concelleiros da provincia da Coruña, ampliadas nos últimos meses a través dunha fonda pescuda nos arquivos e coa colaboración de historiadores locais.

Un total de 334 representantes municipais que sufriron a represión do Franquismo

Se xa o pasado ano se daba a cifra de 72 concelleiros asasinados, agora as novas investigacións elevan o número ata os 88 edís mortos a mans dos sublevados. A eles hai que sumar 78 encarcerados, 34 exiliados, 12 fuxidos, 86 sancionados ou 36 procesados (30 sentenciados a cadea perpetua), un total de 334 representantes municipais que sufriron a represión do franquismo. A cifra é moi elevada, máis dun 13% de todos os concelleiros do período republicano na provincia da Coruña (2.467). E a proporción é moito máis elevada se só se teñen en conta as persoas que o 18 de xullo de 1936 ocupaban ese cargo: 286 represaliadas dun total de 1.286, un 22%.

“Os números son sempre fríos e inexpresivos, mais son necesarios na procura de coñecemento. Cada un deles agocha un drama, ou varios. Cada número esconde moito silencia. Ás veces atronador”, destácase na investigación. “A primeira dificultade foi saber quen eran, porque non había unha listaxe de concelleiros na provincia, nin moito menos. Obtivemos 2.467 nomes. Penso que en moitos concellos van descubrir cousas con este libro, van descubrir persoas que non sabían que foran concelleiros e que foron represaliados”, sinala Emilio Grandío.

“Se o golpe do 36 só atacara o nivel máis alto do poder, non tería esnaquizado o resultado de anos de mobilización social e de avance das ideas democratizadoras"

“A represión dirixiuse contra todos aquelas persoas que tivesen actividade social ou política e sobre todo que tivesen representatividade democrática”, salienta Grandío, facendo fincapé na importancia cuantitativa da persecución contra os alcaldes e concelleiros republicanos, que foi moito máis aló do asasinato selectivo dalgunhas poucas figuras destacadas. “Un golpe coma o do 36 se só atacara o nivel máis alto do poder non tería esnaquizado o resultado de anos de mobilización social e de avance das ideas democratizadoras. Foi o ataque do nivel máis local, o que estaba en contacto directo coa cidadanía, unha das circunstancias que permitiu á ditadura manterse sen grandes desafíos internos durante catro décadas”, engade a investigación. “O obxectivo é lembrar, para non esquecer, como se procede á demolición dun sistema político democrático que pretendeu modernizar e transformar a sociedade”, conclúe.

Houbo represión nas cidades (foron asasinados alcaldes da Coruña, Compostela e Ferrol-Serantes, e tamén o presidente da Deputación ou o Gobernador civil) e tamén en concellos máis rurais, destacando por exemplo os 8 edís asasinados en Boimorto, os 7 de Cedeira, os 6 de Fene, os 5 de Mugardos ou os 4 de Boiro, Cabanas, Monfero e Valdoviño. Unha cifras que poderían ter sido moito máis elevadas, se temos en conta o gran número de rexedores que se exiliaron: Teo, Ponteceso, Pobra, Noia, Miño, Ferrol, Coristanco, Culleredo, Laracha, Ares... Como se ve, a represión foi especialmente forte nas as comarcas de Eume e Ferrol. De feito suman, 6 dos 18 alcaldes asasinados e 39 dos 88 concelleiros mortos, unha cifra que crece ata os 56 se se suman as comarcas da Coruña e Betanzos. “En xeral, a costa sofre máis a represión que o interior, pero hai que ter en conta un feito engadido: a provincia da Coruña foi dividida en tres subdelegacións de orde pública, unha con centro en Santiago, outra con centro na Coruña e outra con centro en Ferrol, e nesta última a represión contra os representantes democrático tivo moita maior intensidade e cremos que isto foi debido a unha intervención determinada desa estrutura de orde pública", destaca Grandío.

Se só temos en conta os concelleiros que sufriron represión pero que salvaron a vida (exiliados, fuxidos, encarcerados, sancionados...), hai localidades nas que a maioría das súas corporacións foi perseguida: Ferrol (10 edís), Compostela (8), Cabanas (8), Mesía (8), Noia (8), Boiro (7), Frades (6), A Coruña (5), Culleredo (4), Teo (4), Boimorto (4), A Pobra (4), Rianxo (4)...

