A planta de residuos da Casalonga vetada por Teo e a Xunta torna agora en "plan de restauración"

Antiga canteira de Casalonga, onde se prevé instalar a planta © Habitaq

A comezos deste mes de setembro, o Concello de Teo remitiu á Xunta un informe de compatibilidade urbanística negativo sobre a planta de residuos que a empresa Toysal quere instalar na Casalonga. Neste xoves, a Consellería de Medio Ambiente puxo fin a este proxecto ao pechar o procedemento de autorización ambiental, decisión automática que se deriva da decisión da administración local, que advertira de que a iniciativa incumplía a normativa urbana da localidade e, en especial, o seu PXOM. No entanto, e como xa advertiran desde o executivo municipal, a compañía tiña unha alternativa preparada a esta esperada negativa

O Concello emitiu un informe negativo de compatibilidade urbanística e a Xunta tivo que pechar o procedemento de autorización ambiental

Agora, Toysal presenta un novo plan que xa estaba enriba da mesa da Dirección Xeral de Minas no pasado xullo. En lugar de planta de residuos, a iniciativa torna nun Plan de restauración da canteira da Casalonga e baséase, segundo os colectivos contrario, no recheo con residuos do importante burato existente na antiga zona mineira, así como na abertura de novos ocos para refugallos. 

Agora, Toysal presenta unha nova iniciativa, un plan de restauración da canteira co que pretende, segundo a plataforma en contra, encher de residuos a zona mineira

Segundo a plataforma Casalonga Limpa de Residuos, a "intención" de Toysal é "crear na canteira un macrocomplexo de recepción de residuos introducindo, por un lado 90.000 toneladas de residuos orgánicos coa instalación da planta e, por outro, unhas 200.000 ao ano de residuos de obra e outros para esparexelos na terra, a auga e o aire da contorna". Segundo o colectivo, a empresa faino "baixo a máscara dunha planta de biogás e un plan de restauración dunha canteira".

Para a veciñanza da zona, unida na plataforma, a emprea propietaria de 41 hectáreas de terreos na Casalonga e con dereito á explotación mineira da antiga canteira desde hai só uns meses, “dá un paso máis na súa estrataxema para converter nun vertedoiro de grandes dimensións o monte”.

A plataforma Casalonga Limpa de Residuos convoca uha gran mobilización para este domingo

Por todo isto, a plataforma convocou para este venres 21 unha asemblea aberta con carácter de urxencia para informar á veciñanza da situación e organizar unha gran mobilización que terá lugar este domingo 23 ás 11 da mañá . "Formarase unha cadea humana ao longo dos máis de 2 quilómetros da estrada que atravesa a canteira". “Esta cadea humana, ademais de simbolizar a unión dun pobo en loita, tamén quere deixar unha mensaxe clara: será o muro co cal se vai a atopar calquera actividade que pretenda esnaquizar as nosas vidas envelenando a terra que pisamos, a auga que bebemos e o aire que respiramos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.