- O Día Europeo das Linguas celébrase entre numerosos incumprimentos para o galego
- VÍDEO | Ciudadanos proclama que o castelán "desapareceu de Galicia"
A escola contribúe á castelanización de nenos e nenas. É a principal conclusión á que chegou a investigación A lingua no CEIP Agro do Muíño, na que participaron a Real Academia Galega, o Concello de Ames e o propio centro de ensino e que foi presentada ese mércores na localidade amesá. O estudo, un dos máis completos realizados ata o momento sobre o galego nun centro escolar, baséase nas enquisas administradas desde o propio colexio a todas as familias e alumnos e alumnas de infantil e primaria e mais ao profesorado, para coñecer a situación sociolingüística da comunidade educativa.
O CEIP Agro do Muíño “é un claro exemplo do desprazamento do galego polo castelán que está a suceder no periurbano de Galicia”
A lingua na que está aprendendo a falar a metade do alumnado é fundamentalmente o castelán. O CEIP Agro do Muíño “é un claro exemplo do desprazamento do galego polo castelán que está a suceder no periurbano de Galicia”, destaca o informe, que chama a atención sobre o efecto da escolarización sobre a muda lingüística dos cativos e cativas galegofalantes cara ao castelán, mais tamén sobre a perda de transmisión xeracional familiar do idioma. Máis da metade das familias do CEIP Agro do Muíño manteñen o galego en maior ou menor medida, un cuarto das familias son galegofalantes e aproximadamente a metade son bilingües.
Preto de 4 de cada 10 familias de fillos e fillas as galegofalantes contestaron que ao iniciaren a escolarización estes comezaron a falar máis castelán
Os datos amosan que o proceso de substitución é maior neste centro que no resto da comarca de Compostela, máis acusado mesmo que no núcleo da cidade de Santiago, e a pesar de contar cun profesorado que adoita priorizar o galego no contexto educativo. Preto de 4 de cada 10 familias de fillos e fillas as galegofalantes contestaron que ao iniciaren a escolarización estes comezaron a falar máis castelán. A maioría (case o 64%) indicou que foi na segunda etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos) onde se produciu esa muda, aínda que case un 20% sinalou que o cambio se remonta á primeira etapa da educación infantil, de 0 a 3 anos. A pesar de que as conversas con mestres e mestras prodúcense maioritariamente en galego, as interaccións de nenos e nenas con outros interlocutores dentro da escola son maioritariamente en castelán: o alumnado diríxese, polo xeral, en castelán ao persoal non docente, aos compañeiros/as e ao persoal das actividades extraescolares.
Con todo, na presentación dos resultados do estudo, apostouse polo optimismo, subliñando que é posible a recuperación de terreo para a lingua entre a mocidade. “Este informe dános moitas pautas para a intervención política”, destacou a Isabel Vaquero, concelleira de Normalización Lingüística, para quen é prioritario adoptar medidas que contribúan a que os nenos e nenas de familias galegofalantes non muden de lingua e motivar, especialmente as familias bilingües para que “como mínimo reteñan e, sobre todo, aumenten o uso do galego cos seus nenos e nenas, porque a familia é un caldo de cultivo inicial fundamental para a supervivencia do idioma”.
“O acceso ao sistema educativo en Galicia está sendo netamente desgaleguizador, e neste campo hai unha responsabilidade moi directa das institucións públicas, o goberno e todos nós, a sociedade en xeral”
Na presentación do informe participaron o alcalde de Ames, José Miñones Conde, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, a directora do CEIP Agro do Muíño, Mª Carmen Liñares, Xaquín Loredo, coautor do informe e membro do Seminario de Sociolingüística da Academia, Isabel Vaquero, concelleira de Normalización Lingüística de Ames, e Henrique Monteagudo secretario da RAG e coordinador do Seminario de Sociolingüística.
Henrique Monteagudo fixo fincapé no negativo impacto da escolarización no uso da lingua. “O acceso ao sistema educativo en Galicia está sendo netamente desgaleguizador, e neste campo hai unha responsabilidade moi directa das institucións públicas, o goberno e todos nós, a sociedade en xeral”, dixo. A análise apunta que o centro escolar ten unha parte importante de responsabilidade no proceso de mudanza lingüística, mais non como sistema formal de adquisición de competencias senón como sistema de socialización secundario despois da familia, relación compartida con outros contextos de socialización externos á escola que, fronte á familia, cobran crecente importancia na sociedade contemporánea.
Proposta de liñas de actuación
- Os nenos e nenas procedentes de familias castelanfalantes adoitan carecer de referentes lingüísticos en galego (próximos). O estudo aposta por dotar a este sector do alumnado de referentes en lingua galega, tanto familiares coma iguais. Para o primeiro pode traballarse cos cativos e cativas na historia sociolingüística familiar de cada un/ha, o que lles permitirá atopar referentes familiares en galego nas súas propias familias; para o segundo sería interesante establecer relacións de colaboración, presenciais ou a través de medios tecnolóxicos, con outros centros educativos cun maior índice de galegofalantes.
- Para reducir o número de nenos galegofalantes que na escola deixan de falar galego e pasan ao castelán, proponse "traballar coa conciencia metalingüística e aumentar a resistencia ao cambio deste sector do alumnado". "É preciso traballar cos cativos cuestións como cando e onde falan galego, cando e onde falan castelán, se se trata dun cambio voluntario e involuntario e, finalmente, por que realizan eses cambios", sinálase.
- O estudo recolle unha predisposición lingüística positiva cara ao galego por parte do alumnado con respecto a ítems xenéricos como a validez do galego. Porén, as actitudes positivas cara a ítems concretos relacionados cos medios de comunicación ou áreas de interese dos nenos e nenas como, por exemplo, os videoxogos, redúcense ata o 50%. O informe aposta por incidir nestes ámbitos.
- Os datos amosan que as nenas empregan máis o galego que os nenos. O informe suxire traballar o modelo lingüístico de xénero e tamén, en concreto, as razóns de por que as rapazas empregan máis o galego que os rapaces cando os datos indican que nas familias a situación é a inversa: os pais empregan máis o galego que as nais.
- En canto ás familias apóstase por traballar con nais e pais "nunha redefinición do concepto de plurilingüismo". "Nesta órbita cómpre tamén salientar a importancia de coñecer o galego e aprendelo desde pequenos (é dicir, o seu valor instrumental) á hora de adquirir outras linguas ao longo da vida", destácase.