"Bolsonaro é un instrumento dos poderes financeiros internacionais, un novo colonialismo"

Marcos Sorrentino, na charla que ofreceu este martes na sede da Marea Atlántica © Marea Atlántica

Marcos Sorrentino é profesor de Ciencias Forestais da Universidade de São Paulo e foi un alto cargo do Ministerio de Medio Ambiente do Brasil con Lula. Este martes estivo na Coruña convidado pola Marea Atlántica para falar das políticas de sustentabilidade no Brasil e, de paso, valorar o resultado das eleccións que levaron a ultradereita ao poder.

O programa electoral co que Jair Bolsonaro gañou as eleccións presidenciais contén importantes recortes nos dereitos e liberdades civís e promete recortes nas politicas sociais e unha sucesión de privatización de empresas e bens públicos. Igualmente, no campo da sustentabilidade, aposta por relaxar os controis medioambientais, favorecer a megaminería, incrementar a deforestación da Amazonia para estender as terras de cultivo e cuestiona, entre duras críticas ao movemento ecoloxista ou ao MST, a permanencia do Brasil no Acordo de París sobre emisións e cambio climático.

"A elección de Bolsonaro vai xerar un enorme retroceso na cuestión ambiental, nos dereitos humanos, nas liberdades democráticas e nas oportunidades de que Brasil continúe a avanzar polo camiño da inclusión social"

Que efectos vai ter a vitoria de Bolsonaro nas eleccións presidenciais?

A miña avaliación, compartida por múltiples compañeiros e compañeiras de profesión é que a elección de Bolsonaro para a Presidencia da República vai xerar un enorme retroceso na cuestión ambiental, nos dereitos humanos, nas liberdades democráticas e nas oportunidades de que Brasil continúe a avanzar polo camiño da inclusión social e de superación dunha historia de escravitude, de colonialismo. Apenas nós comezabamos a camiñar na consolidación dunha democracia e en moitas cuestións estabamos aínda iniciando o proceso para facer compatibles desenvolvemento e conservación. Pero coa elección de Bolsonaro a nosa percepción é que se apunta a un retroceso, a un proceso de degradación social e ambiental no Brasil.

Cales son as claves da súa vitoria? Por que gañou as eleccións?

El tivo unha asesoría moi eficiente, do mesmo grupo que contribuíu para a elección de Trump e empregou a propaganda fundamentada na mentira, nas chamadas fake news. A través delas divulgou cousas horrorosas a respecto do outro candidato e a respecto dos ideais democráticos, humanistas, socialistas e ambientalistas. Por exemplo divulgaron que había un kit, denominado por eles kit gay, que supostamente servía para ensinarlles ás crianzas nas escolas a seren gays. Parvadas deste tipo, pero que repercutiron nun electorado relixioso e no electorado de máis idade. Ou discursos sobre a legalización das drogas ou do aborto. E no campo económico, un discurso que relacionaba ao PT e á esquerda en xeral con Venezuela e o que os medios din que ocorre en Venezuela: un discurso do medo que afirmaba que de gañar o PT convertería o Brasil nun país comunista. 

Bolsonaro, nun evento cos seus seguidores | PSL

Que valoración fas dende o ambientalismo da xestión do PT e das súas políticas de sustentabilidade? 

A valoración que nós facemos dos 13 anos de goberno do PT é que houbo avances significativos. No primeiro día de goberno de Lula, el convidou á Marina Silva a ser ministra de Medio Ambiente, unha acreana da Amazonia, serengueira, ligada ás loitas da muller no campo, cunha historia de defensa da natureza... Foi a primeira vez que Brasil contaba cun Ministerio de Medio Ambiente, un ministerio ademais militante e activista composto por ambientalista. E ese ministerio foi capaz de levar á axenda pública os temas que estaban na axenda dos movementos sociais. Neses 13 anos non se conseguiu a plena implantación desa axenda política, pero si que se xeraron profundos debates que enfrontaron ao núcleo do Goberno.

Había, ademais, a esperanza, de que o novo Goberno do PT atendería parte das demandas non cumpridas nos gobernos pasados, comezando pola reforma agraria, unha cuestión fundamental para diminuír a violencia na cidade e no campo e para posibilitar unha maior produción de alimentos, unha reforma agraria que sería agroecolóxica. Tamén a demarcación definitiva das terras indíxenas.

"Ten un compromiso moi forte cos sectores ruralistas que defenden un desenvolvemento sen freo da produción de monocultivos para a exportación. Ten tamén un compromiso co sector mineiro e prometeu liberalizar a explotación mineira no país"

A vitoria de Bolsonaro supón un perigo para a Amazonia e para o medio ambiente no Brasil?

Un perigo total e completo. Se el cumpre o que prometeu ao longo da campaña en varios discursos destemperados, podemos prever unha degradación moi grande na Amazonia e en todos os sistemas naturais do país. El ten un compromiso moi forte cos sectores políticos ruralistas, que defenden un desenvolvemento sen freo da produción de monocultivos para a exportación. Ten tamén un compromiso co sector mineiro e prometeu liberalizar a explotación mineira no país, unha explotación brutal que non agrega valor e que só exporta materias primas sen procesar. Bolsonaro carece mesmo dun compromiso nacionalista. Os militares tradicionalmente son nacionalistas, pero Bolsonaro fala de privatizar as empresas públicas, mesmo a extracción de petróleo, as universidades públicas... O seu Goberno estase posicionando como un instrumento dos poderes financeiros internacionais, un novo colonialismo que ve o Brasil e outros países americanos ou africanos apenas como fornecedoras de materias primas. É un sistema colonial modernizado, con outras armas.