Os gobernos municipais de 1936 fixeron fincapé na readmisión do persoal despedido en 1934, na municipalización de servizos, na campaña do Estatuto, no fomento dunha nova política urbanística, nunha nova relación coa Igrexa, na sanidade gratuíta ou na mellora do ensino

Galicia -e moi especialmente a provincia da Coruña- era un territorio eminentemente republicano en xullo de 1936 e moitas das súas comarcas situábanse na vangarda política e social. Porén, o feito de que os sublevados controlasen moi rapidamente Galicia contribuíu a ocultar esta realidade. En 1931 a ORGA e outros grupos republicanos controlaban 67 dos concellos da provincia, máis outros 11 que estaban en poder do PSOE, dun total de 93. Mesmo en 1934, xa no bienio conservador, a ORGA e os seus aliados seguían gobernando en 56 concellos, que pasaron a ser 37 trala represión que seguiu á revolución de 1934.

A política transformadora levada a cabo da Segunda República polo Goberno central foi moi importante, mais as accións desenvolvidas neses anos polos concellos republicanos cambiaron radicalmente as sociedades das súas localidades, sobre todo nos meses previos á sublevación militar de xullo de 1936. Cómpre destacar, por exemplo, que na cidade da Coruña pasara de haber 37 escolas en 1931 a 100 en 1936 e o plan do Goberno municipal era crear 100 máis de forma inmediata. As corporacións municipais que resultaron da ampla vitoria da Fronte Popular na provincia nas eleccións de febreiro de 1936 fixeron fincapé na readmisión do persoal despedido en 1934, na municipalización de servizos, na campaña do Estatuto de Autonomía, no fomento dunha nova política urbanística, nunha nova relación coa Igrexa, no énfase na sanidade gratuíta ou na mellora do ensino.

"A xuventude abríase paso como nunca antes o fixera: accedendo ás institucións e participando con todo o protagonismo na xestión do público, en correspondencia co papel que xa estaba a xogar no tecido societario, sindical ou cultural”

Outra das cousas que máis chama a atención lendo a investigacións coordinada por Grandío é a curta idade dunha parte moi importante deses alcaldes e concelleiros. A media de idade dos cargos municipais que sufriron algún tipo de represión é de 36 anos de idade, e os alcaldes de Miño, Cabanas ou Coristanco tiñan 30 anos ou menos. En Cabanas, de feito, 9 dos 12 concelleiros tiñan menos de 30 anos. En 1936, “a nova xeración, nova en termos de idade e de experiencia nas institucións, faise protagonista ao acceder a cargos políticos. A xuventude abríase paso como nunca antes o fixera: accedendo ás institucións e participando con todo o protagonismo na xestión do público, en correspondencia co papel que xa estaba a xogar no tecido societario, sindical ou cultural”, destaca a investigación. "Esa nova xeración entende que está ante un tempo novo e que debe tomar posicións. Observa á xeración anterior, que trouxo a República no 31 como algo vello", subliña Grandío. Toda esa xeración (e varias das seguintes) quedaron capadas pola ditadura franquista, que cortou de raíz todos os procesos modernizadores iniciados nos anos anteriores.

Tamén no que se refire á igualdade da muller. En 1936 só había unha concelleira entre o total de 1.286 representantes municipais da provincia da Coruña: Brigida Muñiz, edil do PSOE en Boiro. Muñiz tamén sufriu a represión franquista: as súas vacas foron embargadas, foi encarcerada un mes, foi rapada e paseada. “Unha muller concelleira, é dicir, participante da vida pública e oficial ao mesmo nivel que os homes non encaixaba nos roles de xénero que as autoridades sublevadas e os ideólogos do franquismo tiñan para a súa nova España”, explica a investigación coordinada por Emilio Grandío.

“Unha muller concelleira, é dicir, participante da vida pública e oficial ao mesmo nivel que os homes non encaixaba nos roles de xénero que as autoridades sublevadas e os ideólogos do franquismo tiñan para a súa nova España”

“O poder cambiara de mans coa vitoria da Fronte Popular. Os golpistas tiñan présa, porque o réxime republicano parecía que funcionaba. As taxas máis altas de represión danse entre xullo de 1936 e febreiro de 1937”, explica Grandío. “Cando un estuda os anos trinta, séguenos sorprendendo a modernidade dos discursos que se vía nese momento en Galicia e España. A sublevación militar de 1936 vén rematar con esas tentativas de modernización”, destaca. “As políticas desenvolvidas neses anos deberían ser recoñecidas moito máis como o precedente da nosa actual democracia. Pero ese pacto de silencio tamén actúa aquí, porque o silencio non é só sobre os mortos, senón tamén sobre a acción transformadora da República”, conclúe o historiador.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.