0 Gardados para despois

Google veta os anuncios de eventos en galego

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"Rechazado. Idioma no disponible. Idioma: gallego (España). Esta foi a mensaxe que organizadores do festival Cantos na Maré recibiron de Google logo de intentar contratar sen éxito unha campaña de publicidade coa multinacional para difundir unha edición máis do evento da música e da lusofonía que se celebrará desde o vindeiro xoves en Pontevedra. 

"Rechazado. Idioma no disponible. Idioma: gallego': Google impediu a Cantos na Maré anunciarse en galego

No seu intento por promocinar o certame, xestores de publicidade para Cantos na Maré empezaron os trámites para contratar unha campaña a través de Google Ads, a antiga Google Adwords, servicio da empresa pola que ofrecen anuncios patrocinados a potenciais anunciantes e que é a súa principal fonte de ingresos. Técnica habitual en moreas de promocións de eventos, os organizadores cumpriron cos trámites normais á espera de que o xigante da Internet comprobase e validase o anuncio.

"É o procedemento habitual: fas o anuncio, envíalo, pagas e logo eles mándanche unha mensaxe co estado porque teñen que comprobar que non conteña palabras inapropiadas e cumpra cuns requisitos mínimos. A nosa sorpresa foi cando lemos no aviso que non o aceptaban por estar en galego", din fontes da organización, que recibiron ademais un correo electrónico que explicaba o motivo do rexeitamento: "Idioma no admitido. Gracias por el interés mostrado en publicar anuncios con Google Ads. Aunque actualmente no trabajamos con todos los idiomas, estamos haciendo  todo lo posible para que el servicio de Google Ads pronto esté disponible  en más idiomas".

A compañía explicou aos organizadores que os seus equipos "non están optimizados para o galego"

No intento por pasar o filtro, a organización buscou elaborar o anuncio --adoitan ser curtos e con moi poucas palabras-- incluíndo verbas que foran galegas pero coincidentes co castelán. Tampouco resultou. Así, puxéronse en contacto coa propia compañía, que lles explicou que os equipos de Google "non están optimizados para o galego" e que o problema xurdía da páxina web á que redirixía o enlace do anuncio, a propia de Cantos na Maré, por estar escrita unicamente en lingua galega

A multinacional aclara que o problema é que a web de Cantos na Maré á que redirixen os anuncios estea unicamente en galego

"O sistema non está adaptado para o galego e como a web de destino está en galego, non funciona", explicou aos organizadores Google, compañía que a través de Google Ads ofrece os anuncios patrocinados de dous xeitos: aqueles que aparecen na páxina de resultados do buscador xunto ás buscas e que se diferencian dos resultados orgánicos porque inclúen a palabra anuncio en cor verde xunto á URL; e en forma de banners en diferentes webs que forman parte da denominada Rede de Display da firma, sendo estes anuncios máis flexibles e variados que os que aparecen no buscador. 

Na propia web de axuda de Google Ads aclárase que a interfaz está "dispoñible en 44 idiomas" entre os que se inclúe, ademais do español e o portugués, o catalán. Con todo, aclara que esta listaxe de idiomas admitidos "son diferentes daqueles aos que se poden orientar os anuncios". Malia que a multinacional si presta outros servizos en lingua galega, como o de tradución, non todos os seus servizos teñen o galego entre as súas opcións. Nin tan sequera para contratar publicidade. 

Google Ads, o servizo de anuncios de Google, está dispoñible en catalán pero non en galego

Desde Cantos na Maré aseguran que esta política de Google "ten unhas implicacións que van alén" do festival. "Está a establecer un campo vedado para o idioma dun país enteiro. E resulta paradoxal que aconteza con Cantos na Maré, que é exactamente o contrario: un espazo de encontro de linguas, culturas e países", explica a organización. 

"Google establece un campo vedado para o idioma dun país enteiro; é un desprezo á lingua dun país, do noso", di Cantos na Maré

Cantos na Maré lembra que "naceu arredor dun espazo lingüísitco e cultural, o da lusofonía" e que "evoluciona incorporando máis linguas, máis propostas, máis ideas, máis expresións culturais". "Google está a facer o contrario cando nos di que veta a nosa publicidade por ter a nosa web en galego", insiste, tras anunciar que a organización está a "analizar que facer para axudar a corrixir este problema, porque non é un problema de Cantos na Maré, é un desprezo á lingua dun país, do noso". Este xornal tentou recabar a versión da empresa tecnolóxica sen que, polo momento, ofrecese respostas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.