Como comentas, Bolsonaro apoia as demandas de grandes propietarios de terras que promoven incrementar a superficie agraria a custa de territorio de selva e bosque. Como se fai compatible a produción de alimento coa protección do medio ambiente?

O Brasil ten 850 millóns de hectáreas de superficie; delas hoxe temos 80 millóns destinados á agricultura e 200 millóns á gandaría, cunha produtividade moi baixa. Se nesta área dedicada á gandaría se mellora o rendemento, con técnicas sinxelas de tratamento de pastos, podería duplicarse a produción de carne e leite, o que podería liberar millóns de hectáreas para novos cultivos sen reducir o espazo da Amazonia e sen degradar o solo. Brasil pode cumprir a misión de alimentar ao mundo, pero ten que facelo de forma máis eficiente.

A deforestación do Amazonas non se detivo nas últimas décadas | Greenpeace 

Brasil é un país moi grande. Ten grandes espazos de selva, enormes superficies de cultivo e amplas zonas rurais, pero tamén megaurbes de varios millóns de habitantes. Cales son as grandes cuestións ambientais nese territorio urbano, cada vez máis importante?

O Brasil ten hoxe o 85% da súa poboación vivindo en núcleos urbanos, e aumentando. Polo tanto é fundamental comprender a cuestión ambiental sobre a lóxica urbana: cuestións de mobilidade, reciclaxe, saneamento, arborización urbana, hortas urbanas, vivenda..., pois hai moitísimas persoas vivindo nas rúas, a pesar de que hai seis millóns de vivendas baleiras. Polo tanto, non é unha cuestión de falta de terras, de alimento ou de vivenda, senón de mala distribución. Creo que Haddad cando foi alcalde de Sao Paulo e outros gobernantes de esquerda no Brasil demostraron que se podían facer outro tipo de políticas para enfrontarse á especulación urbanística. O PT deixou moito que desexar na súa axenda urbana, sobre todo na parte de educación ambiental, pero contribuíu a introducir o debate na axenda pública e puxo en marcha primeiras experiencias que se demostraron exitosas.

"O Brasil ten hoxe o 85% da súa poboación vivindo en núcleos urbanos, e aumentando. Polo tanto é fundamental comprender a cuestión ambiental sobre a lóxica urbana"

Cales son as proposta de Bolsonaro en mobilidade, en reciclaxe, en vivenda...?

Non sei se el xa pensou nesas cousas ou se ten algunha proposta. As súas únicas propostas no campo ambiental foron eliminar o Ministerio de Medio Ambiente e inserilo no de Agricultura, o que xa demostra unha incapacidade de percibir que as cuestións medioambientais non se limitan á agricultura. Tamén propuxo retirar a Brasil do acordo de París sobre emisións e cambio climático porque iso “limita o progreso”. E pouco máis. Non ten unha proposta alternativa.

Imaxe da cidade de Sao Paulo, unha conurbación que chega aos 20 millóns de habitantes | Diego Torres Silvestre

Como se loita contra Bolsonaro? Que é o que os movementos contrarios ás súas políticas deben comezar a facer dende esta semana para buscar unha mudanza de goberno? 

O gran desafío é traballar na educación popular. Se estamos no Goberno temos unha gran ferramenta para chegar á poboación; e se non estamos temos que continuar facendo o que levamos facendo dende os anos 60: continuaremos coas campañas de educación ambiental, coas ocupacións de terras para facer hortas urbanas, co traballo que facemos dende as universidades, e seguirá o traballo que fan os movementos sociais, coma o MST, o MTST e outros moitos. Temos que conseguir que a xente sexa consciente que pode ser feliz por camiños distintos ao do consumismo desaforado.

"Máis importante que as redes sociais en si é a nosa capacidade para crear unha intelixencia do ben, comprometida coa difusión deses ideais e coa difusión dunha cultura de sustentabilidade"

Para chegar á gran maioría da poboación, temos que usar as mesmas ferramentas que empregaron os think tanks da degradación. Os medios dixitais son importantes, pero máis importante que as redes sociais en si é a nosa capacidade para crear unha intelixencia do ben, comprometida coa difusión deses ideais e coa difusión dunha cultura de sustentabilidade. Iso esixe o que Paulo Freire chamaba círculos de cultura, círculos de aprendizaxe participativa: as asociacións de veciños ou os grupos que se unen ao redor dunha temática (feminismo, LGBT, raza, pacifismo, ambientalismo...), pensando outra realidade posible. Iso si, hai que ter coidado con Bolsonaro, porque el traballa a través do lanzamento de cuestións bombásticas, propostas e ideas sobre as que as esquerda comeza a discutir e a mobilizarse, e mentres el vai ir levando a cabo o seu programa de forma subterránea, facendo menos ruído.

Marcos Sorrentino, este martes na sede da Marea Atlántica | MA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.