0 Gardados para despois

Lugo Sen Mordazas: "A proposta de ordenanza é produto dunha visión da sociedade profundamente clasista"

Redacción | @prazapublica

Hai unhas semanas o Goberno local de Lugo presentou unha proposta de ordenanza cívica que de inmediato xerou un gran rexeitamento en boa parte do tecido social da cidade e que tamén contou coas críticas de Lugonovo, BNG e ACE, mentres que PP e Ciudadanos se limitaron a presentar algunhas alegacións para corrixir parte do seu articulado. De ser aprobada, a norma suporía a imposición de multas de ata 3.000 euros para castigar condutas como pedir esmola, realizar pintadas ou exercer a prostitución. 

Contra ela organizouse a Plataforma Lugo Sen Mordazas, que este mércores convocou unha manifestación que percorreu as rúas da cidade e reuniu a centos de persoas. Falamos con Alejandro, un dos voceiros da plataforma, sobre o éxito da mobilización e as futuras accións que prepara a entidade, que todos os luns celebra asembleas na Praza Maior.

Por que rexeitades a "Ordenanza Cívica" proposta dende o Goberno municipal?

É unha ordenanza en primeiro lugar innecesaria, que nace dun alarmismo creado por Concello, medios e comunicación e determinadas asociacións empresariais. Lugo é unha das cidades máis seguras de España no que se refire a roubos e polo tanto non existe a inseguridade coa que La Voz de Galicia ou El Progreso tentan amedrentar á poboación para despois colar este tipo de ordenanzas. O que en realidade busca esta ordenanza é privatizar o espazo público, antepoñendo intereses empresariais fronte aos tecidos comunitarios.

"O que en realidade busca esta ordenanza é privatizar o espazo público"

Ademais, busca estigmatizar colectivos vulnerables, como as mulleres que ofrecen servizos sexuais ou a xente que pide esmola. Crea así mesmo unha situación de arbitrariedade, pois dependerá dos axentes de policía decidir cando se aplica ou non a lei, o que pode ser crear discriminacións raciais ou clasistas. Tamén é moi preocupante a censura e a persecución que poden sufrir colectivos sociais, multas de ata 1.500 euros por colocar mesas informativas ou repartir panfletos. Igualmente, perséguese ás mulleres que teñen que exercer a prostitución no barrio da Tinería, onde está habendo un proceso de xentrificación enorme promovida por un asociación de empresarios, que impulsa tamén esta ordenanza.

Credes, polo tento, que a ordenanza ten un obxectivo ideolóxico?

Creo que a proposta do Goberno municipal é produto dunha visión da sociedade profundamente clasista: queren afastar da rúa todo o que lles molesta ou incomoda, por exemplo toda a pobreza que por desgraza existe na cidade e que habería que combater con outro tipo de medidas e non con accións represivas contra as persoas que sofren esa pobreza. 

Sorprendeuvos o éxito da manifestación que tivo lugar este mércores?

Sabíamos que a mobilización estaba crecendo e cada vez recibíamos unha resposta positiva de máis persoas e colectivos. Pero ao final a participación na manifestación si que superou as nosas expectativas, sobre todo por parte da xente nova.

"A participación na manifestación superou as nosas expectativas, sobre todo por parte da xente nova"

Como valorades a resposta do Concello ás vosas denuncias? E a dos medios de comunicación tradicionais?

Estamos recibindo unha gran represión por parte do Concello. É unha persecución clara, simplemente por pegar carteis ou ofrecer información pola rúa. Por exemplo, por recoller sinaturas un compañeiro recibiu unha multa de 600 euros, amparándose o Concello na Lei Mordaza do Partido Popular. O Concello pega carteis por riba dos nosos, borra os nosos murais..., segue sen querer ver a realidade social da cidade e a resposta da xente. E o mesmo por parte dos medios de comunicación tradicionais: El Progreso dedicoulle á manifestación apenas uns parágrafos, cando foi unha das marchas máis masivas dos últimos anos en Lugo, só por detrás da do 8 de marzo. E o mesmo por parte de La Voz de Galicia. E a pesar de todo isto o apoio á manifestación foi moi importante.

"O único que entende o Concello é a privatización dos espazos públicos en termos mercantís e fronte a iso nós queremos construír unha cidade distinta"

Cara a onde vai evolucionar a vosa mobilización? Que iniciativas tedes en marcha?

Estamos creando algo que vai máis aló da loita contra esta ordenanza e que pasa por tecer lazos comunitarios, indo á raíz dos problemas sociais. Nos vindeiros meses organizaremos unha serie de actividades, sobre todo naqueles barrios máis golpeados pola pobreza e máis abandonados polo Concello. Xa en novembro estamos preparando unhas xornadas, nas que falaremos de modelos de cidade, alternativas ás políticas actuais e ás que convidaremos a representantes dos colectivos máis afectados por esta ordenanza. O que queremos é recuperar e impulsar ese tecido comunitario que a ordenanza busca destruír, por exemplo poñendo dificultados para xogar na rúa, para sacar a cadeira á rúa ou para tocar música na rúa. O único que entende o Concello é a privatización dos espazos públicos en termos mercantís e fronte a iso nós queremos construír unha cidade distinta.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.