Médicos e o resto do persoal de Urxencias do CHUS inician este luns unha folga indefinida

Protesta en Urxencias do CHUS, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA CIG

Os médicos e o resto de persoal do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) irán á folga desde este luns 12. O sindicato médico O'Mega convocou para o mesmo día o comezo dun paro que se une ao da comisión de centro e que apoia tamén a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS. 

Á convocatoria de folga da comisión de centro uniuse o sindicato médico o'Mega

Os paros convocados pola comisión de centro levaranse a cabo todas as semanas desde este luns ás 8 horas e até o xoves á mesma hora, unha decisión ratificada tras unha xuntanza do comité de folga coa xerencia do CHUS e unha oferta de incremento do persoal que considera "insuficiente". No caso da convocada para o persoal médico, os tempos son os mesmos: os luns, martes e mércores (incluída a madrugada do xoves) desde esta semana. 

Os paros levaranse a cabo desde este luns ás 8 horas até o xoves á mesma hora

A comisión de centro reclama un acordo para unha dotación orzamentaria que permita aumentar o cadro de persoal até alcanzar o número necesario en todas as categorías, desde médicos a celadores. E insiste na necesidade para dar "unha asistencia necesaria de calidade" que evite os "colapsos" que leva denunciando no servizo de urxencias desde hai tempo. Esixen, ademais, un protocolo que asegure que os doentes que agardan sexan atendidos por un especialista no menor tempo posible. 

Pacientes a agardar nun corredor do Hospital Clínico de Santiago / Asociación Pacientes CHUS

Así, o persoal deuncia que o complexo hospitalario de Santiago está "infradotado" en comparación con instalacións "dun volume equitativo", tanto no que ten que ver con persoal e medios como cos espazos habilitados. 

Médicos e resto de persoal denuncian a escaseza de persoal e medios e os "colapsos" continuos nas Urxencias

No caso das reivindicacións dos médicos, a través do sindicato O'mega, esixen persoal dabono para dar cobertura a toda a demanda, unha zona dedicaca exclusivamente a observación de doentes encamados e outra dedicada aos pacientes con doenzas leves, ademais da priorización das intercosultas que se xeran en urxencias. Ademais, reclaman tamén o cumprimento do requisitos de Inspección de Traballo, que din que "continúan sen aplicarse", e o abono das horas, fóra da xornada asistencial, que os profesionais empregan na súa formación. 

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia o "sistemático maltrato asistencial" e a "conduta neglixente e intolerante da xerencia por non admitir a realidade" e "non estar diposta a dotar os medios reclamados". O colectivo insiste en que os medios son "manifestamente insuficientes" e en que segue a ser habitual a falta de camas e a espera de doentes no corredor de acceso. 

Así, a entidade apoia a folga do persoal e considera que a súa decisión "indica o seu nivel de implicación opoñéndose a que se perpetúe un modelo de asistencia denunciado en repetidas ocasións". Nesta primeira xornada de folga do luns, a comisión de cnetro convocou tamén unha concentración diante das Urxencias do Clíneico ás 12 do mediodía. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.