0 Gardados para despois

As protestas por falta de profesorado continúan: paro e mobilización en Vilar de Barrio

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


As protestas pola falta de profesorado e a masificación en varios centros de ensino en Galicia non se deteñen. Logo das dúas semanas de peche e folga, o IES de Brión conseguiu recuperar un curso de reforzo en Secundaria e o alumnado volveu ás clases malia manterse as protestas pola imposibilidade de desdobrar 4º de ESO ou de impartir todas as optativas. En Santiso, a rapazada do CEIP Arcediago regresa ao centro tras días de mobilizacións e logo de que a Xunta asignase un terceiro docente para Primaria, como reclamaban, aínda que só a media xornada. Outra medida insuficiente que provoca que as familias continúen coas mobilizacións puntuais, como as doutros colexios en Roxos, Ares, Ordes, Santa Comba ou Redondela. Agora, as protestas chegan a Vilar de Barrio, onde nais, pais e pequenos levan a cabo na mañá deste xoves unha concentración e un paro educativo.

Varias mobilizacións esixindo máis profesorado leváronse a cabo en centros de Brión, Santiso, Roxos, Ordes, Ares, Santa Comba ou Redondela 

As consignas son as mesmas que as escritas e escoitadas noutras protestas: "Queremos máis docentes para un ensino decente". Como ocorre noutros colexios mobilizados, a ANPA do CEIP Vilar de Barrio leva tempo reclamando á Consellería de Educación un mestre máis para o seu centro. "Van xa dous anos solicitando un profesor máis; co cadro de persoal actual, de catro, moitas veces teñen que dobrar a súa xornada para atender os noso fillos e fillas e as súas dificultades", explica Lidia Prieto, presidenta da ANPA. "Máis recursos no rural", líase nalgunha das pancartas entre protestas polos "recortes" da Xunta. 

Familias e alumnado do CEIP Vilar de Barrio mobilízanse e realizan un paro educativo para demandar un profesor máis no centro

Porque foi hai dous cursos cando se eliminou unha praza nun centro con 48 cativos. A ANPA reclamou desde aquela a restitución do docente á Xefatura Territorial de Educación e mantivo xuntanzas tanto coa responsable da Consellería na provincia como coa Inspección. "Pedimos vez para reunirnos memsmo en Santiago e nin resposta obtivemos", explicaron este xoves nun comunicado lido ás portas do colexio, onde se manifestaron familias e alumnado. Alí amosaron a súa "indignación" pola "falta de profesorado" e o feito de que toda a rapazada teña que agruparse en tres aulas, "chegando a sumar mesmo 18 nenos nunha clase. Ademais, segundo denuncian, a inexistencia de profesorado de apoio provoca que "non se poida atender a pequenos e pequenas que requiren necesidades educativas especiais". "Así non superarán as súas dificultades", explican.

"O CEIP non pode continuar mantendo a calidade educativa con só catro docentes para 48 alumnos"

Ademais, aclaran que o seu centro é "de referencia", ten un profesorado "implicado" e oi gañador de varios premios de innovación educativa ou galardóns por proxectos de robótica ou de radio. "O CEIP pode continuar mantendo a calidade educativa con só catro profesores e profesoras para 48 nenos.Temos datos doutras escolas no rural e a nosa é a peor dotada", insisten. 

 O ANPA reclama un docente máis para non ter que agrupar varios cursos nunha aula ou poder ter profesorado de apoio

"No curso pasado, cando un docente faltaba, os nenos tiñan que ser repartidos polas distintas aulas para que os puidesen atender, rapaces de diferentes niveis pero que obviamente non poden quedar sós nin ser desatendidos", explica a ANPA, que reclama "un centro educativo de calidade". "Queremos os medios necesarios e mobilizarémonos para ter un profesor xa", engaden. "Seguiremos loitando e non imos parar aquí se non se atenden as nosas demandas", aclara Prieto, que asegura que a resposta da Consellería de Educación, ao igual que ocorría noutros centros mobilizados, é que os ratios de alumnos nas clases cumpren cos criterios mínimos establecidos, polo que non é necesario asignar máis. 

Ademais do caso de Vilar de Barrio, nos últimos días coñeceuse tamén o apoio recibido polo centro As Mirandas, de Ares, nas súas reivindicacións para contar cunha praza máis de profesor en Infantil. O Concello, En Marea e sindicatos como CIG, ANPE ou CCOO sitúanse do lado da dirección do colexio, que considera que é "ilegal" que non se atenda a súa solicitude e que denuncia a falta de resposta por parte da Consellería de Educación. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.